No documental Once we were brothers, un dos sobrevivintes de The Band relata os días de gloria do rock americano... ata que a morte chegou para acabar con todo. Entre o esplendor e a decadencia tamén se move desde sempre o naval. No caso dos irmáns dos estaleiros, viviron os anos dourados do sector entre as antigas Bazán e Astano: cando na ría de Ferrol botaban os maiores petroleiros e buques de guerra do mundo. Pero ao mesmo tempo que as botellas de champán se lanzaban contra os navíos, na súa construcción empregábase o amianto. Este material canceríxeno empregouse no sector sobre todo para o illamento térmico dos barcos, ata mediados dos anos 80 e sen protección para os empregados. En España chegou a prohibición no ano 2002. Pero mentras tanto, o 70% dos operarios dos estaleiros públicos galegos quedaron afectados polo amianto.

Nas fotos das festas daqueles novísimos aprendices de 1950, as caras empezáronse a borrarse a finais da década dos 90. Actualmente, unhas 17.000 persoas na comarca atópanse enfermas por traballar con ese mineral. Pero hai dúas décadas, aínda se buscaba a orixe daquela praga mortal na comarca. Deses 17.000 afectados, case 12.000 agardan polo fondo de compensación estatal prometido para este colectivo. E unha representación do colectivo concentrarase este xoves ante Navantia, para denunciar os retrasos dese fondo, das revisións médicas e dos xuízos.

“En moitos casos, cando chegas ao xuízo xa estás morto... así pasou con varios compañeiros”, lamenta o presidente da Asociación Galega de Vítimas do Amianto (Agavida). Xoán Xosé Pita recorda que no que vai de 2021 xa faleceron unhas 12 personas no norte de Galicia por traballar co amianto na fabricación de barcos. “A inmensa maioría dos enfermos son antigos operarios dos estaleiros de Ferrol e Fene, pero tamén hai militares que se pasaban meses nos buques”, indica. Aparecen casos de “afectados en Endesa”, segundo Agavida. E no pasado, houbo mulleres de traballadores do naval contaminadas por lavar os seus buzos. “O perfil habitual é o dun home de máis de 70 anos, aínda que temos a xente máis nova que traballou nestas condicións sendo un rapaz”, recalca Pita.

Agora, os afectados agardan pola execución dun fondo de compensación estatal que tería o respaldo do actual Goberno pero que non aparece nos orzamentos para 2022. As protestas sucederanse por toda España, pero teñen máis importancia en Ferrol: a zona máis afectada polo amianto de España, e con índices non rexistrados no resto da Unión Europea. “A maiores denunciamos que os recoñecementos do INSS tardan tres anos ou que só se aproba un 30% no recargo de prestación”, sinalan desde Agavida.

O amianto provoca o engrosamento da pleura, ata comprimir o pulmón e dificultar a respiración. Os casos máis graves derivan en asbestose (fibrose pulmonar) e cancro. Este material empregouse cando os estaleiros do norte galego tiñan récord de emprego, con 15.000 persoas en Bazán e Astano. A consulta monográfica da asbestose, creada en 2002 no hospital Arquitecto Marcide e nas mans de Carmen Diego, confirmou que o 70% daqueles antigos traballadores estaban afectados e cun tempo medio de exposición superior aos 20 anos.

“E no Sergas agora tamén padecen os retrasos, antes facíanse todas as probas nun día e agora dilátanse no tempo xa desde antes da pandemia”, afirma Xoán Xosé Pita. A asociación conta actualmente con case 600 socios, e cada mes teñen xuízos de xubilados do naval. “Ás veces suspenden un xuízo seis meses, e cando se pode celebrar o enfermo xa morreu polo camiño”, indica o presidente. A sensación por parte deles é de “abandono, hai que vivilo para velo... por iso animamos a que os afectados loiten dentro de Agavida, xa que por libre aínda é moitísimo máis duro”.

No caso do amianto, o tempo medio de latencia —canto tardan os efectos en manifestarse— chega aos 43,5 anos desde a primeira exposición. E segundo se confirmou nos xuízos, as empresas non aportaban as medidas necesarias aos traballadores. E o amianto caía como folerpas de neve sobre operarios sen máscaras, que mesmo empregaban este material como mantas para protexerse do frío. Aquela irmandade de aceiro convertiuse en cinzas coas mortes que non cesan. E os vivos piden dignidade para os anos que lles quedan.

Duascentas despedidas entre 2008 e 2018

No ano 2011, Agavida tiña nas súas mans un informe que revelaba que Ferrol era a cidade europea coa taxa máis alta de mesoteliomas. Hai dous anos, o Sergas atendía a case 2.000 pacientes na área sanitaria de Ferrol (entre atención primaria e consulta monográfica). E Ramón Tojeiro, que entón presidía Agavida, aseguraba que a cifra de mortos entre 2008 e 2018 se aproximaba aos 200. E o 90% dos afectados foran traballadores dos estaleiros. Cada ano, os xulgados de Ferrol acollen unha media de 40 xuízos de reclamacións das vítimas ou das familias —no caso dos falecementos—. Case a totalidade das sentencias son favorables aos traballadores, que presentan reclamacións individuais. O 5% son desfavorables e corresponden con frecuencia a operarios de auxiliares desaparecidas. O amianto impactou especialmente na ría de Ferrol, adicada á creación de grandes buques de guerra e petroleiros. Nestes sectores proliferaba o amianto. En cambio, a incidencia no naval de Vigo foi moitísimo menor aínda que tamén existan casos. Antes da pandemia, a consulta monográfica da asbestose no hospital Arquitecto Marcide atendía a unhas 1.300 persoas. E outras 600 estaban en atención primaria. O amianto tamén se empregou no sector da construcción de edificios —coa uralita—, nos talleres de coches ou na propia Armada —nos casos deses buques de guerra—. En toda España, a cifra de falecidos chega aos 7.000 desde 1998 —cando se empezaron a rexistrar os datos no INE—. Noutras comunidades, o mineral empregouse noutros sectores como o ferrocarril. A creación dun fondo estatal de compensación, pendente desde o ano 2013, consolidaría as axudas para os afectados, como xa acontece en Francia, Italia ou Reino Unido.