Cúmplense 50 anos desde a conferencia internacional sobre medio ambiente que tivo lugar en Estocolmo en 1972 marcando o inicio da conciencia pública sobre os problemas ambientais globais. Preocuparse polo medio parecía excéntrico nun mundo convencido das posibilidades ilimitadas do progreso, con excepcións como o informe do Clube de Roma sobre os límites do crecemento, que afirmaba que non pode haber crecemento ilimitado nun marco físico limitado, ademáis de predecir o progresivo colapso da nosa civilización sen un cambio nas dinámicas económicas, e considerar que podía evitarse, cousa aínda certa pero cada vez máis costa arriba.

Da Conferencia de Estocolmo saíu unha declaración con 26 principios e un plan de acción con 109 recomendacións. Sobre o papel estaba ben, pero a súa aplicación foi moi reducida. Dous terzos das emisións de gases de efecto invernadoiro producíronse nestes 50 anos e tamén desapareceu arredor do 70% de toda a fauna salvaxe do planeta, en relación directa coa actual pandemia: a perda acelerada de hábitats fai que se rompan os equilibrios dos ecosistemas espallando zoonosis.

En resume, a pesar de que a enfermidade medioambiental está diagnosticada e o seu tratamento prescrito desde hai medio século, predomina a inacción e o problema medra e ameaza con levarnos por diante por destruir aceleradamente os equilibrios e soportes biofísicos do planeta que nos deizan respirar, beber e alimentarnos.

Non hai que ir moi lonxe para comprobalo porque Galicia está á cola nas políticas medioambientais. Somos a última comunidade do Estado en superficie protexida (sobre o papel) do noso territorio polo principal instrumento de protección medioambiental, a Rede Natura, o 12% fronte ao 28% de media estatal. Das 201 especies en perigo de extinción ou ameazadas de Galicia, so tres teñen plans de conservación ou recuperación, a pesar de que según a lei todas deberían telo. A contaminación e outras causas medioambientais fan que as nosas rías vexan progresivamente reducida a súa producción marisqueira e os montes de gran parte de Galicia estanse convertindo nun monocultivo de eucalipto que reduce a biodiversidade da que dependemos sen darnos conta. Por exemplo, unha minúscula bacteria oceánica chamada Prochlorococcus “fabrica” boa parte do osíxeno que respiramos.

Finalmente, a pesar de que somos unha das comunidades con máis enerxía renovable, o 73% do total da enerxía que consumimos procede dos hidrocarburos causantes do cambio climático, o que da idea da transformación pendente: a nosa supervivencia pide a berros e con urxencia unha —factible— revolución verde.