Galicia consolida a sanidade animal como piar básico na gandería e na saúde pública

O excelente nivel actual da cabana outorga ao sector unha importante posición de vantaxe competitiva sobre outros territorios á hora de comercializar os seus produtos

Vacas nun campo galego. |   // BERNABÉ/LUISMY

Vacas nun campo galego. | // BERNABÉ/LUISMY / Roi Rodríguez

Roi Rodríguez

Ao igual que sucede coas persoas, os animais non están exentos de sofrer enfermidades ou doenzas. No caso da cabana gandeira, a tuberculose, a brucelose, a influenza aviaria ou a lingua azul son algúns dos males que poden ameazar a saúde das vacas, porcos ou polos que forman a base da cadea alimentaria.

Combatilas ou anticiparse á súa propagación é fundamental tanto para os titulares das explotacións como para os consumidores. Por sorte, o esforzo conxunto realizado nos últimos anos por administración, gandeiros e servizos veterinarios dá os seus froitos e fai de Galicia un referente en materia de sanidade animal, que é un piar básico tanto na produción como na saúde pública.

Así o amosan os datos que indican, por exemplo, que a comunidade está declarada oficialmente indemne de doenzas como a brucelose bovina desde 2017. Un status que unha vez acadado, búscase manter levando a cabo un programa de vixilancia tanto activa como pasiva que inclúe a realización de mostraxes. A mesma situación que se dá desde 2013 no caso da brucelose ovina e cabrúa. Galicia tamén está libre doutras doenzas como a leucose enzoótica bovina, a perineumonía contaxiosa bovina ou as encefalopatías transmisibles, que non se detectan hai anos, aínda que igualmente se realizan programas de vixilancia. Igualmente, enfermidades como a febre do Nilo Occidental, a salmonelose nas poboacións avícolas ou a enfermidade de Aujeszky en gando porcino son obxecto de programas de vixilancia e control que anualmente se executan na comunidade.

Un excelente nivel sanitario que outorga ao sector gandeiro unha posición de vantaxe competitiva respecto doutros territorios dentro e fóra de España á hora de comercializar tanto os animais como os seus produtos, conseguindo unha diferenciación que lle permite acadar ás producións un maior valor e, polo tanto, un mellor acceso aos mercados.

A clave para este escenario pasa, en boa medida, por levar a cabo os programas sanitarios oficiais de obrigado cumprimento así como outras actuacións zoosanitarias non obrigatorias na normativa, dirixidas á mellora do estado das explotacións co obxectivo de aumentar a súa rendibilidade. No período 2019-2024, o Goberno autonómico destinou máis de 70 millóns de euros ás actuacións correspondentes aos programas de sanidade e produción animal.

Tuberculose e lingua azul

Certo é que non todo está feito e aínda queda camiño por percorrer. Dentro da loita contra as principais doenzas da cabana gandeira, destaca o esforzo realizado en Galicia para frear a expansión da tuberculose, a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), entre outras.

Sobre a EHE, a Administración autonómica segue a reclamar unha estratexia conxunta entre o Goberno central e as comunidades para facer fronte á súa expansión, poñendo o acento na necesidade de desenvolver coa maior celeridade posible unha vacina que permita frear a enfermidade e loitar pola súa homologación en Europa. Galicia foi un dos primeiros territorios en anunciar que indemnizaría as mortes de animais bovinos por mor desta doenza.

En canto á lingua azul, o obxectivo é acadar o seu control e erradicación coa consecuente recuperación do status sanitario de Galicia como zona libre desta enfermidade. A doenza detectouse por primeira vez en 2008, pero logo dunha exhaustiva campaña de vacinación no período 2008-2010 conseguiuse o seu control e erradicación.

Dada a súa transmisión vectorial a través de mosquitos, volveu diseminarse polo sur e oeste de España e nos últimos anos afectou a Portugal, país no que só se declarou obrigatoria a vacinación do gando ovino, polo que a enfermidade avanzou cara o norte a través do gando bovino non vacinado.

En Galicia, detectouse de novo a presenza de animais infectados en febreiro de 2023 en catro explotacións bovinas de Ourense e Pontevedra, iniciándose a campaña de vacinación o 7 de marzo, que é obrigatoria para todos os animais maiores de tres meses durante un período mínimo de tres anos.

O obxectivo desta actuación gratuíta é frear a transmisión do virus protexendo ao gando, así como minimizar ao máximo posible o menoscabo económico que as restricións no movemento dos animais puidesen sufrir as explotacións gandeiras.

Neste ano 2024 destinaranse máis de 5 millóns de euros para seguir desenvolvendo as actuacións de vacinación no marco do programa sanitario contra esta enfermidade. No conxunto da campaña vacinaranse en total máis de 1 millón de animais.

Con respecto á tuberculose, no ano 2021 a Comisión Europea declarou Galicia como zona oficialmente libre de tuberculose bovina para a totalidade do seu territorio, ao cumprir os requisitos establecidos para tal fin pola normativa europea de referencia. Esta categoría como indemne en tuberculose bovina outórgalle a Galicia unha posición privilexiada no sector do leite e da carne de cara á comercialización de exemplares para recría, así como para a exportación de animais e produtos derivados.

É precisamente o mantemento do estatuto de rexión oficialmente indemne o que require a aplicación constante dos requisitos xerais de vixilancia para a detección da infección, co fin de continuar protexendo a saúde pública e a sanidade animal do resto dos rabaños de Galicia.

O Programa nacional de erradicación da tuberculose bovina en España está enmarcado nunha normativa europea e nacional de referencia, que hai que cumprir. Está suxeito a constantes auditorías técnicas e financeiras. Neste senso, Galicia sempre participou activamente propoñendo medidas que compatibilizasen a vixilancia sanitaria da infección coa viabilidade produtiva dos rabaños. Así, a comunidade foi o territorio pioneiro no uso de estudos individualizados de risco, uso dunha porcentaxe elevada de probas de alta especificidade diagnóstica e de medidas flexibles á inmobilización de explotacións.

Outras doenzas

Galicia tamén participa activamente no programa permanente de vixilancia da influenza aviaria de tanta importancia para o sector avícola. Ademais das actuacións de vixilancia activa sobre as explotacións, existe unha colaboración co resto de departamentos implicados no programa de vixilancia (principalmente a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Terrritorio e Vivenda) no marco do control pasivo desta enfermidade nas aves silvestres, así como co sector avícola, co que se mantén un fío de contacto permanente de información e colaboración.

Coordinación e seguemento

No referente á peste porcina africana, de extraordinaria importancia sanitaria a nivel de explotación e de enormes repercusións comerciais para o sector porcino, lévase a cabo un exhaustivo sistema de vixilancia activa e pasiva tanto nas explotacións porcinas (nos ámbitos de explotación, transporte ou matadoiro) como na fauna silvestre, onde se desenvolve un programa de supervisión sobre as poboacións de xabaríns.

Os servizos veterinarios oficiais de Medio Rural están integrados por persoal especializado na coordinación e seguimento da execución dos programas sanitarios. Con esta finalidade, están en contacto coas persoas titulares das explotacións, asesorando e incentivando a súa participación na mellora do status sanitario das súas granxas.

De xeito rutinario, realízanse actuacións nas explotacións, nas que se levan a cabo tomas de mostras e probas diagnósticas co fin de garantir o seu status sanitario no marco de programas preventivos de vixilancia ou para dar cumprimento ás medidas de control do movemento pecuario ou de comercialización de produtos animais, entre outros obxectivos.

O fomento e fortalecemento do tecido asociativo do sector gandeiro priorízase especialmente mediante as agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG), favorecendo a integración de novas granxas no ámbito territorial das comarcas e posibilitando ás cooperativas a constitución no seu seo destas agrupacións, co fin de reforzar a execución dos programas sanitarios aproveitando a súa estrutura asociativa.

No 2024 a Xunta destina 2,28 millóns ás axudas para estas entidades, 130.000 euros máis que nas últimas convocatoria. Esta achega serve para financiar o traballo que realizan as ADSG no desenvolvemento dos programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, así como na súa participación na rede galega de epidemiovixilancia de doenzas do gando.

La cifra

70 millóns de euros

Esta é a cantidade que destinou a Administración galega no período 2019-2024 ás actuacións dos programas de sanidade e producción animal.

Grupo de traballo sobre novas doenzas animais e vexetais

Seguindo a filosofía de que vale máis previr que curar, o Consello Agrario Galego, órgano permanente de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Xunta en materia agraria e desenvolvemento rural, toma a iniciativa para formar e informar aos produtores sobre os riscos e adiantarse a posibles perdas. Neste senso, activou un grupo de traballo para anticipar as consecuencias das novas enfermidades animais e vexetais que afectan ao sector primario. Entre outras liñas de actuación, incorporarase unha aplicación informática para que os gandeiros poidan informar, dun xeito máis áxil, de calquera incidencia nas explotacións que poida ser considerada unha sospeita de enfermidades. É fundamental un sistema de detección precoz das doenzas, co fin de minimizar o impacto sanitario e económico no sector. Na coxuntura actual, con riscos cada vez máis alarmantes relacionados coa presenza de novas doenzas asociadas ao cambio climático, faise necesario o establecemento dun sistema de detección e actuación precoces nos que deben participar conxuntamente as administracións e o resto de elos da cadea produtiva. O obxectivo deste grupo é o de reforzar a colaboración, coordinación e diálogo con todos os actores do sector agrogandeiro para poder anticiparse a posibles perdas. O equipo está formado por persoal da Xunta, representantes dos concellos, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, expertos do ámbito académico, especialistas dos colexios profesionais vinculados co agro e responsables das organizacións agrarias, entre outros. Unha das primeiras accións será a realización dun informe específico para analizar as consecuencias e a evolución da enfermidade hemorráxica epizoótica e o verme defoliador do millo, para poder coñecer de primeira man as novidades sobre a súa situación e poder previr e evitar brotes no futuro.

Suscríbete para seguir leyendo