Entrevista | Jesús Orejas Xefe do Servicio de Sanidade Animal

“A implicación das explotacións é a clave. Sen elas pouco se podería facer”

“Os nosos produtos son seguros, os nosos animais están sans e para iso executamos os programas sanitarios coa maior dilixencia”

Jesús Orejas

Jesús Orejas / Cedida

Roi Rodríguez

Por que é importante a sanidade animal na seguridade alimentaria?

Hai enfermidades que son comúns a animais e persoas, algunhas son transmitidas polo consumo de alimentos contaminados, como por exemplo a tuberculose ou a brucelose. Por outro lado, a existencia de problemas infecciosos e sanitarios nos animais de consumo xeneran a necesidade de ser tratados con medicamentos veterinarios e son susceptibeis de producir residuos nos alimentos. Neste caso, existe unha normativa moi específica e moi restritiva, de xeito que produtos como o leite, a carne ou os ovos, que van destinados ao consumo, están suxeitos a uns períodos de supresión establecidos se proceden de animais tratados. Asimesmo hai uns programas de control nos matadoiros, nas industrias ou nas fábricas de penso en relación á presenza destes residuos tóxicos de medicamentos ou os producidos de xeito natural.

Cal é o nivel sanitario de Galicia en comparación con outras comunidades?

O nivel en xeral de Galicia está no top en canto a cuestións sanitarias. Hai una serie de enfermidades que son sometidas a controis oficiais de erradicación, no noso caso a tuberculose bovina e brucelose bovina, ovina e cabrúa, a perineumonía contaxiosa bovina ou a leucose bovina das que Galicia é un territorio libre desde hai xa moitos anos. Galicia foi a primeira comunidade peninsular en declararse libre da tuberculose bovina e tamén rexión libre de brucelose bovina e ovino-cabrúa en 2021. Respeto ás doenzas suxeitas a programas de erradicación, a situación de Galicia é envexable. E sobre outras enfermidades que aínda non están suxeitas a un programa de control oficial obrigatorio, sobre todo as que afectan ao gando bovino, que é o máis importante en Galicia, como a rinotraqueíte infeciosa bovina (IBR) a diarrea vírica bovina (BVD) ou a paratuberculose, tamén a comunidade presenta mellores indicadores respeto a outras comunidades. En gando porcino e avícola estamos nos estratos máis altos da cualificación sanitaria.

Que vantaxes aporta dispor destos elevados estándares?

Os animais procedentes de Galicia están moi ben considerados así como os seus produtos e supón unha vantaxe competitiva porque uns status sanitarios altos implican a ausencia de restricións de movemento para o mercado interior ou de terceiros países de animais e produtos.

Existe un compromiso forte dos titulares das explotacións coa sanidade animal?

Indubidablemente. O principal piar é a implicación do gandeiro, como titular deses animais. Evidentemente as administracións, as cooperativas, as agrupacións de defensa sanitaria gandeira contribúen, así como os transportistas ou os operadores comerciais. Os nosos gandeiros están moi ben considerados e sen eles non sería posible, por moitos esforzos económicos e de recursos materiais e humanos que puxéramos as administracións. Se non houbera un compoñente de compromiso e de aposta pola sanidade dos nosos gandeiros, pouco se podería facer. Estamos xa de sempre orgullosos dos nosos gandeiros. Aparte diso, tamén na normativa comunitaria hai unha filosofía de responsabilidade e participación dos gandeiros nos sistemas de bioseguridade e alerta sanitaria.

Que importancia ten a prevención en relación a fenómenos como o cambio climático, que poden favorecer a aparición de novas enfermidades?

Nas enfermidades que sabemos que existen como a tuberculose, a brucelose, IBR, BVD, etcétera hai que manter os niveis de bioseguridade e de manexo sanitario axeitado para conquerir que o status óptimo permaneza e non teñamos focos nin brotes. Logo hai outras doenzas que están recentemente presentes ou as transmitidas por vectores relacionadas co cambio climático, como a enfermidade hemorráxica epizoótica ou a lingua azul. Estamos atentos ás evolucións epidemiolóxicas de todas, temos unha rede de alerta sanitaria das enfermidades exóticas ou emerxentes e temos un plan de continxencia en caso de aparición dalgunha, pero sobre todo fomentamos a orientación preventiva.

Pódese entón enviar á poboación unha mensaxe de tranquilidade?

Absolutamente si. Os servizos veterinarios oficiais coñecemos perfectamente as circunstancias actuais, as que poden acontecer a curto e medio prazo e dispoñemos dos recursos para abordar calquera continxencia. Os nosos produtos son seguros, os nosos animais están sans e para iso executamos os programas sanitarios coa maior dilixencia e a maior colaboración por parte dos gandeiros.

Suscríbete para seguir leyendo