La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Si, existe o Xinkgo centenario de Vilaboa

As camelias que enxertaron de forma natural nesta árbore en Villa Celina e as hedras constrinxiron o toro e apenas ten follas propias

Toro do Xinkgo biloba no que naceron camelias ao telas arredor. // La Opinión La Opinión

O alcalde de Culleredo cualificou de “excepcional” o proxecto urbanístico da inmobiliaria Aliseda (do banco Santander e o fondo voitre Blackstone) que promove un cento de pisos na antiga Villa Celina, en Vilaboa, pero o realmente excepcional, espectacular, é o arboredo que posúe a finca, entre o que se atopa, confirmado, un Xinkgo biloba centenario que figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia a pesar de que a ficha do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), de 2012, sinalaba que estaba “desaparecido na actualidade”.

É doado que pase desapercibido para un técnico redactor do planeamento debido a que máis que vivir, este Xinkgo sobrevive. O toro estivo apertado por grosas hedras, case leña (que alguén cortou xa ao igual que limpou toda a finca de Villa Celina), e entre elas naceron algúns pequenos arbustos e o máis rechamante: na base saíronlle pólas de camelia, moi longas, que ao lonxe semella que son as follas do Xinkgo.

As frechas sinalan as follas características do Xinkgo, rodeadas das da camelia. | // La Opinión

Todo arredor desta árbore centenaria hai camelias en círculo e parece que algunhas enxertaron de forma natural no Xinkgo. A pesar diso, na parte máis alta, en varias grosas pólas pode verse que aínda agroman as follas do Xinkgo tan características, en forma de abanico, cunha pequena fendedura no medio, unhas follas agora verde claro que no outono se volven de cor marela dourada.

A promotora fixo unha correcta identificación do Xinkgo e da súa protección e sinala nos planos a súa ubicación. Tamén destaca que quere conservar a maior parte do arboredo. Moitos dos exemplares están marcados con raias vermellas, que soen ser as que se usan para sinalar as árbores que son de tallar. Tamén o Xinkgo ten unha raia similar, aínda que pode que houbese un erro.

Unha senlleira camelia e detrás o Xinkgo. | //LA OPINIÓN

O Xinkgo é unha das especies de árbore actuais máis antigas e as súas follas son moi empregadas polas súas calidades antioxidantes, para mellorar a circulación e a memoria. É coñecido coma a árbore sagrada porque foi a única especie que sobreviviu despois da bomba atómica de Hiroshima.

A ficha do PXOM proposto recoñece a “calidade de árbores diferentes do xardín” de Villa Celina. Ademais do Xinkgo, que pode ser o máis antigo da comarca, o arboredo ten unha impresionante tuia cun toro que non abrazan oito persoas, cedros, abeleiras, loureiros, falsos plátanos, castiñeiros. A tuia e unha singular camelia da que saen ducias de pólas coma un abanico case dende o chan, son as máis singulares.

Compartir el artículo

stats