La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Arte urbano na comarca coruñesa

Touriñán, modelo do mural de Fendetestas: “Síntome moi cercano a estes personaxes”

“É unha honra que un tipo coma Mon Devane quixera pintarme. E aquí, ao lado da casa, no Hostal Alba, onde ía de neno co meu pai”, celebra o cómico a obra do Cromático Mural Fest

Touriñán, este luns, ante a versión de Fendetestas de Mon Devane para a que posou, en Sigrás. VÍCTOR ECHAVE

Como unha “honra”, aínda que cun pouco de “reparo”, recibe o cómico de Castelo Xosé Antonio Touriñán a “homenaxe” e o “regalo” que lle acaba de facer o muralista Mon Devane, que o escolleu como modelo para a súa reinterpretación de Fendetestas, un dos personaxes da obra de Wenceslao Fernández Flórez O bosque animado, inspirada en Cecebre. “Todo son referentes”, afirma Touriñán sobre o escritor, o personaxe e o actor que lle deu vida no cine: Alfredo Landa.

Síntome moi cercano a estes personaxes que son superpróximos aos personaxes do pobo, aos pícaros, aos comediantes, aos buscavidas...”, asegura, como membro dun “hábitat natural, ao pé do Xalo, que é un entorno rural pero pegado ás casas dos señoritos onde merodeaba Fendetestas para roubarlles os cartos aos que viñan da cidade”, conta o actor, impulsor dunha iniciativa para reivindicar o entorno e manter viva a tradición oral da súa aldea, Castelo. Menos semellanza atopa na parte da delincuencia aínda que, comenta divertido, podería vela nos seus anos de percorrido co seu espectáculo Somos criminais, xunto a Carlos Blanco.

A obra quedou inmortalizada de mans dun artista amigo del, do que ten obra na casa, e nun lugar que engade conexións á historia. “É unha honra que un tipo coma Mon Devane, co talento que ten, aínda que sexamos amigos, ou polo menos coñecidos, quixera pintarme. E aquí, ao lado da casa, no Hostal Alba, onde ía de neno co meu pai,”, conta o humorista.

Declárase “moi fan” de Mon Devane e dos artistas agrupados baixo o paraugas dun ámbito estilístico que “aínda que se chama arte urbano, podería pode ser perfectamente rural”, porque “no rural tamén hai moitos muros, marcos e divisións” nas que pintar, apunta divertido. En canto ao intérprete que puxo cara a Fendetestas antes ca el, no cinema, Alfredo Landa, sostén que “é un dos grandes actores deste país”. Sobre a personaxe, coida que “a calquera actor lle encantaría coller e interpretalo” e atopa vencellos coas que el crea para traballos seus: “Fago personaxes que sexan recoñecibles por todos e todas, porque son veciños, amigos e familiares. Creo que todo está relacionado”. Asegura que, “vendo todo iso”, pensa seriamente en facer unha adaptación cómica para teatro de El bosque animado. “Pénsoo en serio. Vin a película xa dende neno, catro ou cinco veces, ou non sei cantas, e sabendo que é Galicia, Cecebre... Sería unha gran comedia”, reflexiona.

Touriñán ve unha filosofía parecida entre a súa liña de traballo e a que encerra o mural. “Rescatar o noso, non esquecer a tradición oral, as historias que nos contaron, o saber dos maiores... que está gardado máis na zona rural, onde, por desgraza, cada vez queda menos, pero eles teñen ese patrimonio inmaterial que é fantástico e nos fai únicos e distintos”, defende. “Creo que nese mural de Mon Devane está moi ben reflectido”, celebra, e opina que “non hai unha división neste caso da arte entre o urbano e o rural, como no Castelo Conta”.

O actor aplaude a iniciativa do Concello de Cambre coa aposta polo muralismo no Cromático Mural Fest, que este domingo pechou a súa quinta edición. Considera que vestir de arte urbano muros degradados ou inhóspitos “é unha maneira fantástica de facer máis fermosos eses muros” e facer fronte a ese “feísmo” que, sinala, abunda no rural, pero tamén en contornos máis urbanos. “É importante que se tome exemplo e que se siga contando con estes artistas para estes festivais”, defende.

O mural do Fendetestas con rostro de Touriñán habita o muro máis grande dos pintados este ano no Cromático Mural Fest e o primeiro do festival nunha zona rural. Huariu, Magda Cwik e Socatoba deixaron tamén sendas obras nesta edición.

Compartir el artículo

stats