La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Contra o machismo, comunidade en Cambre e Carral

“O apoio mutuo ten unha fortaleza brutal”, asegura Beatriz López, de Algarabías, que imparte obradoiros de empoderamento para mulleres rurais

Presentación da Escola de Apoderamento Feminista EspadELA, en Cambre, esta semana. | // LA OPINIÓN

“O obxectivo é facer un grupo de compañeiras onde convivir e compartir”, resume Beatriz López, da cooperativa Algarabías, que imparte obradoiros de apoderamento para mulleres rurais en Cambre e Carral a través do proxecto de Escola de Apoderamento Feminista EspadELA. Nos cinco anos de vida desta iniciativa, en varios dos concellos polos que pasou “existen grupos de mulleres que a día de hoxe seguen quedando, tomando cafés, porque se fixo unha pequena comunidade”, celebra López, politicóloga e socia traballadora da cooperativa xunto á súa compañeira Belén, psicóloga centrada en mulleres en situación de violencia machista.

Compartir é a clave, explica López. “O apoio mutuo ten unha fortaleza brutal e somos capaces de, ao mellor, vivir dunha maneira mellor, con máis benestar e calidade de vida, se nos apoiamos unhas ás outras”, sinala. Os “condicionantes” que caracterizan ás zonas rurais, como “a soidade ou o illamento”, súmanse á falta de servizos que faciliten a vida, sobre todo para as mulleres, á fronte dos coidados de persoas maiores, dependentes ou nenos, e ao feito de que, tanto na cidade como na aldea, “a comunidade está un pouco desfeita, desvalida, polo individualismo que impera a día de hoxe”, apunta a cooperativista.

Arabías aposta por “facer grupo” e “iniciar un traballo persoal”. A fórmula? “Simplemente falando, conversando e sendo conscientes de que hai un contexto común a todas, que nos afecta e que compartindo e facendo grupo se leva moito mellor”, explica López, quen defende os beneficios de intercambiar vivencias. “O feito de compartir esas experiencias, que moitas veces somos conscientes, pero o feito de contalas,de expresalas e de ver a outra muller á que tamén lle pasa, que tamén lle ocorre, fai que todo sexa moito máis doado dende ese plano colectivo”, defende a cooperativista.

As sesións, describe López, serán “moi activas, participativas, dinámicas”. Os grupos serán, por tanto, de 15 persoas como máximo. O proxecto, avanza a socia, rematará cun “encontro común onde as mulleres de Cambre e Carral van ter un espazo nunha xornada máis lúdica para coñecerse e celebrar tamén o fin de escola”.

A escola traballará en torno a tres liñas temáticas: Con voz propia, que aborda a auto estima, o liderado e a participación e promove a reflexión das desigualdades e a violencia machista; Habitando o noso corpo, que traballa o auto coñecemento, o auto coidado e a expresión emocional con ferramentas como a biodanza ou o ioga; e Os nosos saberes, para reivindicar “os traballos e o papel das mulleres do rural”, conta López.

“Hai un continuo. Están conectadas, unha nos leva a outra, non son independentes”, explica a cooperativista. As sesións realízanse, tanto no municipio cambrés como no carralés, os martes de outubro e novembro polas tardes. En Cambre, son no local social de Brexo Lema e, en Carral, no Toñito Espiñeira.

Compartir el artículo

stats