Agustín Vázquez, o heroe da cultura que recupera pezas de olarías galegas extinguidas

Este oleiro que acode todos os anos a Alfaroleiros expón no museo de Santa Cruz olas que fixo recreando as de Loñoá, localidade onde desapareceron os artesáns nos anos sesenta

Agustín Vázquez, nunha das feiras de Alfaroleiros en Santa Cruz.   | // F. MARTÍNEZ

Agustín Vázquez, nunha das feiras de Alfaroleiros en Santa Cruz. | // F. MARTÍNEZ / MARTA VILLAR

O amor á arte é unha das forzas máis poderosas do mundo. Fai que algunhas persoas invistan tempo, cartos, horas de sono, esforzo físico, tempo libre e preocupacións a cambio de nada. Nada material, porque esa xente, eses heroes anónimos, reciben como compensación a satisfacción íntima de traballar polo pobo, polo ben común, por algo máis grande cas persoas. É o caso de Agustín Vázquez Ferreiro, oleiro coma seu pai e seu avó en Niñodaguia, parroquia de Xunqueira de Espadanedo (Ourense). É un dos oleiros que vén todos os veráns a Santa Cruz para participar na feira Alfaroleiros onde expón as características pezas de barro amarelo, cor mel, da súa localidade.

Alfonso, do museo Os Oleiros en Santa Cruz, cunha das pezas de Loñoá en exposición, feitas por Agustín Vázquez.

Agustín Vázquez, nunha das feiras de Alfaroleiros en Santa Cruz. | // F. MARTÍNEZ

Vázquez deixou no museo Os Oleiros de Santa Cruz unha colección de vinte pezas especiais nunha exposición temporal que pode visitarse en principio ata finais deste mes: son olas, cántaras, xarras, barreños, cuncas e ata un asador de castañas, todo reproducindo o barro, as formas, as cores e os debuxos tradicionais e típicos dun olaría que se extinguiu nos anos sesenta, a de Loñoá en Pereiro de Aguiar (Ourense).

Agustín Vázquez, que foi Premio de Artesanía de Galicia, é un dos mellores oleiros de Galicia co torno. Agora comezou a recuperar as pezas tradicionais de localidades galegas onde desapareceron os oleiros hai moitos anos. Vai ás barreiras propias da zona e fai estas pezas, coma as que nos deixou exhibir en Oleiros, por puro amor á profesión”, destaca Ana Justo, técnica do Museo Os Oleiros.

Agustín Vázquez, que camiña cara os setenta pero traballa coa enerxía que da sentir a obriga de loitar pola cultura e o patrimonio galegos, de recuperar pezas que hai décadas que non se fan, antes de que non lle quede tempo, tamén reproduciu pezas da olaría de Portomourisco (Petín), que deixou de cocer barro a comezos do século pasado; e de O Seixo (O Bolo), tamén en Ourense, que se extinguiu pouco despois da Guerra Civil.

“Para reproducir estas pezas recorrín aos libros de García Alén. Intento ir ás barreiras que había en cada sitio pero non sempre é posible, pasou moito tempo, están pechas, habería que escavar, noutras agora hai casas ou tes que localizar aos donos para pedirlle permiso. As que estou facendo son unha mestura de barro desas zonas e de onde son eu, de Niñodaguia. Para reproducilas coma nos libros tamén uso as técnicas que facían os oleiros en cada un destes sitios, en Portomourisco por exemplo valoraban máis a cerámica máis escura, máis cocida, afumada con herba, e é como fixen. Son réplicas practicamente iguais”, conta Agustín Vázquez.

A olaría é un oficio en total perigo de extinción. En Niñodaguia había un cento de oleiros nos anos trinta, uns vinte nos anos setenta e agora queda Enrique Cabana, que logo se xubilará, e Agustín, que tamén xa ten a idade aínda que acompaña agora no taller ao seu fillo Xosé, a cuarta xeración, a esperanza de que non morra esta actividade ancestral nesta localidade.

“O importante é recuperar este patrimonio de todos, a nosa cultura. Quería facer unha exposición con todas estas pezas que estou reproducindo pero os políticos non teñen interese, a cultura non da votos. Seguramente haxa en moitas casas pezas antigas de barro de gran valor que é unha pena que non se conserven. Pero se vendes un botixo por dous euros, non che da nin para o gasóil, terían que ter uns prezos que che permitan vivir. As feiras dan moita vidas aos artesáns, se houbese máis sería unha boa axuda, feiras coma Alfaroleiros. Para min o museo de Oleiros é o mellor de España”, asegura este artesán que ten palabras de recoñecemento tamén para compañeiros de oficio doutras localidades galegas de tradición oleira coma Buño, Bonxe, Gundivós.

Este oleiro está facendo un traballo de etnografía, conservación e recuperación que sería obriga dun goberno, dunha administración, que o fixese de oficio e expuxese este legado nun gran museo galego da olaría. E el faino por amor a esa mestura de terra, auga e lume que sacou a fame en moitos lugares. “Eu non podo deixar de traballar, senón morro. O barro é coma cando estás namorado”. Neste mes os que queiran poden ver no museo en Santa Cruz pezas coma as que hai décadas que se deixaron de facer, todas elaboradas para o uso, para unha utilidade.

Suscríbete para seguir leyendo