O amor ao monte que reaviva o Xalo

Os comuneiros promoven a recuperación da historia, a arqueoloxía e a toponimia da zona

Directiva da comunidade de montes na zona do Xalo na que se atoparon restos dunha torre e de cerámicas dos séculos IX e X.

Directiva da comunidade de montes na zona do Xalo na que se atoparon restos dunha torre e de cerámicas dos séculos IX e X. / La Opinión

“Ao monte hai que querelo, é o principal. Ímosllo facendo ver á xente”, asevera o presidente da comunidade de montes do Xalo, de Celas, José Antonio Barbeito, despois de tres anos de investigación promovida pola súa directiva, que culminou co achado dos restos dunha torre e de pezas cerámicas dos séculos IX ou X, segundo concluíron expertos tras dúas prospeccións arqueolóxicas. Agora, coa colaboración da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e do Concello de Culleredo, proxectan converter a Torre de Celas nun centro de interpretación, “relanzar a aldea de Celas” e reivindicar o monte como un valor paisaxístico e patrimonial e como “o pulmón verde da Coruña”. E, sobre todo, queren gardar o coñecemento que atesouran “os maiores”, como a toponimia, “para que non quede no esquecemento e no se perda ese saber que hai de atrás”, ademais de “meterlles o gusanillo aos rapaces para que queiran o monte”, asegura Barbeito e engade que, ao tempo, tentan substituír o eucalipto por árbores autóctonas como ameneiros, bidueiros ou abeleiras.

Barbeito e o seu equipo puxéronse á fronte da directiva hai doce anos para “darlle outro valor ao monte máis que só a madeira”, reflexiona. “O valor paisaxístico que temos é inmenso e a agua que temos é inmensa”, proclama. Aficionados á historia e curiosos polo pasado do monte, os membros da directiva, que xa viran fragmentos de tellas e restos de útiles antigos, animáronse a encargar as prospeccións.

Restos de xerras, un pomo dunha porta ou “unhas pedriñas que empregaban para tecer” foron algúns dos achados, ademais dos restos dunha torre que probaría a existencia dun asentamento no Xalo nos tempos de esplendor do Burgo de Faro, nos que había serias probabilidades de sufrir un ataque viquingo. Esas e outras descubertas explicaranse na Torre de Celas.

Rocha que semella Darth Vader.

Rocha que semella a máscara de Darth Vader. / Sara Vázquez

Rochas e lugares, nun libro

A comunidade de montes está decidida tamén a recoller nunha publicación o saber que gardaban “os maiores” sobre topónimos ou nomes populares de rochas ou acerca da localización exacta desas rochas ou lugares dos que a xeración seguinte oíra falar sen saber localizalos exactamente. “Pedras bicudas”, “pedras galladas” ou “porta do inferno” son algúns conxuntos rochosos que agora teñen garantida a conservación dos seus nomes. Como contribución en ton humorístico, popularizouse chamarlle “Darth Vader” a un conxunto rochoso que semella a máscara da personaxe de La guerra de las galaxias.

Restos arqueolóxicos.

Restos arqueolóxicos. / Sara Vázquez

Suscríbete para seguir leyendo