Inés Cebreiro nnficha personal | Máster en Políticas Sociais na especialidade de Xénero e Políticas de Igualdade

“Hai que facerlles ver aos rapaces que o feminismo reforza a súa masculinidade”

“Os rapaces teñen acceso cada vez máis novos ao porno, está educando a súa sexualidade”

Inés Cebreiro.   // L.O.

Inés Cebreiro. // L.O. / L.O.

As Casas da Mocidade de Oleiros organizaron con motivo do 8-M un obradoiro sobre sexualidade corresponsable e a influencia de contido audiovisual coma a pornografía na conformación do imaxinario afectivo-sexual. Como educar e traballar para erradicar certas condutas é un traballo que levan a cabo persoas coma Inés Cebreiro, que impartirá unha formación o vindeiro sábado 18 de marzo ás 17.30 horas en Portaberta en Santa Cruz. Cebreiro é educadora infantil, máster en Políticas Sociais e Intervención Socio Comunitaria na especialidade de Xénero e Políticas de Igualdade e leva sete anos formando en igualdade con rapazada e adultos. É membro da cooperativa galega Aventeira, que desenvolve obradoiros de mediación escolar en programas dos concellos de Oleiros e A Coruña, dentro do proxecto Lentes Violetas subvencionado pola Deputación.

Celebramos o 8-M mentres acabamos de coñecer algo tan terrible coma a agresión sexual a unha nena de 11 anos nun centro comercial por parte de menores de 14. Que falla? Como se chega a isto? Que se pode facer?

É algo complexo.A nivel de sociedade a mocidade está exposta a series, anuncios películas, xa sen ir á pornografía que é a expresión máis grave, que conforma un imaxinario que transmite a sexualización do poder neles e a vitimización nelas. Comeza a haber leis, coma a do control de anuncios sexistas, de usar a muller para vender. Pero son cambios que tardar en producir efectos. A nivel educativo hai que investir poñendo o foco tamén en proporcionarlles aos rapaces novas pautas de masculinidade que non pasen por exercer a violencia ou entender a sexualidade coma dominación. A adolescencia xera moita presión nos grupos de iguais e pode haber rapaces que non compartan estes discursos pero son cómplices silenciosos porque non queren verse rexeitados polo líder. Hai que facer un labor de reeducación e fomento da empatía para que non deshumanicen ás rapazas.

A pornografía, á que teñen acceso rapaces dende Primaria como se está vendo, é unha das razóns de que pensen que con violencia é a única maneira de relacionarse cunha rapaza/mulle?

A pornografía ten un impacto importantísimo. Hai datos que din que a partir dos oito anos teñen acceso a contido altamente sexualizado en internet ou directamente pornografía sen que as familias teñan idea. Inícianse cada vez máis novos no porno, e o porno é o que está educando a sexualidade, antes que a escola ou a familia. Eles chegan antes a ver ese contido que as rapazas, teñen un imaxinario moi diferente. Se consumes porno mainstream formaste nun imaxinario moi sexista, no poder, no non consensuado, na non prevención de enfermidades de transmisión sexual, nin consentimento. Erotizase o poder no audiovisual.

Sería necesaria unha materia na escola de educación sexual, en igualdade, e non só uns obradoiros?

Iso sería o ideal. Pero tamén se pode axudar dende a educación non formal, dende un contexto menos ríxido. Son adolescentes e teñen moito pudor. Nós nos talleres que damos facémolos prácticos e non nos ven coma unha figura de autoridade coma un profesor ou un pai. Tamén introducimos o lúdico para facilitar as reflexións. Conectas mellor e hai máis motivación e participación que nun contexto máis institucional, digamos.

Nos obradoiros que facedes, vedes moita confusión, dúbidas, desinformación, entre os adolescentes?

Teñen moitas dúbidas, coma os métodos anticonceptivos e cousas máis sutís. Eles teñen presións coma o tamaño, perder a virxindade canto antes. E elas sobre se lles vai doer a primeira relación sexual, se se lles vai notar. Teñen presións diferentes. Por iso é bo facer asembleas por separado e despois mixtas, e poñer en común. Si teñen bastante integrada a diversidade sexual, máis ca práctica feminista per se.

Ser adolescente é máis difícil agora, despois da pandemia e coas presións de todas as redes sociais, e uns adultos ás presas para compatibilizar traballo e vida persoal.

É moi complicado ser adolescente e as familias tamén teñen moita presión, cuns horarios terribles e poucas ferramentas. Tes que facerlles ver que tipo de industria está detrás da pornografía, por exemplo. Os gobernos teñen o poder aquí para regular e controlar isto.

Como dixeches, hai programas de televisión en prime time que tamén fomentan a visión machista sobre a muller.

Creadores de contidos coma A Illa das Tentacións, por exemplo. Pero eu non o prohibiría porque eles veno e debaten, así que podes usalo para facerlles reflexionar sobre o que viron, cunha visión crítica, que detecten o que está mal nesas condctas. Así debates con eles no seu terreo, falándolle na súa linguaxe. Tamén hai contidos televisivos moi bos como La Mala Educación dentro do programa Salvados de Évole, porque son os adolescentes os que falan, contan como foi a súa educación sexual.

Vemos cousas coma as manadas e as estatísticas din que o 10% dos mozos negan que exista a violencia de xénero. Imos a mellor ou cara atrás?

Hai movementos cara adiante e cara atrás. Cando hai un avance feminista logo hai unha reacción machista. Pero hai avances. Os rapaces notámolos máis enfadados agora, séntense atacados. Por iso ó mellor nos equivocamos no enfoque. Temos que integralos, facerlles ver que ser feministas vainos refozar na súa masculinidade, que o machismo é tóxico tamén para eles. Hai que facerlles ver que co feminismo tamén gañan eles, que vai traer cambios positivos para nós e para eles tamén.

Suscríbete para seguir leyendo