Entrevista | Ángel García Seoane Alcalde de Oleiros

“Nun edificio de Xuxán hai máis vivendas que en calquera urbanización que se faga aquí”

“A Coruña nunca estivo a favor da área metropolitana. Non queren perder poder” | “Nunha conversa con Feijóo dixen sobre Calvelo: ‘Si vós non o queredes, lévoo eu’. Así de coña”

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, ante un cadro do Che Guevara, no Concello.   | // VÍCTOR ECHAVE

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, ante un cadro do Che Guevara, no Concello. | // VÍCTOR ECHAVE

S. Vázquez / A. G. Seoane

Con 31 anos de Alcaldía ás costas, o primeiro edil de Oleiros e presidente de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, asegura comezar o novo mandato coa “ilusión” de lograr o que lle queda por facer. Lonxe de sentirse canso, márcase como principal desafío loitar coas Administracións central e autonómica polas infraestruturas pendentes na comarca, das que destaca a ampliación da Ponte Pasaxe e a vía ártabra, coa súa receita habitual: “Loita diaria, denuncias e mobilizacións”.

Nestas eleccións mantivo 13 concelleiros pero perdeu votos e pediu na radio aos veciños que se dirixiran ao Concello para que explicaran os motivos. Que lle contestaron?

Moi pouca xente che contesta nun correo. Pero nos levamos facendo unha análise desde o día das eleccións. O porqué primeiro foi unha campaña de prensa difamatoria grande, de diversos medios, entre eles o voso. A enquisa que saíu foi velenosa contra nós: que desaparecíamos na comarca e que en Oleiros nos sobraban os votos e que non fora a xente votar. Moita xente tomou esa lectura, porque son amigos nosos, parentes, primos, os que non foron votar. Porque nós miramos os censos e dixemos: “Coño, como non foi votar este, este, o outro?” E falas e dalgún modo che contestan. Foi por exceso de confianza en que ía gañar.

Tras de máis de 30 anos, que obxectivos aínda non acadou?

Un no que o PSOE no seu día nos puteou, cando estaban de socios no Goberno, que xa estaba contratada a obra do auditorio e tivémoslle que dar 100 millóns de pesetas á empresa sen facer a obra porque o representante do PSOE aquí bloqueara levar adiante o financiamento. Do resto, fixemos tanto que … como di o outro, non nos sobra pero temos abondo.

Varias veces dixo que xa ía marchar en breve, pero sempre encontra un motivo para quedar.

Non, nunca dixen que ía marchar.

Como non?

Non, unha vez dixen que ía marchar, non varias veces. Vamos a ver: Eu non sei o que vou facer dentro de catro anos. Primeiro, non sei se a saúde vou tela, como me vou encontrar, en qué situación vai estar o Concello. A miña idea é que me debo retirar, desde o punto de vista persoal meu. Pero teño que lograr a continuidade de Alternativa dos Veciños.

Non hai herdeiros capacitados?

Si, hai herdeiros, si. Para que isto siga sen alterarse para nada. Pero bueno, todo vai depender da situación de cambio deste país. As eleccións nacionais son moi importantes porque si PP con Vox dominan a situación do país, a esquerda neste país vai estar moi perdida oito anos.

Dixo que ía votar a Pedro Sánchez.

Si, eu vou votar a pedro Sánchez. Non vou votar ao PSOE, vou votar a Pedro Sánchez.

Que lle motiva a isto?

Conseguiu gobernar este país nunha situación precaria total xuntando un montón de grupos políticos catro anos sen ningún tipo de problema, unha lexislatura que eu creo que ninguén conseguiría gobernar. Ten unha capacidade demostrada, é un tío moi hábil. Fixo cousas correctas, non lle coñezo ningunha falcatruada, entón, por que non vou votar eu a este señor?

Non lle chaman a atención outros proxectos políticos de esquerdas como Sumar, de Yolanda Díaz?

Sumar non sei. Eu non cheguei a sumar aínda. Eu aínda non acabo de sumar. Teño que ir á escola.

O motivo é tamén persoalista?

Eu coñezo a Yolanda Díaz. Yolanda Díaz e unha trepas, punto. Xa o dixen todo. É unha trepas.Todo o que toca, machaca.

Pode ser o xuízo por Casa Carnicero o que o xubile da política?

Non debía ser un xuízo por Casa Carnicero porque eu non cometín ningún delito. Os informes que hai, tanto os que presentaron os meus, como os da parte contraria, neste caso Fiscalía, son favorables. Pero fíxate qué casualidade que me chaman o día 25, e o 28 foron as eleccións, cos xulgados semipechados, para comunicarme unha data para persoarme para notificarme que me ían xulgar.

Ademais do auditorio, o proxecto estrela, que mais lle gustaría deixar feito antes de marchar?

O gran traballo que se fixo aquí foi liberar a costa, facela pública, 26 km. Case está a totalidade. Falta un tramo entre a praia de Naval e Canide e estamos con ese proxecto para executalo nestes catro anos.

É a terceira vez que Alternativa fracasa no intento de ter representación na Coruña. Dáse por vencido?

Eu non son dos que me dou por vencido. Analizas a situación. Nestas eleccións influíu moitísimo a situación do bipartidismo. De feito, desapareceu Marea, desapareceu Podemos... Si desaparecen eles, unha forza como a nosa, coa campaña que houbo, estaba claro que que non ía acceder á Coruña. Eu pregúntome: un partido como o noso, que ten tres alcaldías, cinco gobernos, un deputado, serio, 44 anos de historia, por que non votan na Coruña e votan a calquera que apareza? É que tamén se montou unha campaña durante anos de que “o alcalde de Oleiros quere mangonear A Coruña”. Xa me contarás. Eu non son ningún gilipollas para saber que eu non podería acceder baixo ningún concepto nunca á Alcaldía da Coruña. Pero si estar presente para discutir proxectos que afectan en toda a comarca.

Nos últimos anos tensáronse as súas relacións cos alcaldes da área. É beneficioso para Oleiros?

Eu nunca me enfrontei con ningún alcalde da comarca, enfrontáronse eles a min a tenor de que entrara nos seus municipios. Entón, guerra no Consorcio… onde podían facían guerra á súa maneira. Eu, como un dos dereitos que me da a democracia é expresarme libremente, non ando coa volta do can para deitarse. Eu vou directamente ao problema, iso non lles gusta a algúns. Dicían que o alcalde de Oleiros quere mangonear, non quere que haxa crecemento en Cambre. Si, pero ordenado, non como quere facer Cambre, urbanizacións que atentan contra o medio ambiente, os intereses dos cidadáns, o concello de Oleiros nos límites... Como non vou denunciar iso? Ou que a vía ártabra está paralizada por culpa do Concello de Cambre?

Nos últimos anos hai un boom urbanístico importante en Oleiros. Tendo xa moitas bolsas de solo ocupadas e as infraestruturas saturadas, o modelo ten moito máis percorrido?

Si. En Oleiros non hai saturación. Punto primero.

Non?

Non. O plan de Oleiros é un plan con moi baixa densidade. Nun só edificio de Xuxán de nove alturas que se fan alí, que son enormes, hai máis vivendas que en calquera urbanización que se faga aquí. Sacas a singularidade da de Xaz, que é irrisorio porque estamos falando duns 1.100 metros cadrados e cincocentas e pico vivendas. Que van en dous edificios de Xuxán. E estes desfrutan de un millón e pico de metros e os de alí, da acera e da carreteira.

Nos últimos catro anos acentuouse a distancia entre a cidade e a área metropolitana?

A Coruña nunca estivo a favor da área metropolitana. Nunca.

Nin sequera con Ferreiro?

Nunca. Non houbo interese. Había reunións que non ían a ningún lado.

E por que?

Porque non queren perder poder. En caso de que haxa unha área metropolitana, perdería poder ante todo a Xunta pero tamén a cidade. Entón, non interesa. Non vai haber área metropolitana. Cos mimbres que hai non se fai un cesto nin de coña.

Leva o seu homólogo arteixán catro mandatos. Non sei se lle recorda a vostede na proxección.

Eu non son futurólogo… Cando se presentou, xa hai agora 12 anos, veu aquí moito a aprender cousas.

Ao principio tiñan boa relación.

Eu me levei sempre moi ben con el. El vivira en Perillo cando aínda non era nada e estaba de camarero para pagarse a carreira. E conocino cando saíu alcalde e non tivo ningún problema en ir vir aquí un montón de veces a ver cousas, a ver como se fai aquilo. E nós abrimos as portas, como llas abrín a moitos concelleiros e alcaldes, do PP, do PSOE... Aquí dalgún modo somos unha escola para os bos alumnos. Incluso no Consorcio, Calvelo e eu éramos os que rompíamos a situación, os dous estabamos nunha batalla ao unísono. Que pasa? Despois, o de sempre. Veñen os problemas, que si queríamos entrar en Arteixo, non sei que. Pero teño que dicir que tiven unha relación cordial con el e a teño.

E velle gran proxección?

É que non sei porque Calvelo é unha persoa que está no PP que podería estar en calquera partido.

Dio para ben ou para para mal?

Non, para ben. Podía estar en calquera partido. De feito o PP estivo moi incómodo con el moito tempo, pero como era o único municipio grande que tiña na área non lles quedou máis que… é un municipio que ten uns recursos inmensos, máis que ningún municipio. O que pasa é que ten que facer un plan de urbanismo.

Alternativa chegou a pensar fichar a Calvelo?

Non.

Ao mellor non era mala, eh?

Un día, na anterior lexislatura, que querían cargarse a Calvelo no PP, nunha conversa que tiven co presidente da Xunta, con Feijoo, saquei eu o tema e díxenlle: “Bueno, non te preocupes, porque si vós non o queredes, lévoo eu”. Dixen así de coña.

No último ano subiuse o salario a máis de 4.000 euros, superior ao 96% da poboación. Non é incompatible con declararse comunista?

Eu non son comunista, son castrista. Eu sempre defendín que o que traballa ten que cobrar. Os que non teñen que cobrar son os lambóns.

Suscríbete para seguir leyendo