Dez anos de libros e proximidade

Biblos celebra hoxe unha década de actividade coa presentación de ‘Os trobadores da terra de Betanzos’, obra editada pola libraría en homenaxe á cidade que acolle o proxecto

Debate sobre o Pasatempo celebrado na libraría Biblos.

Debate sobre o Pasatempo celebrado na libraría Biblos. / VÍCTOR ECHAVE

Presentacións, obradoiros, debates, concertos, clubes de lectura ou actividades para os máis pequenos encheron de vida a libraría Biblos estes dez anos de traxectoria, que este martes ás 12.00 se celebran coa presentación de Os trobadores da terra de Betanzos, unha obra editada pola propia libraría en homenaxe á cidade que a acolle.

“A nosa idea non era abrir unha libraría física que simplemente tivese libros a disposición das persoas, senón facer participar de todo ese traballo moito máis amplo e descoñecido que hai detrás”, conta Carmela González, responsable de Biblos xunto ao escritor Tucho Calvo. “Un sinfín de cousas, de oportunidades para poder desfrutar do libro na súa intensidade doutra maneira máis ampla” foi o que ofreceu a libraría estes dez anos, conta González.

O obradoiro de ilustración e banda deseñada con Xosé Tomás, “o buque insignia das actividades”; o Clube de Lectura Feminista que conduce Teresa Veiga; ou o Club de Lectura Biblos-IES Francisco Aguiar, que dirixe o director do instituto, Francisco Rodríguez Coloma, son algunhas das propostas que poboaron Biblos. A responsable da libraría asegura que “houbo actos con incluso moi pouca participación, pouca resposta, que permitiron que os artistas ou autoras ou autores fosen moito máis auténticos que outros que ao mellor tiñan máis transcendencia”.

A “proximidade” e o “poder dialogar sobre un libro” son as bazas coas que Biblos planta cara a internet ou as grandes superficies e cadeas, apunta González. O lugar escollido tamén axudou: “Foi unha elección que tivo que ver coas moitas singularidades de Betanzos. Pensamos que era unha cidade moi acaída para un proxecto coma o noso”, conta. Sobre a evolución dos gustos ou modas, afirma: “Hai quen se empeña en que o libro ten un momento de explosión e é como unha estrela fugaz, pero non é así, afortunadamente, e diso ben saben as grandes escritoras e escritores que alimentan cada día durante séculos o mundo da literatura”.

Suscríbete para seguir leyendo