Pilar Taibo | Concelleira da área de Seguridade Cidadá, Facenda e Persoal de Sada

“Ante a falta de resposta da policía á nosa proposta, teremos que impoñer o horario”

Taibo fía na nova RPT a solución a un conflito enquistado e ve ao corpo “máis receptivo” | "Non sei que beneficio pode saír de aí", di sobre o pleno extraordinario forzado polo PP, Unidos por Sada e PSOE para abordar os problemas de seguridade | A concelleira nega un incremento da criminalidade

Pilar Taibo, no seu despacho no Concello de Sada.   | // LA OPINIÓN

Pilar Taibo, no seu despacho no Concello de Sada. | // LA OPINIÓN / Antares Pérez

El Concello de Sada celebrará mañá o pleno sobre seguridade forzado polo PP, Unidos por Sada e PSOE. A concelleira de Seguridade Cidadá lamenta o ton “alarmista” dos tres grupos da oposición e nega un aumento da criminalidade. Pilar Taibo explica cal é a situación a día de hoxe da policía e as súas propostas para tentar reforzar o servizo e reconducir a relación co corpo tras anos en conflito.

Cal é a situación do corpo actualmente? Cantas prazas hai e delas cantas están cubertas?

Temos vinte prazas no cadro de persoal e seis están vacantes. Tres vanse ocupar en decembro por tres axentes que están en prácticas na Academia. E xa iniciamos os expedientes para cubrir o resto. Tivemos unha reunión coa policía e unha das propostas que fixemos é que, provisionalmente, os axentes adscritos a labores administrativos e de urbanismo ocupen algunha destas vacantes. Un dos policías xa solicitou este cambio e iniciamos o expediente. Tamén iniciamos os trámites para ocupar outra praza por comisión de servizos, pero todo isto leva un tempo.

Cantos axentes están de baixa?

Actualmente hai tres baixas de longa duración, pero chegamos a ter sete u oito axentes de baixa. E a lei é moi restritiva e non permite substituír aos funcionarios de policía.

Con tan poucos axentes é imposible cubrir as quendas. Que propuxeron na reunión coa policía?

Presentamos unha proposta para que fixesen máis horas. Hai un expediente aberto por María Nogareda e un informe de Intervención que conclúe que non se cumpren as horas. Nós pedimos agora un informe a Secretaría. Sabemos que a policía non cumpre as 35 ou as 37,5 horas de calquera funcionario, pero ninguén di cantas horas teñen que facer. A policía entende, e eu tamén, que teñen un índice de compensación por traballar domingos e festivos. Nós cremos que teñen que facer máis horas e así o propuxemos, e levamos na RPT metelos a todos no rotativo.

Iso xa se tentou máis veces…

Si, pero sempre foi negociado só coa policía, agora metémolo na RPT global e creo que teremos máis forza. Eu estou convencida de que o rotativo vai ser beneficioso para todos.

A Relación de Postos de Traballo inclúe melloras salariais?

Si, terán melloras salariais, aínda que será limitada porque temos límites económicos, pero unha pequena subida vai haber.

Como recibiron a súa proposta?

A primeira resposta foi ‘isto que é, máis horas polo mesmo diñeiro? Pois non.’ Nós dixémoslles que era só unha proposta e que estabamos abertos a outra. Quedaron en reunirse e trasladarnos unha resposta e non o fixeron. Antes esta falta de resposta, isto é o que hai que facer.

Teme a reacción?

A ver, extraoficialmente algún estaba de acordo con a proposta, non é nada esaxerada, non é dobrar quenda, pero calquera cambio é complicado. Hai que ir á mesa de negociación e probablemente saltará polo aire pero ante esta situación creo que a imos a impoñer. Temos a potestade de organizar o servizo, logo que se neguen a facer o horario, que o denuncien.

Por que costa tanto cubrir as vacantes? E por que tantos axentes buscan outro destino?

Os policías tenden a irse ás cidades, creo que porque pasan máis desapercibidos. Non é o mesmo formar parte dun corpo con máis de douscentos axentes que dun de trinta. Nun pobo personalízase máis, dentro do corpo e na rúa. O problema desa facilidade para a mobilidade sen restricións é que despois de formalo, o concello pequeno queda sen un policía na rúa e tarda ano e pico en cubrir esa vacante. Sacas a oferta, despois fai o curso, sae a convocatoria…. Son case dous anos.

O conflito coa policía parece enquistado. Levan case dúas décadas de enfrontamentos, preitos… Ve posible canalizar a situación?

É complicado. Creo que realmente se focaliza nunha persoa. De onde saíron todos eses procesos xudiciais? O 90%, da mesma persoa. É difícil cambiar esa dinámica, aínda que noto un cambio desde que empecei.

En que sentido?

Antes estaban máis unidos pero eu creo que agora, sacando dous ou tres, o resto xa está asqueado de tanto conflito e tanta hostilidade. Eles mesmos moitas veces non senten con ganas de vir traballar porque é mal rollo. Agora nótoos máis receptivos, como que deixaron un pouco de lado a ese líder que había antes.

Como ve a iniciativa da oposición de convocar un pleno extraordinario? Pode servir de algo?

Creo que de nada. Non se que beneficio pode saír de aí, de levar este debate á rúa. Ademais, hai certas cousas que non se poden facer públicas, estamos a falar de seguridade cidadá, non podes dicir cando hai policía e cando non, por exemplo. Despois pídennos información sobre a Garda Civil, nós non temos competencia niso, o único que podemos dicir é que temos unha colaboración estreita e constante. E tampouco entendo que pretenden con crear unha comisión informativa, para que serve esa comisión?

Cre que faltou comunicación, que esa comisión pode servir para abordar a situación internamente?

Xa, para non convocar plenos para iso, é o único beneficio que lle vexo; pero datos concretos ou sobre incidentes non se van a poder dar, para iso está a xunta local de seguridade, que se convocará. O ano pasado a señora Nogareda non a convocou, tería as súas razóns. É verdade que a última foi en 2019, pero en 2020 estabamos metidos onde estabamos, ninguén estaba a pensar nisto. De todos os xeitos, aquí non creceu a criminalidade.

Non ve motivos para a alarma?

Ningún. Non sei en que se basea o PP esa afirmación. É certo que houbo un par de semanas de roubos, pero polo caso particular dunha persoa.

Só por iso?

Claro, foi como fai dous cando estaba a famosa tatuada esa que non facía máis que dar paus por aí ou meterse coa xente, pero claro, é sacar a esa persoa de circulación e desaparece o problema. E este rapaz, o mesmo, volveu recaer e xa está, pero foi algo puntual.

Suscríbete para seguir leyendo