Carral reivindica á súa diva

Xurxo Souto honra na súa terra a Finita Gay, os cantos das traballadoras da conserva ou dos mariñeiros en Canadá coa presentación de ‘Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta’

A nora, dúas netas e unha bisneta de Finita Gay, o venres, con Souto, na presentación do libro en Carral.

A nora, dúas netas e unha bisneta de Finita Gay, o venres, con Souto, na presentación do libro en Carral. / Fran Amil

Las canas que me ven blanqueando ya / reflejan que ya estoy envejecida / pero eso es por fuerita nada más / pero eso es por fuerita nada más / por dentro soy amor en carne viva”, remata a canción escrita pola diva de Carral, Finita Gay, titulada Vieja. Eran os tempos nos que, de volta da emigración en Venezuela, abriu e rexentou na súa terra un café concerto ao que deu o seu nome familiar, A Martela, cando a xente falaba de que xa ía vella para cantar, xusto cando ela, ao enviuvar, quedara liberada do veto aos escenarios que lle impuxera “o repunante” co que casara, lembra Xurxo Souto, quen reivindica á cantante e autora no seu libro Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta, que este venres presentou no edificio social Toñito Espiñeira de Carral.

Foto de Finita Gay con autógrafo da artista que entregou a Souto.  | // L. O.

Fragmento da letra de 'Vieja' que Finita Gay repartía no seu local. | // L. O. / Sara Vázquez

“As veciñas e os veciños de Carral e máis a aldea de Castelo necesitan reivindicar á súa gran artista, Finita Gay. Morreu en 1989 e aínda segue presente ese amor a ela que nos transmitiu”, asegura Souto e afirma que a presentación foi “marabillosa”. Co local cheo, destacaron momentos como no que cantou a súa bisneta, Valentina.

Foto con autógrafo de Finita Gay entregada por ela a Xurxo Souto.

Foto con autógrafo de Finita Gay entregada por ela a Xurxo Souto. / L. O.

“Ela dicía: ‘Eu son dúas mulleres: A Martela, a empresaria, e Finita Gay, a artista. Como empresaria son durísima, como artista son marabillosa’. E iso é o que celebramos onte en Carral: o talento infinito desta muller, que está á marxe dos grandes medios de comunicación e do mundo académico”, explica Souto. O seu libro honra a esta artista e a figuras e creacións da música popular como as cancións das traballadoras das fábricas de conservas galegas, “desde Alfageme, en Vigo, ata A Pureza, en Cariño”; as cancións da flota galega en Canadá; ou a charanga do Cuco de Velle, en Ourense, que inventaron a música mestiza, mestura de galega con cubana e italiana, antes de que aparecese o concepto de música mestiza e Manu Chao”, explica o autor.

Souto fai propia a reivindicación de Villalta de que a música é fundamental para a literatura e a súa crítica ao esquecemento da música popular nas altas esferas académicas e universitarias. “Á marxe das convencións sociais e dos circuítos oficiais, están o cariño e o talento dos grandes artistas populares, neste caso, Finita Gay”, defende Souto.

“A música galega e a literatura galega son o mesmo. O primeiro monumento da literatura galega son as cantigas medievais e o movemento do Rexurdimento son os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Como se poden explicar sen música?”, chama a reflexionar o autor. “Moitos aprenderon alta literatura galega, como textos de Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro, gracias a Pucho Boedo e Los Tamara, e sen embargo ninguén os estuda en clase de literatura”, reclama. “O mundo académico sempre ignorou a música popular e non hai dereito”, manifesta.

Suscríbete para seguir leyendo