52. Gatofilia

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Amor, simpatía ou fascinación apaixonada ou esaxerada polos gatos. Esta definición non figura (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Ailurofilia: sinónimo de gatofilia. Mascotismo: moda ou tendencia baseada en ter animais con fins recreativos ou sentimentais no seo do fogar. Predación: actividade levada a cabo polos animais para alimentárense doutros. Estas definicións, agás a última, non aparecen (aínda) no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: O gato (Felis catus) foi domesticado hai uns 9.500 anos en Oriente Próximo e Exipto —onde eran sagrados—, a partires de individuos de Felis (sylvestris) lybica, o gato bravo africano. A súa habilidade para cazar roedores na contorna de cultivos e despensas, e os hábitos mansos e aseados, propiciou que os gatos se estenderan nos seguintes séculos por asentamentos humanos arreo do Vello Mundo, “saltando” a América coa colonización europea (1492 en diante). No século XIX o gato era un elemento apreciado socialmente, comezando a cría de distintas variedades (“razas”), ata sumar 60 distintas hoxe en día. No ano 2021 existían no mundo uns 220 millóns de gatos “caseiros” e 480 millóns de gatos vadíos ou cimarróns, dos cales 2,5 millóns estarían presentes en España. Depredadores eficaces de vertebrados de pequeno tamaño, estes felinos levaron á porta da extinción a 430 especies animais, e mesmo á desaparición definitiva de 63 vertebrados, maioritariamente en illas. Considerando que cada gato doméstico ceibe pode matar de 54 a 140 animais ao ano, as cifras de mamíferos, aves e réptiles silvestres aniquilados polos Felis catus son da orde de varios miles de millóns anualmente. Por este motivo, considérase unha das cen especies exóticas invasoras máis prexudiciais a nivel mundial, segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

Por que está en voga esta palabra?: A filia polos gatos é un tema recorrente cando se fala das colonias felinas en contornas urbanas. Sen entrar na compoñente social desta gatofilia, o seu impacto ambiental é alto en termos de capturas anuais de especies silvestres protexidas, polo que científicos e colectivos naturalistas inciden no control destes gatos vadíos. As (caras) campañas co método CES (Captura-Esterilización-Solta) son só efectivas con taxas elevadas de captura (máis do 80% dos individuos), durante longos períodos de tempo e en contigüidade espacial. Así e todo, no período 2018-2023 co método CES logrouse reducir á metade os gatos en colonias felinas na cidade da Coruña. No caso das Illas Atlánticas de Galicia, a campaña de erradicación do que os científicos consideran “o depredador invasivo máis dañino para a biodiversidade” levou a que, hoxe en día, apenas exista unha única gata esterilizada neste Parque Nacional (nas Cíes).