Urbano Suárez é o patrón maior confraría de Corcubión dende o pasado mes de outubro. Logo de estar varios anos como vicepatrón de José Domínguez, Suárez asume este novo cargo cun importante proxecto en mente: a ampliación do porto de Corcubión, xa que as embarcacións non teñen abrigo e cando hai mal tempo están desprotexidas.

- Por que se presentou como candidato a patrón maior de Corcubión?

-Porque levaba toda a vida na confraría e non había quen se presentara. O anterior patrón xubilábase e non o deixaban seguir. Ao final os compañeiros falaron comigo e dixen que si. Estiven toda a vida con Pepe Domínguez [o anterior patrón maior] de segundo.

- Tendo esa experiencia como vicepatrón, como afronta este novo posto?

-De momento ben, de momento. Somos un grupo pequeno, polo que formamos unha piña. Ademais tamén teño o apoio do anterior patrón e se teño algunha dúbida ou problema consultareina con el.

- Segue as ideas expostas polo seu antecesor?

-Si, seguimos as mesmas liñas. Ademais o cabildo o formamos practicamente as mesmas persoas que na anterior lexislatura. Ao final somos todos os mesmos, cambia o nome pero a xente non.

- Que balance fai destes meses que leva no cargo?

-Polo momento vai ben. As cousas en xeral van por bo camiño e ogallá fora así durante máis tempo, sería unha marabilla. Pero os problemas han de vir, o raro sería que non o fixeran.

- Están traballando en algo para mellorar as infraestruturas?

-Hai unhas semanas tivemos unha reunión coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e co presidente de Portos, José Juan Durán, para saber se nos poden ampliar un pouco o porto de Corcubión porque apenas temos. É o de toda a vida e cando hai mal tempo pasámolo moi mal porque os barcos non teñen refuxio e estamos a ver se se pode ampliar. É o principal proxecto no que estamos a traballar.

- Os barcos están un pouco desprotexidos?

-Si, pero no un pouco, están desprotexidos totalmente. É un perigo para os barcos e para a xente cando hai mal tempo.

- O principal proxecto que teñen pensado é o da ampliación do porto, hai algún máis pensado?

-Queremos ver se conseguimos tamén facer un pouco máis grande a fábrica de xeo porque a que temos agora é un pouco pequena para os barcos que somos. Non nos dá abasto, sobre todo no verán. E despois seguir loitando para mellorar o que xa temos.

- Cal é a situación económica do pósito? De onde proveñen os ingresos?

-De momento está todo saneado, non debemos nada a ninguén. Os ingresos veñen sobre todo do recadado das vendas na lonxa, sobre todo da comercialización do polbo, que é unha das principais especies que temos. Incluso veñen de fóra de Corcubión a vendelo. Temos unha venda á semana, e logo os prezos son os mesmos o resto dos días. O mariñeiro cando vai a capturalo xa sabe como o vai a vender.

- No 2018 descargouse menos produto na lonxa, a que se debeu esta caída?

-Principalmente este descenso foi debido a que houbo pouco polbo. Cando comezou a campaña había moi pouco, despois co paso dos meses foi aparecendo máis polo que ata agora non está sendo unha mala campaña e tamén foise vendendo ben.

- En que se fixan para cualificar unha campaña como boa, na cantidade capturada ou nos prezos que alcanza?

-O mariñeiro anda aos cartos, pero esta campaña é boa. Non me dedico ao polbo, pero polo que me contaron os compañeiros e polo que vexo foi bastante ben, aínda que non tan ben como un querería. Eles pescaron e o prezo era bo.

- En Corcubión hai problemas cos pescadores furtivos?

-Non, polo momento moitos non hai. Pode haber un ou dous furtivos, pero en comparación coa situación que viven outras confrarías non temos case problemas. Tamén a zona é pequena.

- A que problemas ou dificultades se enfronta a confraría?

-A prohibición dos descartes pode que se converta nun problema, aínda que en principio a nosa flota ten poucos descartes. A totalidade dos nosos barcos son de pesca artesanal, por iso temos poucos descartes. E despois hai especies como o polbo que ao vir vivo podes devolvelo ao mar se non dá a talla.

- Cando o polbo está en veda, que outras especies captura a frota?

-A maioría amarra durante ese periodo de tempo, pero hai algúns que optan por ir ao palangre ou á volantilla e van á pescada. Os que amarran arranxan as embarcacións, as pintan e preparan o aparello. O que queira ir a outra especie pode, pero hai que cambiar as artes de pesca, e non todos poden asumir eses trocos, e os barcos tamén hai que preparalos. Mentres o pesqueiro está parado o mariñeiro non cobra, e a seguridade social haina que pagar igual. Levamos anos pedindo un paro biolóxico para que os mariñeiros que estean ese mes e medio parados poidan cobrar algo, pero polo momento non hai maneira.

- O sector pesqueiro galego está a pasar por un bo momento?

-Non. A proba é que aquí, pola zona, antes eramos máis de 30 barcos. Moitos fóronse e o mar en vez de ir a máis vai a menos. Todos os anos estanse a perder barcos de artes menores, pero a pesca non mellora, todo o contrario, é menor.

- Cal podería ser unha solución a esta situación?

-É algo complicado de saber, nin o saben os políticos. O único seguro é que cada ano que pasa hai menos barcos na frota, pero a pesca tamén se reduce en vez de incrementarse ao haber menos embarcacións entre as que repartila.

- As administracións están a facer un bo traballo para manter sa a pesca?

-Non, están a facelo mal. E que agora cantos máis controis temos, menos peixe hai. Non sabemos que pasa. Hai moitísima vixilancia, como se nós fósemos furtivos. E si, vixilancia haberá e necesítase, pero peixe non. Quen garda ese peixe? Nós non somos. Debería haber moito máis produto do que nos atopamos porque hai menos aparellos que antes. Non ten sentido.

- Vendo a situación do sector, a pesca ten futuro?

-A verdade é que o vexo mal. Todo dependerá de como nos deixen traballar, pero non hai máis que problemas. Agora vén o tema da xarda. Cando a hai ven a montóns, pero chega un momento no que che din que se acabou o cupo, e os barcos que tiveron que ir ata Santander e ao País Vasco a pescala só poden facelo durante unha semana. E aínda por riba cada ano recortan máis a cota, a pesar de que cada vez hai menos barcos. O futuro depende das administracións.