Alejandro Pérez é o patrón maior da confraría de Sada dende outubro. A frota está formada por cinco cerqueiros, polo que os ingresos da entidade son menores xa que tampouco venden o recurso na lonxa. "Ao ir a frota a menos é máis complicado pagar o soldo dos empregados", sinala Pérez.

É a primeira vez que asume o cargo.

Si. Antes tampouco formara parte do cabido, iso máis ben o facía meu irmán que está xa case en idade de retiro. Agora hai pouca xente na confraría. Cando comecei ao mar había 23 embarcacións e agora quedamos cinco. Antes a parte social estaba moito máis involucrada, agora hai menos xente, tamén do pobo. O que é de fóra chega e vaise para a casa, non está pensando nas problemáticas da confraría.

Entón só hai cinco barcos?

Si, e son cerqueiros. Logo hai algunha lancha pequena, pero barcos somos cinco. Hai tres anos a esta parte éramos case o dobre. Neste tempo vendéronse dous e despezáronse outros dous, por iso de nove agora quedamos cinco.

Ao reducirse o número de barcos tamén caeu o de socios?

Claro. Se por cada embarcación había entre oito e dez homes, con catro barcos menos son case 40 persoas menos. Así que agora somos ao redor de 150 socios nos que tamén hai mariscadores, aínda que poucos. É un oficio a extinguir. Volvéronse abrir os carnés hai pouco, pero haberá como moito cinco.

Como foron estes meses ao fronte da entidade?

O traballo non me mata [risas]. O que máis firmar algúns documentos por temas legais e mediar nalgún problemillas que haxa na confraría. Aínda que ao haber menos frota tamén equivale a que haxa menos problemas. A venda dos recursos case non existe aquí. Imos ter que pechar a fábrica do xeo polo seu estado. Costa moito arranxala e o consumo dos cinco cerqueiros non dá para pagar ao empregado case. Xa non digamos o consumo da fábrica en si. É o que hai que afrontar, o peche dalgunhas cousas e aforrar. Cando hai que tomar decisións é algo consensuado con todos para acordar o que faremos, aínda que vaia a miña firma nos documentos.

Cal é a situación económica ?

Está baixo mínimos. Estes últimos anos os empregados estaban ao cargo da confraría, non había ningún da Xunta, entón ao ir a frota a menos cada día é máis complicado pagar os soldos. Logo está a fábrica de xeo, que nos empeña moito porque ten moitos anos e moitos gastos. Case non temos vendas na lonxa, polo que de ingresos veñen os retornos das vendas que se fan fóra. Temos dous empregados e os seus soldos, aínda que non sexan enormes, producen un gasto elevado para a frota que somos.

Onde venden o produto que pescan?

Os mariscadores normalmente venden á semana e poñen un prezo. As vendas das embarcacións están centralizadas na Coruña, salvo que esteas fóra da zona, por exemplo na campaña da anchoa, ou que por aquí non haxa recurso e teñas que marchar a outro lado. Normalmente vendemos na Coruña, aínda que non somos nós sós xa que a meirande parte dos portos da ría tamén o fan alí. A globalización, que se chama, centralizou todo alí.

Atrae que os prezos sexan máis elevados?

Aínda que as vendas son presenciais moitas veces tratas o prezo por teléfono. Se o pagaran máis en Sada, por exemplo, iriamos a Sada, pero normalmente págase menos que na Coruña. As empresas teñen que funcionar e non van a vender por debaixo do prezo do mercado. Os compradores din que lles sae máis caro ir a buscalo a Sada que á Coruña, polo que nos pagan menos para que lles sala máis rendible. Á frota tamén lle leva máis tempo vir descargar a Sada que ir á Coruña. Aforras un par de horas de gasoil do barco, que ao longo de tódolos días suma moito. Ademais de que aínda rematas antes e podes saír ao mar outra vez. Se fóramos a Sada perderiamos a captura da mañá.

Está a ser un bo ano de pesca?

Podería dicirse que si. Nós imos á campaña de anchoa ao País Vasco e alí máis ou menos vas facendo. Aquí a problemática que temos é a sardiña porque apenas temos cota e antes a metade do ano o pasabas pescando sardiña. Este ano vense máis sardiñas que o anterior, pero non se poden pescar. É un pastel grande do que vas collendo anacos pequenos cada día.

Ven sardiña no mar, Europa debería ter en conta a percepción do sector ademais dos datos dos científicos?

Os científicos depende a onde miren. A nosa zona, a VIIIc, vai ata San Sebastián, onde puxeron una liña. A sardiña que se move por aí hoxe está en Francia e mañá en España. Se fan un estudo alá igual non a atopan. Ou como fixeron co xurelo. Aquí péscase, vese e o hai, pero analizaron o golfo de Biscaia e viron que alí foi a menos, polo que había que reducir as capturas. En cambio aquí había moito xurelo. Se a zona VIIIc comprende de Fisterra ao golfo de Biscaia e a miran por Bilbao e alí non hai recurso xa din que non hai na VIIIc, e iso non é así. Terán que mirar toda a zona ata Fisterra, pero non o fan. Aquí peixes vanse pescando todo o ano. Ao mellor o tamaño non é o máis comercial, pero non hai falta de peixe.

Como está o marisqueo?

Houbo a frote aínda que xa non. Como é zona de libre marisqueo viñeron a traballar os de fóra. Só hai mariscadores a pé. Hai poucos permisos, polo que son entre catro e cinco mariscadores. Na zona de a frote atopouse un bo banco, pero viñeron doutras confrarías a traballalo.

Esta actividade non ten tanto protagonismo como antes?

Non, porque o marisco tamén require atención. Hai que limpar a praia do lixo e de todo o que cubra o banco e hai que tela moi traballado, vixiado e atendida, pero aquí non se cumpre case nada disto. Para que estean traballando tres ou catro persoas si que dá, pero non para moito máis. E se veñen algúns mariscadores doutras zonas, que poden facelo, había quen levaba o produto de aquí e o plantaba na súa zona, resementaba.

As administracións traballan para mellorar a pesca?

Non dá a sensación. En Europa tiñamos unha capacidade pesqueira recoñecida, pero estamos empregando a metade. Temos un tanto por cento asignado, pero só pescamos a metade, non o estamos usando nin ao esiximos. Se o fai un pequeno tampouco chama a atención. Tiñan que ser os partidos fortes os que chamen porque os pequenos non van ter forzas nin as axudas en Europa. A nivel local ou galego non se consegue moito, protéstase aquí e acábase aquí aínda que un día botes unha parrafada no Parlamento Europeo.