Hoxe quero falar dos servizos mínimos nas folgas. Polo Metro de Madrid, vaia. Pero antes, permítanme que aclare un despiste que está a correr polos cerebros dos amantes ao fútbol. Levados pola euforia de La Roja os comentaristas deportivos están a afirmar que a actual selección española acadou as semifinais dun mundial por primeira vez. Pois non. Ninguén nega a calidade dos actuais xogadores pero sería inxusto non lembrar o equipo que no seu momento encabezaban Zarra e Gaínza. Disto hai sesenta anos. Eu non tiña nacido, mais iso non evita que, por deformación profisional, coñeza á perfección aquel mundial tan lonxano. Matías Prats, pai, narraba así na radio da época, con verbo florido, o gol de Zarra que daba o paso a aquela selección a semifinais: "El delantero centro español, cruzando un tiro suave a media altura, ha batido irremisiblemente al meta Williams. España 1, Inglaterra 0". Logo, moi propio tamén na época, o locutor realizaba unha descripción perversa sobre a pérfida Albión con todo tipo de lindezas. Pero iso non vén a conto. Dito isto, que era de xustiza lembrar, vaiamos cos servizos mínimos e con outras xustizas. Calificouse de folga salvaxe, a folga levada adiante polos traballadores do Metro de Madrid. Vaiamos por partes. Non é certo que folga tras folga os servizos mínimos decretados pola autoridade son abusivos? Si. Así o constantan centos de sentenzas que os maxistrados de turno realizan diante das denuncias presentadas polos sindicatos. Son abusivos e a xustiza avala que así é, mais a autoridade competente segue decretando o cumprimento duns servizos mínimos abusivos porque sabe que a sentenza tardará tres anos en ser efectiva, e en tres anos poden pasar moitas cousas. O clima de axitación social no estado español é case inexistente. O paro é moi alto e, sen embargo, os políticos non están sendo especialmente castigados pola cidadanía. Pódese interpretar esta calma chicha como un signo de madurez dunha sociedade ou por un signo de fastío, de cansanzo, de desilusión colectiva. Desde logo as formas dos líderes sindicais do Metro de Madrid poden ser pouco axeitadas na súa expresión, mais no seu fondo levan razón. O Governo de Esperanza Aguirre volve, como tantas outras autoridades, a decretar uns servizos mínimos abusivos, uns servizos que impiden que a folga se visualice. E, aínda que sexa dun xeito moi puntual, estoupa un sentir reivindicativo que sorprende a todos. A todos menos aos traballadores. Fálase de expedentes e despidos. Tampouco está aí a solución. Os artífices da crise seguen cobrando millonadas e as vítimas da mesma van ser despedidos? Algo non casa, algo cheira a podre en Dinamarca, que diría Shakespeare. A única solución é darlle unha volta á folga en si. Lexislar. Isto é: redactar unha nova lei de folga que se axuste á realidade e garantice o dereito á folga dos traballadores e o dereito ao disfrute dun servizo por parte dos usuarios, meditando moito que se entende por servizos mínimos e onde se encontra a fronteira do incumprimento dos mesmos. Agardemos que esta nova lei non tarde catro anos en levarse a trámite parlamentario. Para lento e preguiceiro xa está o Tribunal Constitucional.