Coa nosa teima de tratar temas do día a día, hai pouco inspireime na praia ao ver a cantidade de tatuaxes que exhiben, as que se poden ver, homes e mulleres, sobre todo en xente moi nova. Creo que para os menores de idade esíxenlles un permiso familiar escrito. Aínda que agora, segundo me explicou un mecánico que o tiña no ombreiro, só duran tres ou catro anos. Pero as de antes son para toda a vida. Aínda recordo a preocupación daquela moza que levada, do que cría ía ser o seu amor eterno, gravara no seu lombo o nome do seu romeo Telmo, co que despois rematou as súas relacións. E ao darlle as costas ao seu futuro home, toparíase este constantemente co primeiro corpo do delito, ademais polo pouco común do nobre e tan poético nome. Esta técnica consiste en gravar debuxos indelebles, que non se borran máis, na pel. Para isto introducen materiais colorantes baixo a epiderme, desde a cara a calquera parte recóndita do corpo. Os fabricantes de cosméticos non parecen teren esgotado a maioría das rexións do corpo humano. Desde os lapis labiais de distintas cores, arrebol para as meixelas, sombras para os ollos, tinguiduras de distintos tons para o pelo, vernices para as unllas das mans e dos pés, pos e cremas e ata pasta de dentes para arroibar as enxivas. E agora, como dixen antes, fai furor esta nova moda de pintarse deseños exóticos na cara, coxas e outras partes do corpo. Dixen "moda" pero, investigando, difícilmente se poda considerar nova.

Os seres humanos, en realidade, estiveron utilizando cosméticos desde os tempos máis primitivos. É curioso que ao principio a empregaran para pintar aos mortos, algo parecido ao que hoxe fan os empresarios de pompas fúnebres, que arranxan o cadáver de xeito que semelle vivo. Hai uns 60.000 anos os mortos eran pintados con óxido vermello de ferro. Hai uns 20.000 anos os primitivos pintaban franxas no corpo. As pinturas que Henry Lhote descubriu no deserto de Sahara, confírmano. Os cazadores e soldados pintábanse desta forma. Os africanos primitivos e os peles vermellos norteamericanos tamén. Os homes primitivos asociaban o pintárense coa a afouteza ou valor. Era como se dixesen "Olládeme, que son un gran cazador e un gran guerreiro e podo escoller a muller que queira". Posiblemente as mulleres os mirasen abraiadas. E é posible tamén que estas damas prehistóricas acabaran por acordar pintárense tamén, para ver o efecto que puidesen causar. E así chegaron ata os nosos días. As antigas exipcias usaban un po, un sal negro para se escureceren os ollos. E que dicir da famosa Cleopatra que usaba as flores olorosas de alheña para tinguirse o pelo e as unllas das mans e dos pés como fan hoxe as mulleres!. No sartego de Tutankhamen, de hai 4.000 anos, encontráronse frascos con aceites olorosos que aínda conservan o olor. As gregas da antigüidade para limparse e branquearense os dentes utilizaban pedra pómez. Pola historia sagrada sabemos que Jezabel, a que mandou matar ao profeta Elías, e despois foi devorado, o cadáver dela, polos cans, enterámonos que nos tempos bíblicos xa se coñecían os cosméticos. Na época isabelina, en Inglaterra, as damas, como fixo Cleopatra, bañábanse con leite e María de Escocia facíao en viño. En Italia empregaban unhas pingas para dilatar as pupilas e facer brillar os ollos. De aí o nome de beladona desta substancia, ou sexa, Bela Dama. Resumindo, estes afeites ou adornos usáronse para facer máis atractivas as damas. Resaltan o mellor da muller e disimulan os defectos menores, cobren cicatrices, o acné, verrugas e manchas. A muller coa axuda da maquillaxe a miúdo é moito máis sexualmente excitante. O que buscan. E os homes rematan en velo con agrado. Todo isto en axuda da sexualidade, isto é o que di a historia.