Cando Felipe González deixou a política activa dixo unha frase que quedou para a historia: "Puiden con todo menos coa FSM". Si, a Federación Socialista Madrileña, sempre foi unha rebelde con respecto ao antigo líder do PSOE. Xa era así en tempos de Pablo Iglesias. Ousexa que chove sobre mollado. Este sábado Tomás Gómez superou en votos á candidata de Ferraz. Logrou derrotar a Rubalcaba un mes despois de que este derrotara a Chacón. E digo todo isto porque o PSOE segue nas mesmas: anuncian un debate de ideas e o que fan é unha batalla de nomes e de listas. Non me extraña que a desafección continúe. Logo da reforma laboral e de todas as decisións que o PP leva tomado desde que ocupa o poder, nas enquisas publicadas, só perdería cinco escanos e o Partido Socialista recuperaría tres. É decir, que Mariano seguiría tendo unha maioría absolutísima. E os socialistas, non só deben pensar en que fan con este panorama. Tamén deben reflexionar sobre cal é a súa actitude diante das protestas que están tendo lugar en todo o Estado español. Sexan os sindicatos ou plataformas diversas as que convoquen as movilizacións contra os recortes que o governo actual está a realizar sobre os dereitos da cidadanía, todo o mundo pode exercer o seu dereito de asistir a unha concentración ou a unha manifestación se cré que con iso pode mellorar as cousas. O que ten que plantexarse o Partido Socialista é se algúns dos seus membros destacados teñen dereito a encabezar ou apoiar calquera protesta que se produza en España. Pensan vostedes, señores e señoras deputadas, senadoras, concelleiras, etc., que aqueles e aquelas políticas que tiveron cargos de responsabilidade en governos anteriores, onde practicaron políticas agresivas contra a poboación merecen estar presentes nunha protesta contra o governo actual? Son persoas que tiveron responsabilidades en governos anteriores, fosen municipais, nacionais ou autonómicos, e no exercicio da súa responsabilidade tamén contribuíron á destrucción do estado do benestar. Así que se, de súbito, amablemente, algún manifestante convida a un exalcalde ou a un exministro ou a un expresidente de deputación ou de autonomía, a abandonar unha manifestación non o tomen a mal. É lóxico. Son presenzas que están onde non deberían estar. Por outra banda, creo que acusar ao PSOE de estar detrás das movilizacións que están tendo lugar é un disparate. Parece como se o PP considerase que a rúa é súa. E se pensan así están trabucados. A rúa é de todos, igual que os parlamentos e os consistórios son a casa do pobo. Acaso cren que está ben expulsar a viciños de plenos parlamentarios ou municipais porque disinten das súas opinións? Consideran que unha muller de setenta e tres anos que se apoia nun bastón nunha manifestación é unha antisistema ou unha avoa que defende os dereitos do seu neto? Daquela, porque expulsan aos viciños dos plenos e lle dan un porrazo á avoa? A violencia é mala, veña de onde veña. Vivimos un momento histórico moi complexo. Um momento que precisa dunha enorme temperanza. O outro día en Barcelona un policía estivo a punto de pegarlle un porrazo ao seu fillo. Si, é que os fillos dos policías tamén estudan, e moitos en colexios públicos. Non quero nen imaxinar que pasou esa noite, nesa casa, á hora da cea. O PSOE ten que renovarse e o PP ten que tranquilizarse. Sería o mellor servizo que lle poderían facer a España.