A estrela é un símbolo tan antigo como a humanidade, universalmente empregada e sempre con valores positivos: luz fronte da escuridade, felicidade, paz, guía na desorientación, prudencia, verdade e maxestuosidade. Como tal foi utilizada nas máis diversas relixións, na heráldica, na literatura emblemática, en sincronía con outros códigos, no Barroco, e na política a partir do século XVIII introducíndose posteriormente como icono en numerosas bandeiras. A estrela, apunta Cirlot no seu dicionario de símbolos, moi poucas veces ten sentido singular, a súa multiplicidade apunta a destinos colectivos. Como consecuencia desta plural e xeral utilización a estrela esixirá, en non poucas ocasións, ser verbalizada, explicada, semiotizada mediante a palabra escrita.

Nesta liña, xa no ano 1919 Antón Villar Ponte remataba un artigo en A Nosa Terra referíndose ao símbolo nacionalista como “estreliña azul da rebeldía”. Pouco despois, con ocasión da Asamblea Nazonalista de Vigo (1921) Risco explicou o senso cultural da estrela de cinco puntas —representación da cabeza e as catro extremedidades humanas— como humanización do símbolo, dotado de forza ideal e vital.

Acababa a fase críptica inicial onde a estrela era un símbolo íntimo, privado, empregado en cartas e documentos internos tal como apunta un artigo de Francisco Luís Bernárdez (La Zarpa, 30-VI-1923) con afán sacralizador:

“A estreliña nazonalista. Ises loceiriños qu-estrelecen o ceo dos nosos escritos. Isas margaridas pentapétalas que nós, os nazonalistas, bosquexamos inxenuamentes derriba das nosas cartas espranzadas non sei por qué teñen para min o mesmo simbolismo qu-aquil doroso cruceiro que unha nai garimosa puña a devanceira do meu berce de rapaz”.

Pero neste mesmo artigo o autor xa se mostra partidario dunha interpretación máis libre e individual cando proclama coralmente ese “Nós mergullemos a sinxeleza aparencial do sagro emblema nunha maré de metafóricas suxerenzas”.

Nesta mesma dirección, a maioría dos escritores e ideólogos do nacionalismo inclináronse polo debuxo silente, unha forma calada pero que deposita a súa confianza interpretativa na potencia imaxinativa de cada persoa. Deste xeito mudo empregou profusamente o poeta Manoel Antonio a estrela en cartas, fotos e apuntes escolares de todo tipo. Con trazo lineal e sinxelo o poeta rianxeiro fai de distinta lonxitude cada un dos cinco imaxinados pétalos para así reforzar, engadimos nós. o significado de unión entre desiguais. E con este anhelo poblou a súa obra poética de estrelas.

Contemplada a estrela desde a nosa perspectiva actual, semella máis enriquecedor esta apelación a completala coa imaxinación de cada un que limitar o seu significado a unha explicación verbal, non sempre aceptada maioritariamente.

Así o deberon entender os amigos que se moveron no círculo de Manoel Antonio que interpretaron a estrela como arela de liberdade. Tal é o caso do seu veciño de Asados Ricardo Rodríguez, subscritor do xornal Galicia (1922-1926), correo clandestino entre Arxentina e Galicia nos anos cincoenta do pasado século cando estaba embarcado como tripulante dun correo italiano, recadador de sinaturas para obras censuradas como Galicia Hoy (Ruedo Ibérico, 1966), padecendo sempre persecucións e sancións de todo tipo.

Ricardo Rodríguez, este teimudo loitador, cando por volta de 1956 acomete unha reforma na casa familiar, grava varias estreliñas na pedra da fachada principal e dúas abreviaturas enigmáticas V.C. que a garda civil quixo interpretar como “Viva Castelao” ou “Viva o Comunismo”pero que o interesado traduciu de maneira exculpatoria como “Villa Carmen”, o nome da súa esposa.

Cando hoxe contemplamos a estreliña prateada e sinxela anunciadora da casa-museo de Manoel Antonio en Rianxo, convertida recentemente en insignia, lembramos o significado silente, sen palabras, que significou esa estreliña para miles de galegos que loitaron polas nosas liberdades.