Opinión

Ex concelleira de Marea Atlántica

Levantar a mirada cara 2023. Un outro máis reclamo de unidade

Levo toda a vida votando nas convocatorias electorais, sempre reflexiono sobre a importancia de facelo, nunca crin que a democracia fora ter unha representación nas institucións que se delega cada 4 anos en persoas que se apropian dunha acta que lles dá poder. Creo que Democracia é participar dende o persoal e o comunitario na defensa de dereitos e na construción de novas realidades. Con todo, si creo que a representación nas institucións é unha ferramenta necesaria, e que non é o mesmo que a manexen uns que outras, porque incide directamente nas nosas vidas e no que nos rodea. Por isto decidín en 2014 formar parte da creación da Marea Atlántica, só como unha ferramenta que sumase, nunca que restase, porque creo que as estruturas políticas clásicas restan: restan democracia, restan participación, restan ilusión…

Despois de 4 anos como concelleira de goberno na Coruña aprendín moito sobre a ferramenta, para ben e para mal. Agora, coa vida recuperada e a cabeza sanada, aínda lle saco máis partido ao aprendido. Pero ese non é o motivo desta reflexión, senón o de achegar, dende a perspectiva que me dá o tempo e a distancia, un reclamo de unidade para este 2023.

Cando xurdiu a Marea Atlántica na Coruña dábase un contexto, a nivel estatal e internacional, que favoreceu que agromasen novos movementos políticos que tiñan en común a herdanza dun mandato cidadá que estoupou cun claro clamor de cambio de fin dos bipartidismos e das maiorías absolutas. O que tiña que ter sido un novo paradigma sufriu o ataque furibundo dos grandes poderes mediáticos e oligarcas. Pero as derrotas de 2019 non son derrotas definitivas, porque algo xa mudou dentro e fóra das institucións e polo que hai que seguir loitando.

Moitas das que no período 15-19 estivemos nas institucións reflexionamos xuntas e concluímos que chegou o tempo de ver a política institucional como un espazo de permanentes pactos e acordos. Ese foi o verdadeiro éxito da Marea Atlántica e doutros moitos procesos que tiveron peso nos gobernos municipais nese ciclo, fomos quen de coller o timón e, mirando de poñer a vida no centro, ir cambiando inercias. Logo viñeron os que queren volver ao rumbo previo e con eles os erros do seguinte ciclo cometidos dende os procesos municipalistas, estar máis pendentes do timón que de alzar a vista cara o horizonte. Toca mirar a media e longa distancia e trazar o rumbo que vire a máquina e iso só se pode acadar recuperando as correntes que traza a comunidade con traballo de base, non de despachos nin de recepcións sobre moqueta, tempo de pactos con quen levanta a mirada.

En 2015 votei con ilusión, en 2019 con resignación. En 2023 metería dúas papeletas nun sobre, por non quedar na casa. Con iso gañan os de sempre e perdemos as que críamos en 2015 nun novo camiño que se enche de silvas se non o rozamos, con moita vontade e levantando, de novo, a mirada.

Dende aquí pido que levantedes a mirada quen fostes compañeiras e compañeiros de camiños diversos, escoitade a quen pide unidade. Estades a tempo de repartir ferramenta para desbrozar xuntas ou deseñar mapas, vivimos nesa península bravú na que hai forzas para afrontar retos coma este.

Outra cousa que aprendemos foi a fomentar espazos colectivos de reflexión, non deses impostados para que saia o que xa temos escrito, os outros, eses que foron clave no 2014. Sabémolo, porque o fixemos e porque non foi doado, e sabemos que agora tampouco o é… pero si posible.