Opinión

Académico numerario da RAG

Murguía e a Academia

Para comprender a mentalidade fundacional da Academia Galega temos necesariamente que coñecer as aspiracións políticas dos seus promotores porque están conectadas cos ideais e sentimentos comunicados á institución. Que equivale a dicir que a historia da Real Academia Galega (RAG) comeza uns anos antes da súa fundación oficial en 1906 tal como se encargou de demostrar o profesor Dobarro nun esclarecedor artigo.

Manuel Murguía nunha imaxe sen datar.

Manuel Murguía nunha imaxe sen datar. / LOC

No programa que esboza Murguía para o rexionalismo por volta de 1893 é evidente a súa preocupación pola falta de institucións propias con vocación durábel que xa fixera notar con ocasión da reivindicación da Capitanía Militar para Coruña (1893) xustificada porque “ao defender tan venerandas institucións, defendemos a nosa personalidade histórica”. Pero o rexionalismo galego despois de constituír por toda Galicia Xuntas de Defensa da capitalidade militar da Coruña entrou nun dubidoso e preocupante letargo producido, entre outras causas, polas disensións internas.

Murguía e a Academia

Murguía e a Academia / Convocatoria para a creación da Academia.

Non pode estrañarnos que neste clima político prenda a idea de crear unha Academia (Una Academia de la Lengua e Historia de Galicia) que, como vemos non é exclusivamente da Lingua xa que inclúe tamén a Historia. Consecuentemente anos despois os estatutos primeiros da Academia asumen como ecléctico obxectivo “cultivar las Bellas Letras en general, y principalmente aquellos estudios que puedan contribuír al conocimiento de la Historia, Antigüedades, Literatura y Lengua de Galicia”. Este eclecticismo provocará a dispersión de obxectivos que, á súa vez, dificultará trazar un perfil nidio de futuros académicos ao servizo dos mesmos. Como consecuencia a RAG estivo sempre exposta a determinados grupos de presión que a condenaron en determinados momentos da súa historia a compartir obxectivos foráneos que deturparon o seu compromiso fundacional co país, de contundente perfil político.

Murguía e a Academia

Murguía e a Academia / Borrador autógrafo do prólogo para 'Rimas populares'

E con este obxectico ecléctico transcorre gran parte da súa historia e soamente despois da entrada do grupo Galaxia na década dos 50-60 do pasado século que se aliará posteriormente co ILG, comeza a RAG a escorar os seus criterios cara a lingua en exclusiva que culminarán cos novos estatutos a principios do século XXI.

Murguía e a Academia

Murguía e a Academia / Programa rexionalista autógrafo de Manuel Murguía.

Este concepto inicial histórico-literario dunha posible Academia responde á vontade de Murguía empeñado en defender a nosa personalidade como nación cando a maioría dos comités rexionalistas pensaba nunha institución chamada exclusivamente para ditar normas mediante unha gramática e un dicionario, opción que optaba polo modelo da RAE que, orientada polos criterios ilustrados do purismo e do casticismo, pretendía fixar unha lingua que xa acadara, según os fundadores, o seu cénit. Esta dualidade de principios e obxectivos para unha futura Academia, os de Murguía e o seu grupo fronte da maioría dos rexionalistas, vai orixinar numerosos equívocos e non poucas diverxencias no futuro. Aínda hoxe hai, a concepción da lingua como ferramenta irrenunciable de identidade fronte á de aqueles que conciben a lingua como obxecto de investigación e estudo profesional ao marxe de calquera opción política. E non faltaba unha terceira opción sustentada por todos aqueles que se circunscriben á esfera puramente literaria, temerosos da escisión da Patria. Como dicía Alberto García Ferreiro a Murguía a respecto destes pusilámines, “por ahora, lo mejor será disfrazarnos mañosamente de inofensivos corderos. Amontonemos leña y cuando el montón cobre proporciones, fuego a la hoguera y que salte en pedazos lo que deba saltar.”

Para poder facer a historia da Academia Galega, creación do rexionalismo malia as disensións, é imprescindible retomar o primeiro intento formal de creación que ten lugar en 1895. O acontecido un ano antes limítase á pretensión dun reducido grupo coruñés de aproveitar a estrutura acadada no seu día pola Sociedade de Folk-Lore Gallego, presidida por dona Emilia Pardo Bazán, para reconvertela en Academia aproveitando deste xeito os fondos que desde 1888 estaban depositados e sen destino inmediato dada a disolución da sociedade e que serán finalmente repartidos entre a Cociña Económica, e a estatuas de Concepción Arenal e Daniel Carballo. Aínda que non sabemos con certeza as causas polas que non prosperou esta primeira iniciativa podemos aventurar que, entre elas, estaba a desconfianza dunha posible Academia de corte político ao servizo do rexionalismo e outra, sen dúbida, o carácter exclusivamente local coruñés que imprimían os seus promotores ao proxecto. Por non citar o concepto diametralmente oposto que do folclore tiñan os rexionalistas e folcloristas progresistas, empeñados en desmantelar o poder aniquilador da uniformidade nacional para mellor promover un discurso autónomo e múltiple.

A convocatoria de 1895 diríxese a case 200 persoas de toda Galicia para reunirse na sede da Deputación da Coruña o día 17 de febreiro. O listado dos convocados está encabezado por estas palabras: “Lista de los señores Folk-loristas, fundadores y socios correspondientes de la Academia Gallega en creación.” Deste xeito incide no carácter “galego” da convocatoria e resta protagonismo aos folcloristas, apenas vinte entre case douscentos convocados. Entre estes, para salvar unha posible votación, estaban numerosos amigos e admiradores de Murguía e o seu propio fillo, Ovidio.

Pero tampouco foi posible. Nesta ocasión o carácter multitudinario da convocatoria, procedente de toda Galicia fai sospeitar aos todopoderosos partidos turnantes que un posible partido rexionalista sería un competidor indeseado para futuras eleccións. A mellor información das causas do fracaso desta novo intento de creación dunha Academia témolo no editorial de Curros no periódico La Tierra Gallega (17-V-1895) que, analizando as palabras de Pérez Costales proferidas durante a reunión, conclúe que os lacaios de Montero Ríos e os servos de Elduayen, montescos e capuletos recean de que nesta Academia vai encarnarse o rexionalismo ao que queren ter afastado do poder.

A contundencia das palabras acusadoras e a firmeza da análise do fracaso presentan un Curros tan minuciosamente informado como comprometido coa creación da Academia que nos obriga a conceder ao de Celanova un maior protagonismo nesta tarefa fundacional do que lle temos concedido. Por certo que a ruptura definitiva do proxecto non acaeceu durante a reunión do 17 de febreiro de 1895 na Deputación senón nunha xuntanza da “Comisión Gestora” de 26 de marzo do mesmo ano preparatoria dunha xeral para o 31 do mesmo mes que xa non chegou a celebrarse.

Poucos meses despois un Murguía desazonado e entristecido polo inesperado fracaso fundacional escribe unhas palabras sen dúbida destinadas a ser introdución para o seu anunciado libro Rimas populares. O prólogo no seu conxunto é unha xustificación da súa decisión de transcribir e publicar con ortografía portuguesa os romances, refráns e ditos populares recollidos desde a década dos sesenta en Galicia. Xa que non damos acadado un acordo ortográfico mediante a creación dunha Academia, reflexiona Murguía no seu escrito, e sentado que a orixe de ambas linguas é común, encarga o traballo de transcripción a don Florencio Vaamonde despois de valorar os posibles obstáculos que se lle presentan. Esta importante decisión confirma que o proxecto de Murguía para a Academia era máis ambicioso cultural e politicamente que facer unha gramática, que non ten aínda hoxe a RAG, e un dicionario.