Opinión | Algo que declarar

Ventres de alugueiro

Todo o que era sólido esvaece no ar, deixou escrito o vello Marx en frase célebre. A forza disolvente do diñeiro, do Capital, habería que dicir, viña estragar para sempre todos aqueles vínculos case sagrados que ordenaban a sociedade estamental durante o Antigo Réxime, lazos de lealdade e fidelidade baseados no costume imprescindibles para regular o funcionamento dos gremios ou a xerarquía entre as clases ordenada segundo os dereitos adquiridos no berce. Para a nova aristocracia do diñeiro, nada podía ficar alleo á lei do valor e todo debe ter o seu prezo, mesmo a propia liñaxe, chegando a darse casos tan curiosos como a concesión, entre nós, dun condado a unha sociedade anónima.

Esta tradución do mundo da vida ao patrón ouro coñeceu, e aínda coñece hoxe, as súas resistencias. Formas de propiedade comunal antigas, como certas modalidades galegas de posesión do monte, e outras ultramodernas, como o software libre de acceso aberto. Mais, en xeral, o proceso histórico comezado polas enclosures, o parcelado dos pastos comúns na Inglaterra do XVIII, prosegue hoxe o seu curso, e constitúe o paso previo imprescindible para a súa posta en venda. Todo debe estar no mercado e ser susceptible de transacción mediante compra-venda ou calquera outra fórmula de contrato privado, como o salario, e isto inclúe as persoas e os seus corpos, sobre todo o das mulleres, desposuídos agora daquela aura sagrada que lle conferían os discursos das relixións patriarcais, que as sometían e protexían no mesmo acto. Sobre isto tamén advertía ironicamente Marx no seu Manifesto.

Resulta curioso contemplar hoxe como a resistencia á normalización do traballo sexual e reprodutivo provén dunha alianza contranatura entre a vella esquerda laica e a Igrexa Católica. Do lado dos seus defensores converxen tamén unha estraña coalición entre a dereita neoliberal e parte da esquerda posmoderna. Por suposto, nós participamos da primeira opción, non porque consideremos sagrados os nosos corpos, senón porque estamos en contra da forma máxima de explotación que é o seu alugueiro e porque aínda diferenciamos entre corpo e forza de traballo, unha distinción esquecida por moitos.

Feijóo, que non é un reaccionario pero si un neoliberal a ultranza, vén de tomar partido pola normalización da xestación subrogada e a nós non nos sorprende. Toda a lexislación da Xunta de Galicia nos últimos 13 anos é coherente con este principio, o de poñer todo o territorio ao servizo do Capital e o de manter o estado fóra do mercado como dogma de indiscutible obediencia. Un negocio no que saen gañando só uns poucos pero moi ben provistos de voceiros mediáticos e formadores de opinión. As declaracións de Feijóo a prol de Ana Obregón, sumadas á súa presenza nun aquelarre evanxelista promocionado pola presidenta de Madrid-Miami, poñen de manifesto o xa sabido aquén do Padornelo: que para el o fin xustifica todos os medios, e que a Moncloa ben val unha misa, aínda que sexa oficiada por Yadira Maestre. Mentres, na Conferencia Episcopal escóitase o trecolar nervioso das contas do rosario.