Algo que declarar

Berlusconi

Alberto Lema

Alberto Lema

Din que Italia é o pardal que avisa dos escapes de grisú na cova de carbón da política europea. A aparición de Mussolini nos anos 20 e de Berlusconi nos 90 semellan confirmar ese carácter premonitorio do parlamentarismo italiano. Estamos ante un país que foi fragmentado polos tecnócratas da democracia liberal co único fin de empecer o triunfo nas urnas do PCI, como sería inevitable cun sistema maioritario ou cando menos proporcional de asignación do voto en circunscricións de tamaño medio. E cando nin así daban as contas e non quedaba máis remedio que botar man de recursos brutais para frear o ascenso do partido de Gramsci e Togliatti, pois facíase e punto: Operación Gladio; Masacre de Piazza Fontana, Milán, 1969. Talvez por casos como este e outros máis chegou Mario Tronti á conclusión de que o movemento obreiro fora derrotado pola democracia, non polo Capitalismo.

Recapitulemos. A caída da URSS supón tamén, e paradoxicamente, a entrada en crise do eurocomunismo e do seu principal intelectual orgánico: o PCI. A outra gran pata do sistema de partidos italiano no período 1945-1990, a Democracia Cristiá de Andreotti e Moro, viuse envolta nun macroxuízo por corrupción, o caso Tangentopoli ou Mani Pulite, no que, ademais das clásicas causas por financiamento ilícito do partido, aparecían tamén outras politicamente maiores, como nada menos que a relación histórica de complicidade entre os sucesivos gobernos da DC e a Mafia, como ficou demostrado na condena a Andreotti. O asasinato do xuíz Falcone no 92 é o punto de non retorno da crise de lexitimidade da democracia italiana e das súas institucións. A partir de aí e deica hoxe, post-política.

Berlusconi, magnate televisivo e futbolístico, inaugura unha era na que o discurso baleiro e o cinismo sen ambaxes son o estilo axeitado para seducir unha sociedade civil demoucada ao nivel de público pasivo do espectáculo lamentable dunha política sen máis programa, no mellor dos casos, que a unha xestión conformista da realidade. Neste contexto de descomposición do antigo sistema de partidos aparecían, ademais, en escena novos actores políticos, como a Lega Nord de Fini, ideólogo dun fabulado nacionalismo lombardo de reminiscencias fascistas que, andado o tempo, acabaría por se converter nun partido de ámbito estatal comandado nada menos que por Salvini.

En contra do que se di estes días, Berlusconi non foi a causa do derrubo da arquitectura política italiana de posguerra, senón o seu síntoma. As causas, como xa dixemos, foron máis ben o bloqueo, por vías legais e ilegais, do acceso ao goberno do PCI e, como consecuencia, o enquistamento impune no poder da democracia cristiá co seu corolario clásico de corrupción e abusos.

O exemplo de Berlusconi si animou a moitos outros a tentar a mesma xogada. Na política española, Mario Conde fíxoo cando xa non tiñan remedio as causas xudiciais na súa contra. Aínda así, eu introducido a súa conspiración: o sistema. Donald Trump, outro Calígula construído na televisión, si chegou ao goberno e alí permanece, perto del, fabricando cada día novas conspiracións.