Sobreexcitación e cita apócrifa

Académico númerario da Real Academia Galega

Dicía Tierno Galván (Aurea Dicta. Dichos y Proverbios del mundo Clásico, 1987) que as citas son excelentes testemuños do tempo no que se dixeron e que adoitan transmitir comportamentos e ideas que semellan inalterables.

Guiado por estas premisas, o candidato Pedro Sánchez citou a Antonio Machado na sesión última de investidura e foi deseguida replicado e corrixido cun estrambote apócrifo por parte de Núñez Feijóo. Xa dicía Montaigne a finais do século XVI, profetizando unha xustificación ausente, que non facemos máis que glosarnos uns aos outros (“nous ne faisons que nous entregloser”) .

O incidente coa arrufada resposta do líder do PP, con entusiastas aplausos incluídos, móvenos a certas reflexións e consideracións:

1. A necesidade de que os discursos e intervencións públicas abandonen a teatralización grotesca e teñan o rigor necesario para evitar ridículos innecesarios.

2. As citacións deben procurarse directamente de textos fiables, de edicións responsables. Non é momento do viño a granel que ofrece internet, causante do desaguisado, estamos nunha etapa selectiva e con etiqueta de denominación de orixe.

3. O uso político dun texto de intención poética, pode ser un bo exemplo das transformacións que padecen os significados destes cando son citados, parodiados, cantados ou simplemente aludidos. Hoy es siempre todavía é o proverbio que lembrou García Montero diante da tumba de Machado en febreiro de 2014 en Collioure. Entre os moitos significados que pode ter este verso, que é poema e proverbio, o poeta granadino advirteunos que son palabras que non debemos esquecer se queremos convivir co futuro e co pasado sen renunciar ao presente.

4. Moitas veces as citacións soamente serven para paliar o baleiro intelectual dos autores que coidan que coa música da cita disimulan a súa falta de ideas. Xa Séneca lle respondía a un discípulo que lle pedía frases de filósofos para memorizalas que era hora de que el mesmo dixese cousas memorables.

5. Por veces as citas non teñen outra finalidade que mostrarse eruditos e lidos os ignorantes. Resulta paradóxico, unha vez máis, que un dos autores máis citados sexa Cervantes que no prólogo do Quixote dirixido ao “desocupado lector” se desculpa de que non haxa na súa obra citas e anotacións doutros autores como adoitan facer a maioría dos escritores para ser tidos por homes lidos, eruditos e elocuentes.

6. No lugar oposto están os que evitan citar e ignoran o saber alleo do que se aproveitaron nun momento determinado. O mundo académico está tamén cheo de fontes ocultas que dan de beber aos bébedos.

7. En non poucas ocasións as citacións refugan dos autores locais pretendendo con citas exóticas mostrar unha cultura cosmopolita cando non hai mellor síntoma de autenticidade cultural que a conversación próxima. Eugenio Montes con 22 anos na súa crítica ao manifesto “Mais alá!” de Manoel Antonio e Cebreiro cita máis de trinta autores estranxeiros, moitos deles nin siquera traducidos ao español nin galego. Xa daquela era coñecido como Pascalín entre os amigos.

8. Por non mencionar o “mercado curricular” comezado no século XX polas universidades americanas que supón unha sobrexcitación de citas para, en moitas ocasións, multiplicalas con fins fraudulentos toda vez que a súa cuantificación serve como coartada e aval investigador.

En definitiva, as citas serven para expresar as máis variadas paixóns e os máis diversos sentimentos humanos: desde os máis corrosivos -odio, envexa, hostilidade e aversión- ata os máis reconfortantes, admiración e agradecemento.

Usadas con rigor e sensatez as citas posibilitan encontros insospeitados coa cultura e, nomeadamente, evitan as sobreexcitacións e moven aos respecto e sosego social. O noso agradecemento para Antoine Compagnon (La segunda mano o el trabajo de la cita, 2020) e para Gabriel Zaid (“Citas exóticas, citas abusivas e citas acumulables” (Revista de Economía Institucional, vol. 14, n.º 27, segundo semestre/2011, pp. 273-285).