A desgarrada bandeira de Viriato

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos

Na procura dunha separata que hai moitos anos me regalou un amigo, sen dúbida orientado polo súa diminuta fasquía, fun dar cun folleto non buscado titulado Manifiesto de la Comuna Antinacionalista Zamorana (París, 1970), primeira edición dun texto curioso que non resistín a tentación de reler despois de tanto tempo. Foi tan reconfortante a relectura que me permito recomendala como vacina, profilaxe e prevención de trancazos propios desta época convulsa que nos toca vivir. Efectivamente, se facemos caso aos “opiniólogos” profesionais, sucédense augurios apocalípticos a pote: que se traizóns, que se se rompe España, que non hai lei, que se vende o país ao mellor postor, que se renegamos da Transición; ula dignidade?, ula decencia? pregúntanse os alporizados comunicadores.

Pois ben angustiado e desazonado por tanta apocalipse, atopei na lectura do devandito folleto, apenas 40 páxinas, un remanso de paz construído con intelixencia, ironía e humor. O seu obxectivo confesado e proclamado é a desaparición do Estado Español e, como consecuencia, lograr a liberación da cidade e comarca de Zamora.

Fronte da entidade denominada España, o manifesto proclama ao longo dos seus nove apartados, singularidades históricas, económicas e lingüísticas de Zamora. Entre as peculiaridades históricas destaca o denominado cerco de Zamora co breve reinado de dona Urraca e o asasinato do rei Sancho, materia predilecta de cantares e romances. Aínda hoxe os rapaces zamoranos, di o escrito, saben do portelo por onde entrou o traidor, galego naturalmente, Bellido Dolfos, escapando da persecución do Cid e saben da cruz que sinala o sitio onde acampara o rei Sancho e outros pormenores escatolóxicos. E da historia pasa o manifesto ao mito de Viriato, que representa a rebeldía dos zamoranos non contra do Estado que non existía pero si contra o que sería o seu fundamento, o Imperio Romano.

A Comuna Zamorana adopta a bandeira de Viriato, nove tiras de tela, oito bermellas, cor de libertos e libertarios, e verde a primeira. O que importa é que en realidade esas nove listas non forman en realidade unha bandeira porque están soltas e atadas direitamente ao hastil separadamente. Son nove farrapos da bandeira desgarrada que pertencía ao estandarte das lexións romanas. Un botín conquistado ao inimigo.

O carácter decididamente revolucionario da Comuna Zamorana venos transmitido pola arraigada tradición do “motín da troita” acaecido en Zamora que era unha cidade grande e próspera con abondosa poboación de menestrais e mercaderes organizados en gremios poderosos. E malia que a Historia adoita condenar os plebeos ao esquecemento, deseguida coñeceremos o nome de Benito, mestre peliqueiro, que gozaba do respecto do pobo e será protagonista principal do motín. Fronte a eles estaba o poder gubernamental xentes da nobreza estranxeira coma o conde Ponce de Cabrera e o rexidor do rei Álvarez de Vizcaia. Neste contexto de desigualdade social tiñan a nobreza e administradores o privilexio da primeira opción de compra de todas as mercadurías que chegaban á praza da cidade. Un día de 1158, pasada a hora na que os nobres podían axercer o seu dereito de compra, un mestre zapateiro axustou unha fermosa troita cando se presentou o maiordomo do rexidor Álvarez de Vizcaia querendo exercer o seu privilexio fóra de hora. Despois de notable enfrontamento queda a troita no poder dos plebeos. Os nobres, esa mesma tarde, reunidos na igrexa de Santa María la Nueva acordan organizar a represión e castigo dos amotinados. Pero estes, empuñando armas improvisadas, gubias, fouces e picos, con antorchas liberadoras, prenden lume á igrexa e morren achicharrados todos os poderosos da cidade. Con Benito ao fronte, recorreron Zamora rematando a faena comezada co incendio. Estes son os alicerces revolucionarios da Comuna, pensada durante o exilio parisino do profesor Agustín García Calvo, deconstrutor de ideas, catedrático de Latín e autor da letra do himno de Madrid, tan desgarrado e ácrata como a bandeira de Viriato.

Suscríbete para seguir leyendo