De re lexicographica III

As palabras como fenómeno ideolóxico

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos

Malia as ínfulas científicas das que pretende dotarse, a lexicografía non é unha actividade neutra. O lexicógrafo cando selecciona palabras para adxudicarlle un significado no dicionario non pode evitar manipulalas, de tal xeito que todo dicionario é froito dunha ideoloxía que case sempre responde ao discurso hexemónico do poder socio-político e cultural, tal como ten expresado con lucidez Esther Forgas (Lengua, sociedad y diccionario: la ideología, Tarragona, 1996). De aquí, naturalmente, a protección que as institucións académicas acadaron historicamente por estar ao servizo do discurso lexitimador e persuasivo do poder político. Reflexionar e criticar o discurso lexicográfico académico, oficial, é un xeito de producir fendas que nos permitan introducir cuñas nun sistema tan monolítico como esencialista, filosofía recomendada por Michel Foucault (La arqueología del saber, Siglo XXI, 1970) que indaga arqueoloxicamente nas palabras co propósito de comprender o nacemento e a evolución dos discursos que son vehículo do poder social e político. Unha proba moi evidente dos “ideoloxemas” introducidos en cada palabra atopámola, por exemplo, na definición que as diferentes linguas ibérorrománicas dan do lema “nación”. Nun afán por institucionalizar o poder respectivo e afianzar a asociación entre nación, identidade, territorio e independencia, o portugués, que non albisca no seu territorio problemas identitarios, decídese por unha definición simbiótica entre criterios políticos e culturais; o dicionario da RAE adopta unha definición que identifica a nación co estado (“Conjunto de los habitantes de un país regido por el mismo Gobierno”) evitando deste xeito toda problemática coas restantes nacións do seu territorio; o catalán apela ao sentimento e vontade de identidade colectiva ( “Comunitat de persones que participen d’un sentiment d’identitat col·lectiva singular...”); o noso portal das palabras calca a definición de nación cultural piñeirista (“Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa”), engadindo entre o seu esencialismo a unidade relixiosa, que deixa adiviñar un tic que conecta coa mellor tradición da democracia cristiana europea.

Porén unha das eivas, pouco visibilizada por ser estrutural, ideolóxicas da lexicografía oficial galega, é o tratamento paradigmático que dá ao léxico relativo á “cultura agraria” fronte da que podemos denominar “cultura da pesca”. A tendencia tradicional a considerar o “labrador” como dechado do home galego con certas connotacións morais e identitarias, consolidada pola literatura agrarista e ruralista, fronte do “mariñeiro” deixa profundas pegadas nos repertorios léxicos galegos: sabemos o nome de cada centímetro do carro pero ignoramos, se facemos caso ao portal das palabras, as partes das nosas embarcacións tradicionais; enchemos o dicionario de termos alusivos a unhas faenas agrícolas (sachar, arrendar, gavear, canizar, gradar...) que non existen pero ignoramos o nome das faenas que miles de bateeiros fan a cotío nas nosas rías. Xa Manoel Antonio (A novela de Ramón Cruceiro) reivindicaba nos anos vinte do pasado século ao mariñeiro que faenaba con artes tradicionais e non arredaba dos seus beizos o idioma nativo: “Eles teñen o seu xeito, a sua rapeta, o seu aparello; vedes-lle n-a man o troel, o bourel, o salabardo. Din banda de couce e banda de pana; e si non fora por eles, os poetas non saberían que o ronsel se chama así”. [...] “Por eso o mariñeiro... a pesar d’os seus ollos panorámicos e d’os seus ouvidos políglotas, retorna sempre e sin que o cachimbo de tabaco loiro escluia d’os beizos a verva nativa”.

O poeta rianxeiro, en contra dos vellos, os homes da xeración Nós, que representaban xa daquela os valores oficiais e conservadores, quere reivindicar o mariñeiro e a súa cultura maltratada. Afortunadamente hai milleiros de palabras que non están recollidas nos dicionarios pero forman parte das nosas vidas. Estamos en época de “bou de vara” propicia para “masamios”, dos que disfrutamos sen que o portal das palabras se decate. Laus deo.

Suscríbete para seguir leyendo