Palau, os catálogos e a bibliografía

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos

Antonio Palau Dulcet (1867-1954), que se presenta nas súas memorias (Memorias de un librero catalán) como “lampero y librero”, de formación autodidacta, é autor dunha obra consultada internacionalmente, Manual del librero hispanoamericano (7 volumes publicados entre 1923-1927), da que cheguei a xuntar unha ducia de tomos dos 28 dos que consta a segunda edición xa dirixida e aumentada polo seu fillo Miguel. Estas dúas obras saídas do forno dos Palau, unha familia humilde de pais e avós case analfabetos, xustifican dabondo a razón pola que o 80% da produción editorial do Estado español se realiza en Barcelona, capital indiscutible do mundo do libro. Antonio Palau, chega a catalogar algo máis de douscentos mil títulos, ficha por ficha, describindo cada un deles, consignando tamaño, editor, data das diferentes edicións que acadou aventurando o prezo dos exemplares máis valiosos basándose nas ventas efectuadas polas principais librerías do mundo coas que mantiña contacto, subscribíndose e intercambiando catálogos. A obra adquiriu tal autoridade que cando se publicitaban determinados exemplares dicir que non figuraban no Palau era signo inequívoco de “rareza” e, como consecuencia, de valía.

Os catálogos, impresos en papel, foron ata hai moi pouco tempo a ferramenta esencial para que unha librería despertase a curiosidade dos posibles compradores. Como dicía Rodríguez Moñino, o gran bibliógrafo extremeño, os catálogos conservan a memoria dos libros desaparecidos, ilústrannos sobre a historia da tipografía e son básicos para o desenvolvemento do comercio do libro. Tamén para Azorín os catálogos tiñan un encanto especial, pódense ler polo principio, polo medio ou polo final e o que ame os libros atopará neles motivos de sorpresa, de admiración e de ledicia.

Cóntanos Gabriel Zaid que Joaquín García Icazbalceta intentou un catálogo de todos os libros publicados en México. En 1886, na súa propia imprenta, publicou a Bibliografía mexicana del siglo XVI. Primera parte. Catálogo razonado de libros impresos en México de 1539 á 1600 que inclué 116 rexistros, reeditados polo erudito español exiliado, Agustín Millares Carlo pero que nadie continuou malia as facilidades informáticas actuais. Se comparamos esta obra cos máis de douscentos mil rexistros de Antonio Palau poderemos aquilatar a importancia e rigor do seu traballo. Superou todos os catálogos anteriores coma o de Murillo, de finais do século XIX, e despois os de Vindel, Barbazán ou Porrúa. Fíxose inevitable a consulta do Palau para libreiros, intelectuais, profesores, bibliófilos e coleccionistas que desfilaron polas humildes dependencias do libreiro, que empezou en 1899 nun baixo alternando coa venta ambulante ata converterse nunha autoridade mundial. Polas súas memorias desfilan nomeadamente libreiros e editores, pero tamén lectores de todo tipo mostrándonos que as bibliotecas xurden a partir dun libro, dunha lectura emocionante que nos reclama a seguinte e outras moitas a continuación ata que nos decatamos que a estantería que acobilla os libros está desbordada. O protagonista pode ser avogado, un poeta, un frade, un panadeiro, un historiador ou un carpinteiro; abonda con ter adquirido o pracer da lectura e ter a mente aberta para emocionarse e aprender dun texto impreso. Foi o que ocorreu a Palau que malia desempeñar un traballo manual nunca descoidou a súa vocación: o estudo e os libros, que o levaron, tal como nos conta nas súas memorias ao excursionismo, o estudo e á profesión de libreiro, os libros. Fixo en 1882 o primeiro catálogo de impresos da súa propia biblioteca persoal cando aínda non era máis que un obreiro manual. Comezou así a súa aportación a unha disciplina descoidada e pouco valorada, a bibliografía, disciplina que progresou grazas á contribución de relevantes libreiros de todo o mundo e da que Antoine Compagnon (La segunda mano o el trabajo de la cita, p. 410-411) fai unha laudatio maxistral presentando a bibliografía como a promesa dun encontro co autor do libro porque ao ter as mismas lecturas perténcese ao mesmo mundo. Máis que calquera exordio ou lapela biográfica, segue a dicir o crítico francés, a bibliografía é un estímulo amistoso para a lectura. Palau, “lampero” certamente polo iluminadora que é a súa obra.

Suscríbete para seguir leyendo