De re lexicographica (V):

A difícil acepción de ‘intelectual’

Académico numerario da Real Academia Galega

Hai moi poucos días, mentres tomaba un café e lía o xornal, fun testemuña involuntaria dun debate sobre a conveniencia de chamar “intelectual” a un determinado columnista. Despois de consultar Wikipedia e algún dicionario, unha chamada telefónica interrompeu, por suposto sen acordo, a discusión na mesa contigua.

De volta na casa, inducido pola disputa escoitada, consultei as mesmas fontes apuntadas no faladoiro e podo certificar que non facilitan unha solución doada: “Un intelectual é aquela persoa que dedica unha parte importante da súa actividade vital ao estudo e á reflexión crítica sobre a realidade” (Wikipedia) e “Persoa que realiza actividades que esixen un grande uso da intelixencia, ou que ten gusto por esas actividades” (Portal das Palabras).

Consultado un dicionario etimolóxico e outros libros clásicos sobre o tema podemos alomenos aventurar unha aproximación doada á acepción deste lema: a palabra “intelectual” usouse primeiro como adxectivo, en francés, desde o século XIII; en inglés, desde o XIV; en español desde o XV. Non se usou como sustantivo ata finais do século XIX para chamar a certo tipo de persoas. Esta sinxela información, procurada nun dicionario etimolóxico proporcionoume un desgusto inesperado: converteu nun anacronismo o título dun libro que teño lido con moito aproveitamento (Los intelectuales en la Edad Media de Jacques Le Goff). Todas as fontes consultadas coinciden, efectivamente, en que a orixe sustantiva da palabra está no texto de Zola Eu acuso e no Manifesto dos intelectuais en París a finais do século XIX cando a páxina xornalística, congregando o cidadán e o lector, toma o lugar do púlpito e da comunicación oficial. A palabra “intelectual” non pode ser abordada con garantías sen ter en conta o contexto e concepto de saber da época e a súa relación co poder. O “sabio” medieval, de escasas e reiteradas lecturas, vivía nun mundo dogmático inmerso no discurso teologal; o “humanista” renancentista libérase do discurso formal dos escolásticos para confiar na palabra e na filosofía; os “ilustrados”, eruditos por excelencia, afondan nas contradicións entre supertición e a razón científica e, en fin, o “intelectual” xa no século XX aspira a influír moralmente na sociedade cun discurso de interese público. Cada unha destas palabras responde a unha distinta concepción do saber e do poder, non son intercambiables. Unha nota útil para ir precisando o concepto de “intelectual” proporcionouma un artigo de Edgar Morin, centenario sociólogo francés, que precisa que a demarcación entre traballo manual e intelectual non define aos intelectuais. A noción de intelectual, segue a dicir, non corresponde tanto á unha profesión como a un papel na sociedade. Por este motivo nos sorprende que o filósofo francés que apunta esta característica esencial se refira a si mesmo como “nós os intelectuais” asumindo unha posición diante dos seus lectores que soamente estes e o público en xeral poden outorgar. Un intelectual sen público non é un intelectual porque este depende sempre da recepción e da consideración de ser seguido como tal. Así o di Morin “o intelectual emerxe sobre un fondo cultural cun papel político-social”. Con estas premisas xa podemos aventurar unha definición de intelectual, “escritor, nomeadamente ensaísta, que opina de temas de interese público con autoridade moral na sociedade”.

Obviamente cando un suposto intelectual salta ás trincheiras políticas sacrificando as súas prendas intelectuais, o salto adoita resultar mortal.

(Estas liñas son debedoras da lectura e consulta de obras de Corominas, Gabriel Zaid, Edgar Morin, Julien Benda, Tuñón de Lara, Pilar García Negro e J. C. Mainer).