Opinión

Académico numerario da Real Academia Galega

Diplomacia militar, unha patria uniformada

No medio do estrés diplomático actual entre Arxentina e España imos lembrar un episodio político que tivo gran repercusión entre os exiliados galegos e republicanos residentes en Bos Aires e pasou totalmente desapercibido en España. Trátase dunha acción urdida pola diplomacia militar franquista en pleno contubernio entre o réxime de Perón e o de Franco e que converte o da “hospitalidade xenerosa aos exiliados” en retórica baleira e lugar común.

É o caso que en 1946, ano da esperanza frustrada para o exilio, o goberno amigo de Franco envía unha delegación ao acto de toma de posesión de Perón como presidente da Arxentina; nesta época era moi frecuente que as delegacións diplomáticas franquistas fosen presididas por militares de alto rango. No medio do illamento diplomático internacional Franco quixo enviar unha delegación de máximo rango e de máxima visibilidade. Con este fin chega a Bos Aires a bordo do cruceiro Galicia, mandado polo comandante galego Nieto Antúnez, o almirante Salvador Moreno, tamén “galego coma ti” e responsable, entre outras fazañas, do bombardeo que causou numerosísimas mortes civís entre os que fuxían, indefensos, pola carreteira, de Málaga a Almería. Salvador Moreno mandaba daquela o buque Almirante Cervera, un dos responsables da masacre.

A chegada e representación diplomática franquista fora coidadosamente preparada polos servizos da embaixada española que, coñecedora do protagonismo galego entre os exiliados por mor da presenza de Castelao, quere facerse notar, ruidosamente, cun desfile pola Avenida de Maio. Pero xa días antes se publicita ostentosamente a chegada do cruceiro rebautizado como Galicia e mandado e tripulado por galegos que son entrevistados. Por certo que o Galicia, botado a mediados da década de 1920 co nome de Príncipe Alfonso e como tal encargado das viaxes oficiais do monarca, en 1931, nada máis deixar a familia real en Marsella, muda de nome e pasa a chamarse Libertad; finalmente, rematada a guerra, pasa a chamarse Galicia.

Estamos a principios do mes de xuño e cando a colonia exiliada galega estaba a preparar o aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía (28 de xuño) irrompe polo centro da capital a representación franquista ao compás dunha banda militar. O impacto brutal do acontecemento queda refrendado polo ignominioso izado da bandeira franquista no Centro Galego de Bos Aires sendo o seu presidente Manuel Otero. Foi un acto maquiavélico orquestrado polos servizos diplomáticos de Franco teatralizando un acto político triunfalista e provocador: recibemento dun barco, chamado Galicia, mandado por galegos, con tripulación maioritaria galega que desfila, desafiante, polas rúas de Bos Aires na honra de Perón, protector do franquismo en América. Como proba da afrenta, o que foi Ministro de Marina en dúas ocasións e coprotagonista do acto, Salvador Moreno, lembra como un dos feitos máis importantes da súa vida o devandito episodio. Preguntado por Carlos Polo (Galicia en sus hombres de hoy, 1971) polas súas misións máis importantes desempeñadas despois da guerra e, no medio dunha constante exaltación do golpismo, o almirante que protagonizara numerosos actos de rebeldía diante das autoridades republicanas, contesta: “El viaje a la Argentina fue un viaje espléndido. El Presidente Perón tuvo la gentileza de regalarme el sable que llevaba y me concedió además la Gran Cruz del General Sanmartín. Y yo le impuse a él La Gran Cruz del Mérito Naval”. Non se recata o xerarca franquista nas súas declaracións e conta a negativa a izar a bandeira oficial do Goberno Republicano en Marín e outros sucesos polos que foron fusilados centenares de inocentes nos primeiros anos da ditadura.

As numerosas respostas a este acto por parte dos exiliados, fermosísima a de Lorenzo Varela, pode ficar resumida nesta breve nota da Federación de Sociedades Galegas:

Con motivo da chegada do ‘Galicia’, o barco feixista que arribou a estas praias para vergonza nosa, a Comisión Direitiva do Centro Galego cometeu o agravio meirande que se pode inferir aos socios que a elexiron.