Os estudos sobre a evolución da poboación galega reflicten unha situación de cambio demográfico, caracterizada pola diminución das taxas de natalidade, por debaixo do nivel de reemprazo xeracional, o descenso da mortalidade e unha esperanza de vida crecente e prolongada.

A xestión desta situación obriga a adoptar unha visión sistémica e a abordar os distintos desafíos dun modo transversal e interdisciplinar, aspectos que se presentan como un dos retos e tarefas fundamentais de cara ao futuro non só da Xunta e do resto de administracións públicas galegas, que deberán incorporar os factores poboacionais no deseño e desenvolvemento das súas políticas, senón tamén dos axentes sociais e económicos que operan no territorio.

O Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, incluíu, entre outros, o obxectivo transversal da dinamización e revitalización demográfica de Galicia e estableceu un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos e fillas que desexe.

Para avanzar neste propósito é preciso un coñecemento exhaustivo e actualizado da realidade demográfica galega e como resposta a esta necesidade, o Goberno galego adopta a iniciativa institucional de crear o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, unha institución pioneira en España que busca acabar cos problemas derivados da sangría demográfica que configura como un centro de referencia a nivel rexional e que, ao mesmo tempo, pretende converterse en referente a nivel europeo . O observatorio será un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía no ámbito da nosa comunidade.

O organismo adscríbese á Consellería de Política Social e e estará integrado por representantes do Consello Galego de Relacións Laborais, do Instituto Galego de Estadística, do Goberno autonómico e de cada unha das súas consellerías, da Federación Galega de Municipios e Provincias, ademais de contar coas tres universidades galegas, a Confederación de Empresarios, organizacións sindicais e expertos na materia. Dentro dos representantes da Xunta un deles terá competencias en materias de igualdade.

A función do observatorio será, no seu fin último, asesorar ás administracións públicas na incorporación da perspectiva demográfica, ao mesmo tempo que actúe de canle de divulgación da información de interés desde o punto de vista demográfico. Para iso, recopilará, analizará e intercambiará información que se promoverá tamén a súa creación, ademais de definir indicadores para medir as variables demográficas, con especial atención ao fenómeno da exclusión territorial ou á singularidade e especifidade dos impactos do cambio demográfico en Galicia como a elevada dispersión da poboación.

Tamén será misión do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica identificar as iniciativas de referencia en materia de dinamización demográfica, tanto na comunidade, no Estado, na Unión Europea ou nas axencias das Nacións Unidas; e ademais, formular propostas e recomendacións para ser consideradas na elaboración de liñas de actuacións que respondan ás consecuencias do cambio demográfico desde o sector público.

A súa labor tamén será de seguemento. Neste sentido, o organismo corroborará que se acaden os obxectivos fixados polas iniciativas e que se realicen de maneira transversal e interdisciplinar a través de foros de discusión e debate. Con este mesmo fin o observatorio deberá elaborar un informe anual sobre a situación demográfica en Galicia xunto con outros informes mensuais e trimestrais, facultativos e non vinculantes, que sexan solicitados polas administracións sobre as materias da súa competencia. No seo deste órgano plenario poderán crearse comisións de traballo, con carácter sectorial ou por áreas de xestión específicas, co obxecto de dinamizar o seu funcionamento e dotalo de maior operatividade.

En abril de 2013 o Parlamento de Galicia aprobou o primeiro Plan de Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020. Coa posta en marcha deste plan, o Executivo autonómico situou a cuestión demográfica entre as súas máximas prioridades e apostou polo desenvolvemento sustentable, cohesionado e inclusivo da comunidade.Tamén en 2013 se aprobou a Estratexia para a Prevención e Detección Precoz da Dependencia, horizonte 2020, orientada a xestionar dun xeito máis eficiente e sostible a atención ás necesidades derivadas do envellecemento da poboación.

En decembro de 2014 viu a luz a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, que aborda as consecuencias do cambio demográfico como un factor a ter en conta na análise da pobreza e a exclusión social. O camiño iniciado para modificar a dinámica de declive demográfico de Galicia culminou na integración transversal da perspectiva demográfica no Plan Estratéxico Rexional Galicia 2015-2020, que institúe a recuperación demográfica como un principio transversal a todos os eixes de actuación do Goberno autonómico.

A finais do ano pasado, a Xunta creou unha dirección xeral con competencias específicas para a dinamización demográfica e puxo en marcha o Programa de Apoio á Natalidade (PAN), un programa global pensado para dar resposta ás necesidades das nais e dos pais galegos. O programa estrutúrase en tres áreas: axudas, conciliación e servizos, aspectos todos fundamentais para apoiar as familias dun xeito integral e continuo.

No primeiro eixo -PAN Axudas- enmárcase a Tarxeta Benvida, e inclúe outras medidas compatibles como a dedución fiscal por nacemento ou o pago único por neno ou nena menor de tres anos. Na liña do PAN Concilia inscríbense, por exemplo, o incremento de prazas sustentadas con fondos públicos en escolas infantís a través do Bono Concilia ou o Bono Coidado, a posta en marcha de Casas niño no rural ou a creación de escolas infantís en polígonos industriais.

E no PAN Servizos enmárcanse recursos e servizos para as familias galegas co obxecto de crear contornos favorables e mellorar o seu benestar no momento de chegada dun fillo ou filla e acompañalas dun xeito integral, como a creación dun banco de leite materno ou a posta en marcha do fogar dixital para acompañar o embarazo e a chegada dun fillo. O Observatorio constitúe unha peza máis das distintas actuacións que a Xunta de Galicia está a desenvolver en materia de dinamización demográfica.