Galicia pechou 2017 coa taxa máis baixa de abandono educativo temperá desde que se dispón de rexistros, un 14,9%, que supón acadar o obxectivo marcado para España pola Unión Europea (UE) para 2020, fixada nun 15%. O abandono educativo temperá defínese como a poboación entre 18 e 24 anos que non completou o nivel de Bacharelato ou FP de grao medio e non segue ningún tipo de formación.Desde 2009, que pechou cun 25,8% nesta taxa, a comunidade rebaixou o abandono educativo en máis de 10 puntos. Na taxa de 2017 Galicia está máis de tres puntos por debaixo da media nacional.

O conselleiro de Culltura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, considera que esta boa nova se debe a que a comunidade educativa "desenvolve proxectos que, por unha parte, se orientan a que os alumnos vexan o sistema educativo máis atractivo e, por outra, a que haxa liñas de acción que posibiliten que o alumnado poida ter unha maior implicación". Deste xeito, salientou que a redución da taxa de abandono "posibilita manter unha liña de calidade e de equidade, que é o que mide o bo funcionamento dun sistema".

A posta en marcha de iniciativas como os contratos-programa ou de modalidades formativas como a FP Básica teñen contribuído á permanencia dos estudantes nun ensino que hoxe conta, ademais, con máis oportunidades para formarse en novas tecnoloxías e en linguas estranxeiras. Desde esta perspectiva, os datos rexistrados na taxa de abandono deben ser percibidos como un logro común do sistema.