A “sobrecarga de traballo” á que se enfrontan os profesionais do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) levou á Comisión de Centro, órgano de representación dos traballadores —integrado polos sindicatos CIG, CCOO, UXT, CSIF, Omega, Satse e USAE— a convocar unha manifestación que percorrerá o centro da cidade este xoves, 20 de xaneiro, para esixir á Xerencia da área sanitaria coruñesa e á Consellería de Sanidade “máis persoal” e condicións “dignas”.

Baixo o lema Sen persoal non hai sanidade, a marcha, que partirá ás 19.00 horas da Casa do Mar e concluirá na chaira do Obelisco, conta co respaldo de SOS Sanidade Pública, tal e como anunciou onte a plataforma nun comunicado asinado polo seu portavoz na Coruña, Ramón Veras. “Os anos de recortes na sanidade pública galega, o traspaso de fondos á sanidade privada e a insuficiencia de persoal a pesar do incremento de actividade provocan moitos momentos de estrés, de preocupación e de dificultades no día a día da asistencia, da atención persoal”, sinalou o doutor Veras.

Este médico de familia, que exerce no centro de saúde San Xosé, un cos de maior volume de pacientes da cidade coruñesa, considera que a Atención Primaria “está saturada a ollos de calquera que mire, a punto de estoupar e con risco de desaparición”, con todo, advierte de que “no hospital, en cada planta, en cada área ou servizo, sófrese silenciosamente o recorte de persoal tamén día a día”. “Só hai que pensar e situarse no lugar da enfermeira ou auxiliar de clínica de noite, soas nunha planta con 25 pacientes, coas súas demandas e as súas necesidades de atención e de coidados”, apunta o portavoz de SOS Sanidade Pública, quen subliña que “o persoal está fatigado, sen libranzas, nin cobertura de ausencias, e a resposta é a de sempre, que non hai persoal”.

“Como ben di a Comisión de Centro hospitalaria, hai deficiencia de persoal en todo o hospital”, asegura o doutor Veras, quen incide en que precísase “unha sanidade pública de calidade agora”. “A promesa dun novo hospital, que non deixa de ser unha ampliación e que vai para anos, non nos engana. Non nos impide ver a realidade do día a día. A pandemia fainos ver con claridade os problemas da nosa sanidade”, conclúe.