A Xunta achega 2 millóns de euros para mellorar as pistas deportivas dos colexios
Varios niños juegan al fútbol en el patio de un colegio. / Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
B.C.
A Xunta de Galicia habilitou unha novidosa liña de axudas de 2 millónes de euros aos concellos para a dotación e mellora de pistas multideporte nos colexios públicos da Comunidade de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia para os centros escolares.
Trátase da primeira vez que o Goberno galego pon en marcha unha acción deste tipo, a través da cal a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades financiará ata o 85% do custo destas infraestruturas lúdico-deportivas nos centros escolares que son de uso conxunto entre a comunidade educativa e a cidadanía.
Ata o día 27 de xuño os concellos que o desexen poderán acollerse a esta convocatoria específica para pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal, cuxo deseño deberá ser conforme aos modelos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Preténdese, deste xeito, promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica de, candomenos, cinco deportes, nun espazo polifuncional. Así pois, os concellos de 5.000 habitantes ou menos recibirán da Xunta ata o 85% da contía subvencionable ata un máximo de 85.000€ por proxecto. No caso dos concellos con poboacións de entre 5.000 e 15.000 habitantes a porcentaxe subvencionable será do 75% e nos de poboación igual ou superior a 15.000 habitantes será do 60%. Cada un deles poderá presentar unha solicitude cun único proxecto por concello.