La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Adeus a Celia Teixeiro, viúva de Delgado Gurriarán

O falecemento chega un mes despois do Día das Letras Galegas adicado ao escritor

Florencio e Celia en México. | // ARQUIVO FAMILIAR

Só pasaron 35 días desde que as fillas de Florencio Delgado Gurriarán percorreron as rúas de Córgomo, admiradas polo cariño da xente de Valdeorras no Día das Letras Galegas adicado a este escritor. E a figura deste ilustre representante da literatura galega no exilio mexicano regresa á actualidade, pero por causas luctuosas. A viúva de Delgado Gurriarán, Celia Teixeiro López, falecía este luns pola mañá na súa casa de México. Nacida en Cuernavaca (México) hai 96 anos pero filla de emigrantes coruñeses, foi compañeira do escritor ao que coñeceu cando el xa estaba exiliado.

Florencio, primeiro, e Celia, terceira, con amigos en Córgomo // ARQUIVO FAMILIAR

A Real Academia Galega, artífice dos actos de homenaxe por estas Letras Galegas, comunicaba a noticia ao mesmo tempo que amosaba o seu “pesar polo seu pasamento”. Cando era moi pequena, “Celia Teixeiro trasladouse á cidade dos ses proxenitores, pero en 1939 a familia volveu establecerse á outra beira do Atlántico”. En Cidade de México, coñeceu a Florencio Delgado Gurriarán “mentres traballaba na zapatería dun tío seu”. Nesa época, o escritor e activisa cultural valdeorrés gañábase a vida como representante dunha casa de zapatos.

Celia Teixeiro, viúva de Delgado Gurriarán. |   // ARQUIVO FAMILIAR

Celia Teixeiro, viúva de Delgado Gurriarán. | // ARQUIVO FAMILIAR p. hermida

Acompañou a Florencio cando el escribía poemarios como Galicia Infinda ou Bebedeira. A parella tería cinco fillos: Florencio (nacido en 1944), Celia (1945), Maruxa Ildara (1949), Lucio Antonio (1951) e Carmiña (1955). Precisamente, as súas tres fillas e un dos netos viaxaron desde México e Estados Unidos, onde residen, a Córgomo (Vilamartín de Valdeorras)para asistir ás festas das Letras Galegas o 17 de maio. Ata a vila natal do escritor xa non se puido desprazar Celia Teixeiro debido á súa avanzada idade pero fixo seguemento “con enorme ilusión”.

En México residía xunto coa filla que leva o seu mesmo nome. Tamén viviu os últimos días de Florencio Delgado en Fair Oaks (California), onde recibía asistencia médica e onde residían algúns dos seus fillos.

Pero tamén Celia estaría en varias ocasións en Valdeorras xunto co seu marido. Por exemplo, en 1981 cando el foi nomeado membro da Real Academia Galega. Desde esta comarca, o colectivo As Letras de Florencio (que levaba anos loitando polo recoñecemento das Letras Galegas) amosaba este luns o seu pesar polo pasamento de Celia Teixeiro López mentres enviaba “unha aperta moi agarimosa a toda a súa familia”.

Compartir el artículo

stats