“A medicina era paternalista, agora o paciente cuestiona ao profesional”

Os hospitais galegos de referencia superan o 10% de partos inducidos que recomenda a OMS | A Asociación Galega de Matronas asegura que a última palabra é sempre a da muller, pero dentro das opcións dispoñibles

Unha muller cun neno.

Unha muller cun neno. / alba prada

alba prada

A violencia obstétrica está en boca de todos a raíz dunha sentenza pioneira en España que recoñeceu o “dereito fundamental” dunha embarazada a escoller entre parto natural ou cesárea. O caso tivo lugar en Las Palmas de Gran Canaria, onde unha nai viviu un parto xemelar de 17 horas que provocou secuelas irreversibles no cerebro a un dos seus bebés. Segundo ditou a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 5 da cidade, a muller non foi debidamente informada das opcións e impúxoselle o parto vaxinal. O tema abre un debate non pouco complexo: é a nai a que debe escoller en todo momento a pesar de que un profesional non o vexa correcto?

Cristina Lojo, matrona e vicepresidenta da Asociación Galega de Matronas (AGAM), indica que a violencia obstétrica é un saco sen fondo. “Está ben falar disto porque o que non se nomea, non existe. Hai de feito unha lei que protexe á muller, non da violencia obstétrica como tal, pero que se aplica nestos casos: a Lei da Autonomía do Paciente (41/2002), onde se recolle o consentimento informado, ou o dereito a decidir libremente entre as opcións dispoñibles”. A matrona precisa que o termo violencia obstétrica se refire a calquera práctica (ou conduta) realizada por un profesional sanitario durante o embarazo, parto ou puerperio, que sexa violenta ou que poidan ser percibida como tal. En definitiva, actos que afecten á saúde reprodutiva da muller. “É un tema delicado porque hai certas cousas, como a taxa de episiotomías, que pode ser concreta, pero hai outras que non se poden medir”, sinala.

Respecto ao caso de Las Palmas, Cristina considera que a nai é sempre a que decide, pero por suposto, entre opcións que sexan viables. “Ti non podes dicidir como usuario se queres que te operen dunha forma ou outra. Nun parto normal a opción da cesárea non está dispoñible. O profesional sanitario ten o coñecemento para indicarche si é unha opción ou non. Hai que ter en conta que unha cesárea é unha cirurxía maior que implica riscos”.

Insiste en que os profesionais sanitarios “temos o deber de dar unha información obxectiva para axudar á muller a decidir e, por suposto, debemos respectar as súas decisións”. “Esa é a base, ben informada non hai unha muller que escolla algo que actúe na súa contra ou na do bebé. Elas son as maiores interesadas en que todo saia ben”.

Cristina cre que moitos dos actos que hoxe son violencia obstétrica veñen derivados de antano. “A medicina foi sempre moi paternalista e non se cuestionaban as decisións médicas e sanitarias en xeral. O paciente tivo sempre un papel moi sumiso, pero agora todo isto foi cambiando e seguirá evolucionando”. Ademais, lembra, “hai que ter en conta que son dous pacientes, nai e bebé, e ás veces as decisións son complicadas”. Outro factor que tamén está implicado na violencia obstétrica é o medo dos propios profesionais: “hai moita medicina defensiva, e ás veces as accións e as prácticas fanse por precaución”.

Respecto das manobras para inducir o parto, como a famosa Kristeller, indica que “está desacon sellada pola Organización Mundial da Saúde (OMS)” e outras como a Hamilton fanse “para evitar inducir o parto de forma medicalizada”. Manobras que, por suposto, se deben facer explicando previamente para que a nai decida. Con todo, a porcentaxe de inducións en Galicia segue a ser elevada. “A OMS recomenda que non pasen do 10% pero sobrepasan esa porcentaxe nos principais hospitais galegos”. Algo que considera, debería revisarse porque “non é normal, aínda que inflúe o feito de que cada vez hai embarazadas de máis idade ou con patoloxías”. Outra denuncia que fan dende AGAM, e que tamén se considera violencia obstétrica, é a desatención que existe coas nais que perden ao seu bebé. “Non hai seguimento no posparto”. Tampouco (con referencia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde traballa) hai un protocolo axeitado cando a muller acaba de ter un parto por cesárea. “A nai está en observación sobre 2 horas e non hai un lugar onde poida estar co seu bebé. O recén nado non pode estar en reanimación co resto”. Algo que fai que ambos non desfruten ao momento do tan beneficioso pel con pel.

“A nai non está capacitada para decidir en caso dunha urxencia”

Casimiro Obispo, xinecólogo e expresidente da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía (SGOX), opina que no momento do parto unha nai “está incapacitada a nivel intelectual para poder tomar unha decisión correcta porque hai unha serie de factores que ela non sabe, non coñece os riscos”. Insiste en que darlle a última palabra á nai nunha situación de urxencia é “como si eu tomo unha decisión sobre unha cirurxía cardíaca. Eso non pode, non debe ser. É xogar coa súa propia vida”.

Considera que “todo o mundo se pode negar pero a nai non ten os coñecementos para tomar decisións, ten que ser o profesional”. En caso de uso de instrumental nun parto, o xinecólogo asegura que “sempre se informa de todo”. “Antes do parto faise un plan. En momentos determinados danse cambios sobre os que hai que informar, pero si é urxente e está en xogo a vida da nai e a do neno non podemos pararnos a pedir o consentimento da muller”, di.

Insiste en que “moita xente non entende que na obstetricia pode ir todo moi ben e de repente complícase todo e hai que tomar decisións en contra da opinión da nai ou incluso da matrona. Estase xogando coa vida da nai e coa do feto”, di.

Non obstante, outras fontes do sector consultadas por este diario, aseguran que “a muller sempre está capacitada para decidir, outra cousa é que o noso labor como especialistas na materia sexa informala ben de todo o que está ao noso alcance. Pero nunca podemos dicir que non está capacitada”. “A realidade é que un xinecólogo non pode facer unha cesárea a unha muller sen o seu consentiminto”, sentenza a mesma fonte.

“Fun vítima de violencia obstétrica por partida tripla”

Sandra Gallego denuncia que sufriu un aborto e dous partos traumáticos. “Fun vítima de violencia obstétrica por partida tripla”. O último de feito deixoulle graves secuelas físicas e psicolóxicas e acabou recorrendo á Xustiza para que o seu caso non se silencie. “Denunciar é moi custoso e a sociedade non ve con bos ollos que o fagas se tes ao teu fillo vivo.

“O meu primeiro embarazo rematou en aborto. Estaba de 9 semanas e enviáronme varias veces á casa alegando que me atopaba estupendamente ben”, denuncia. No segundo embarazo acabaron inducíndolle o parto. “Tivéronme tres días pechada nunha habitación e practicáronme a manobra de Hamilton sen o meu consentimento. Foi unha indución brutal porque pola noite xa tiña contraccións”. Ao final, o parto rematou nunha cesárea de urxencia “cun médico cantándome”. “Incluso cando me deron a alta nin me baixaron en cadeira de rodas, tiven que ir camiñando por todo o garaxe do Álvaro Cunqueiro de Vigo”, asegura.

Pero foi o terceiro parto o que a levou a denunciar ao Sergas, denuncia que está aínda en trámites. Sandra quedou embarazada en plena pandemia. Detectáronlle un factor coagulante positivo e consideraron que era un embarazo de alto risco. Ao tempo informárona de que era necesario inducirlle o parto na semana 37 ou 38 porque había risco de macrosomía, e a súa filla sería enorme. “Finalmente na 38 quedei ingresada durante tres días e repetiuse o do meu fillo anterior. O último día apareceu un xinecólo obstetra para explorarme e escoller con que método me ían inducir o parto, algo ao que me nego. Ordena a todos que saian e acúsanos aos pais de querer matar á nena e dinos que temos que asinar un documento conforme negamos a indución”. “Ao darme a alta díxome: ‘si no próximo rexistro a túa filla está morta non me veñas chorando”. Finalmente provocáronllo.

“Puxéronme oxitocina a tope, picháronme a epidural ata tres veces. De feito actualmente teño dor na punción”. Todo acaba en cesárea: “en quirófano coa epidural mal posta choraba de dor e dicíanme que me aguantase. Espertei en ata tres ocasións e cheguei a escoitar como me insultaban”, conta. “Ademais dicíanme que molestaba cos meus xemidos”, denuncia.