Entrevista | Jaione Camborda Directora de ‘O corno’, na sección oficial de San Sebastián

“Ver o meu nome na sección oficial de San Sebastián é un soño”

“Esta rodaxe estivo plagada de problemas; foi un filme moi duro”

Jaione Camborda.   | // MARIO LLORCA

Jaione Camborda. | // MARIO LLORCA / M.mato

M.mato

Jaione Cambord, radicada en Galicia por amor, xa nos deixara coa boca aberta coa súa opera prima Arima. Lembran aquela película que xogaba co imaxinado e o real, rodada en Monforte e protagonizada por Melania Cruz? Agora, afástase dese cinema para transitar unicamente o mundo dos vivos pero con temores tamén en O corno. O filme —rodado en formato dixital, a primeira vez que o fai— convertirase no primeiro en lingua galega que compite pola Concha de Ouro no Festival de San Sebastián.

Cal foi o detonante desta historia?

Para min, era moi importante que a temática tivera un vínculo forte comigo. Son muller en idade fértil e o tema de poder dar vida relacionado coa morte estaba nos meus pensamentos. Trátase da necesidade de explorar esa capacidade e ter a posibilidade de decidir sobre ela.

A sinopse fala dunha parteira que nos anos 70 en Galicia ten que fuxir a Portugal.

É unha muller que axuda e coida a outras mulleres pero convértese nunha fuxitiva porque algo sucede. É unha etapa de prohibicións, no tardofranquismo. Convértese nunha buscada pola lei e aí a película adquire uns tintes máis clandestinos.A clandestinidade acompaña todo o filme e tamén a sororidade entre mulleres que van axudando a nosa protagonista.

A bailarina Janet Novás pega un chimpo e actúa por primeira vez nun filme con personaxe principal. Por que ela?

Para o elenco, buscaba tanto actrices profesionais como non. Janet é unha persoa moi física, que vén moi ben para o personaxe. Ten un carácter, unha forma de estar no mundo, que casa moi ben con como é María, a protagonista. Ademais, non partía de cero: non actuara previamente no cinema pero ao ser bailarina contemporánea xa traspasara certas fronteiras imprescindibles para abrazar emocións cercanas á interpretación.

Tamén se atopan no elenco Julia Gómez e Diego Anido.

Mezclo actores profesionais e non profesionais, o que ten os seus perigos pero quedei contenta co resultado. Julia ten un papel pequeno pero intenso. Creo que será unha sorpresa. O de Diego é secundario pero con grande importancia no filme.

Por onde seguiron a ruta para rodar?

Ao ter que fuxir a protagonista, convértese o filme nunha road movie.O personaxe é da Illa de Arousa e estivemos rodando por alí e por Vilanova principalmente. Cando ten que fuxir recorremos diferentes zonas de Galicia ata chegar ao Baixo Miño. Tamén hai unha parte que sucede en Portugal e na beira do Miño, na fronteira.

Foi unha rodaxe tranquila ou con moitas anécdotas?

Estivo plagada de problemas. É un filme moi complexo. Foi moi duro. Hai moita noite e os cambios de horarios foron duros para o equipo. Ao ser unha road movie, case cada día tiñas un escenario novo. Tamén había animais, bebés de poucos días... Foi un reto.

Que supón para vostede ter a première no Festival de San Sebastián?

É unha ledicia enorme. Son vasca, de Donosti. Foi onde descubrín o cinema e ver o meu nome na sección oficial é unha ensoñación. Penso que pode axudar a película a chegar a máis xente.

Ser nai modificou a súa visión sobre o cinema (antes da rodaxe xa tivera un fillo e a principios desta semana deu á luz ao segundo)?

Neste filme que trata este tema foi moi revelador para min á hora de escribir tralo nacemento do meu primeiro fillo. É algo que cambia a túa vida por completo, cambia a túa mirada e conecta coa túa forma de vivir o cinema.

Arima rodárase en analóxico; O corno, en dixital. Como viviu o cambio?

Buscamos entre todas as cámaras e obxectivos para atopar a mellor estética que funcionara no filme. É a primeira que fago cinema dixital e foi un reto para min. Non estou esclavizada polo celuloide.

Desde cando empezou a querer facer cinema?

Foi un tema tardío; eu quería ser médico, pero por historias persoais acabei en Comunicación Audiovisual. No primeiro ano, paseime no laboratorio da fotografía analóxica todo o ano. Aí, namoreime da imaxe e decidín formarme en cinema na escola de cine de Praga e Munich.

Suscríbete para seguir leyendo