“É un orgullo que haxa tanta xente en Galicia que sinta seu este premio”

O Festival de Cine de San Sebastián premia a primeira película en galego que compite na sección oficial

A directora afincada en Santiago convértese na primeira española en gañar a máxima distinción do Zinemaldia

Valeria Pereiras

“Xa é un premio poder estar nun lugar tan visible. Isto permite que a peli a vexa máis xente e quizais me facilite poder facer un próximo filme”, contaba a El Correo Gallego, diario de Prensa Ibérica, grupo editorial ao que pertence tambén LA OPINIÓN, a realizadora Jaione Camborda uns días antes de triunfar en San Sebastián, festival no que “crecín e se desenvolveu a miña mirada”. Nada en Donostia en 1983 e afincada no barrio compostelán de Sar dende hai máis de quince anos, Camborda xogaba na casa e facíao cunha película en galego, O corno, que se alzaba coa Concha de Oro este sábado. Todo un fito histórico, e non só porque se trata da primeira vez que un filme rodado na nosa lingua compite, e gaña, no Zinemaldia. Tamén porque esta victoria a converte a ela, Jaione Camborda, na primeira muller española en levantar a máxima distinción do prestixioso certame.

A decisión do xurado, presidido este ano pola actriz estadounidense Claire Danes, pon fin nesta XVII edición a unha eiva que cumpría reverter. Toda unha proeza, a de Camborda, tendo en conta que competía con autores da talla do rumano Cristi Puiu, o francés Robin Campillo e os de Joachim Lafosse e Xavier Legrand, nomes que figuran nos palmarés de festivais como os de Cannes e Venecia.

“Estou un pouco abrumada, son moitas emocións e moita xente querida felicitándome, aínda non conseguín dimensionar o que supón este premio”, responde conmovida por teléfono. “Para min é un orgullo que desde Galicia haxa tanta xente que se alegre e sinta seu este premio. Especialmente toda a xente do cinema galego que o está a celebrar, para min son como da familia”, valora, agardando “chegar á maior cantidade de salas posible e que a xente acuda a vela cando se estree o 11 de outubro”. Antes, este martes día 3 poderá visualizarse no marco do festival Curtocircuíto de Santiago que presenta o filme na súa sesión inaugural. “Queriamos xuntar esforzos para facer algo moi bonito. A min sempre me gusta estar no Curtocircuíto, é un festival do que son moi fan, varias pezas miñas xa estiveron alí e non atopo mellor lugar para traela á casa”, afirma.

Solidariedade entre mulleres

Ambientado na Galicia rural dos anos 70, O corno é un drama protagonizado por mulleres que colaboran en situacións límite e que comeza cunha secuencia impresionante dun parto e continúa cun aborto que desencadena a trama. Maternidade, dereitos que aínda hoxe deben ser reivindicados e sororidade atravesan a historia, cunha interpretación maxistral da case debutante Janet Novás. “Ela ten un traballo na danza contemporánea moi potente e recoñecido —explica Camborda—. Recibiu o Premio Ojo Crítico o ano pasado. Invitámola ao casting porque eu buscaba un perfil moi físico, quería centrarme no corporal e a súa presenza podía aportar moito á personaxe”.

Confesa Camborda que a película acompañou o seu proceso persoal de ser nai, e esa sensibilidade nótase en cada fotograma de O corno. “Quería explorar esa capacidade da muller de dar luz e o que iso conleva. Poñela no centro e reproducir un parto dunha maneira máis mamífera, máis real. Interésame tratar o ser humano como máis achegado á terra e ao animal, mulleres fusionadas coa natureza. E nesta peli sigo tamén explorando ese concepto de mulleres un pouco espello, empáticas, que se miran e se sinten reflectidas as unhas nas outras”, comenta. O mesmo que sucede co seu filme, que conta con produción enteiramente feminina.

Trece anos en Compostela

Jaione Camborda leva desde 2010 afincada en Compostela e aínda que asegura ser moi vasca, “non teño ningunha crise de identidade, pero síntome súper ben acollida en Compostela”. Tanto é así, di, que “xa teño dous picheleiros na casa”. Un ano despois de trasladarse a Galicia, Camborda creou a produtora Esnatu Zinema e a súa obra adoita enmarcarse baixo a etiqueta de Novo Cinema Galego. Traballou como directora de arte en Las altas presiones e Encallados, e é coguionista de filmes como Os fenómenos e Ons, ambas xunto ao tamén director compostelán Alfonso Zarauza. Directora de catro curtas que tamén produciu, O corno é a súa segunda longametraxe e chega catro anos despois de Arima.“Paréceme perfecto catro anos, con Arima foron doce. Permíteche ter tempo de madurar o filme. Non me gustaría máis tempo pero tampouco menos”, comenta. Finalizado este proxecto, Camborda xa está a preparar o seguinte. “Cada filme deixa un certo baleiro que hai que vivir e soster pero xa noto que teño certas pulsións, ganas de empezar cun proxecto que teño en mente pero tamén me quero dar un tempo para estar segura de que é iso o que quero facer”, explica. Polo momento viaxará a Londres, onde O corno ten confirmada a súa participación no BFI film festival e ao Festival Internacional de Cine de Busan (BIFF), que se celebra en Haeundae-gu, Corea do Sur, e que é un dos festivais de cine máis importantes de Asia. “Agora quero centrarme nesta película e ver o que me devolve”, comenta. Canda ela leva o mellor pasaporte, unha Concha de Oro que é de xustiza e que abre camiño cara a diversidade e a igualdade no cinema español.