O xornalista Jesús Cintora falará de ‘fake news’ e relacións de poder o sábado 24 en Malpica

A asociación Mallas de Area organiza a conferencia máis unha charla na véspera no instituto de Ponteceso

Cintora, no vídeo en Facebook que anuncia a visita.   | // MALLAS DE AREA

Cintora, no vídeo en Facebook que anuncia a visita. | // MALLAS DE AREA / M. Villar

A Asociación Cultural e Deportiva Mallas de Area de Malpica de Bergantiños, que tamén organiza as festas patronais e que este verán sacou o primeiro número dunha revista, segue a dinamizar a cultura da contorna con actividades como a que vai ter lugar estafin de semana despois de que o coñecido xornalista e presentador de televisión Jesús Cintora aceptase vir á Costa da Morte para debater sobre xornalismo, fake news e redes sociais.

Jesús Cintora estará mañá venres 24 ás 12.20 horas no instituto Eduardo Pondal de Ponteceso (con aforo limitado) para falar cos mozos e mozas sobre as redes sociais, os perigos e os beneficios, unha charla á que o propio xornalista invitou tamén aos pais e nais, nun vídeo no que anuncia a súa presenza en Malpica por invitación de Mallas de Area.

Despois desta intervención no instituto de Ponteceso Cintora estará ao día seguinte, sábado 25 de novembro, no centro cívico de Malpica para dar unha conferencia de entrada libre.

Neste caso o xornalista falará “da situación do xornalismo, dos medios de comunicación, o que se coce por detrás, os bulos, a verdade e as relacións de poder”, e tamén as fake news, entre outros temas, segundo anunciou el mesmo no vídeo que enviou a Mallas de Area e que se pode ver en Facebook. O xornalista tamén anunciou nas súas propias redes sociais a presencia na Costa da Morte.

Durante esta conferencia o público asistente poderá facer preguntas e abrir un coloquio sobre diversos temas.

Os asistentes tamén poderán mercar e pedirlle sinatura a Jesús Cintora dos seus últimos libros publicados: La conjura e No quieren que lo sepas.

Mallas de Area edita unha revista do mesmo nome que dirixe Xosé Manuel Varela con Pedro Mato como coordinador editorial e secretario da entidade.