‘Xente Marabillosa’ alerta da soidade non desexada dos maiores

O espazo da TVG comeza 2024 con temas como a ludopatía ou os riscos laborais

REDACCIÓN

O espazo máis comprometido, social e viral da TVG volve á pantalla este mércores, 10 de xaneiro, a partires das 22.40 horas, para falar dun problema que afecta a miles de galegos como é a soidade das persoas maiores. Será a primeira das moitas temáticas preparadas polo equipo de Xente Marabillosa para este ano que comeza, no que se abordarán cuestións como a agresividade dalgúns menores cara os seus familiares, a ludopatía, a prevención de riscos laborais, o autismo e incluso tabús como o sexo na terceira idade.

Volve así un dos programas máis queridos polo público galego, que desde a súa estrea a principios de 2023 foi colleitando éxito tras éxito de audiencia e obtivo ademais o respaldo da crítica ao acadar o premio Iris da Academia de Televisión como mellor programa de entretemento autonómico de España. O formato ten en internet, ademais, unha segunda vida dixital cos vídeos das cámaras ocultas que se converteron en fenómeno viral.

O programa presentado por Lucía Rodríguez aborda esta semana unha problemática social coñecida por todos pero á súa vez claramente invisibilizada, como é a situación de abandono que sofren moitísimas persoas ao chegar as últimas fases do seu percorrido vital sen apoio familiar nin círculos sociais, o que os leva irremisiblemente a pasar os seus últimos días en soidade.

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, na comunidade viven soas máis de 125.000 persoas maiores de 65 anos. E, aínda que para algunhas isto é unha decisión propia, moitas outras vense obrigadas polas circunstancias. Sen familiares que as coiden nin outras persoas ás que recorrer, este grupo de poboación afronta practicamente indefenso os efectos máis comúns do estado de abandono no que se atopa: a desnutrición, o descontrol das enfermidades cardiovasculares, o agravamento das enfermidades de tipo óseo e, sobre todo, complicacións ligadas á saúde mental.

Boa parte dos afectados acaban ingresando en residencias de maiores, outros manteñen a súa autonomía e viven nas súas casas, pero todos eles afrontan a vida coa soidade como compañeira. Co obxectivo de visibilizar este tipo de situacións, Xente Marabillosa emitirá dúas cámaras ocultas nas que un ancián queda nunha cafetería cos fillos e cos netos para celebrar o seu aniversario. Ao chegar, chamará por teléfono para lembrarlles o encontro, pero todos porán algunha escusa para non asistir. Dúas persoas incribles acompáñano á hora de soplar as velas da tarta e ofrécenlle o seu apoio, polo que serán recibidos no estudio do programa con todos os honores.

Alí, ademais da presentadora, Lucía Rodríguez, coñecerán a televisiva Rosa Benito, que fará de madriña do programa, e a Sofía Díaz, unha coruñesa de 90 anos que coa súa historia axudará aos espectadores a comprender mellor o problema.

No tocante á nota musical, nesta ocasión as actuacións estarán moi ligadas aos gustos musicais das dúas persoas “marabillosas” convidadas. Por unha parte, os integrantes de Leilía encherán coas súas voces o estudio, xa a punto de pórlle fin á súa xira e, por outro, a DJ Anna Gorse pechará a festa.