A Real Academia Galega actualiza a definición sobre o autismo no seu Día Mundial

Adapta cambios na descrición científica e na percepción social dese trastorno

A Real Academia Galega (RAG) modificou no seu dicionario en liña, nas vésperas do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo —que se celebra hoxe—, a definición deste trastorno do desenvolvemento neurolóxico. A nova redacción acordada polo Seminario de Lexicografía adáptase aos cambios producidos na súa descrición científica e mais na súa percepción social.

“A RAG quere promover os principios de xustiza, igualdade e respecto á diversidade, o que nos leva a un proceso constante de revisión e modernización do dicionario”, sinala a académica de número María Dolores Sánchez Palomino, coordinadora en funcións do Seminario de Lexicografía, na resposta remitida á Federación de Autismo Galicia, que solicitou a actualización da definición da entrada de autismo e facilitou documentación sobre a revisión científica dos criterios diagnósticos do autismo, que deixaron atrás a súa consideración como unha enfermidade.

“O autismo non cumpre con este criterio, xa que non implica un mal funcionamento dos sistemas corporais, senón diferenzas no procesamento neurolóxico. O cambio na súa conceptualización reflicte unha comprensión máis moderna e respectuosa da diversidade neurobiolóxica e destaca a importancia de aceptar e apoiar as persoas no espectro autista en función da súas necesidades e fortalezas individuais”, salienta na carta remitida á RAG a federación, que representa máis de dez mil persoas, entre as que presentan autismo e as súas familias.