Paula Cabaleiro, Jorge Mira e Teresa Nieto entran no pleno do Consello da Cultura Galega

REDACCIÓN

O Consello da Cultura Galega (CCG) renovou parte dos seus membros nunha sesión plenaria na que incorporou a Jorge Mira, Paula Cabaleiro e Teresa Nieto. Ademais, renovou no no cargo a Xavier Queipo. No mesmo encontro cesaron no posto, por cumprir oito anos nel, o máximo tempo permitido, Ángel Carracedo, Rebeca Blanco-Rotea e Carmen García Mateo. O Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello e os cambios na súa composición obedecen á lei de creación do mesmo, que establece o mecanismo de renovación.

Paula Cabaleiro é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e conta cun Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago e o CGAC, así como con outro en Educación da UVigo. É xestora cultural e comisaria de exposicións. Teresa Nieto é arquitecta e, desde 1989, funcionaria do Corpo Especial de Arquitectos da Xunta, no que traballa no ámbito da protección do patrimonio cultural. Pola súa parte, Jorge Mira é licenciado e doutor europeo en Física, con premio extraordinario, así como catedrático de Electromagnetismo no Departamento de Física Aplicada da USC.