A margarida da maternidade

Ser ou non ser nai é unha das cuestións nas que o feminismo defende a liberdade

Yolanda Castaño, Marilar Aleixandre e Llerena Perozo explican por que renunciaron a ter fillos

Muller dando de mamar a un bebé.  // E. P. | EFE

Muller dando de mamar a un bebé. // E. P. | EFE / mar mato

mar mato

É sábado de mañá no museo Marco de Vigo. A artista Mónica Alonso presenta o catálogo da súa exposición A maxia do colibrí. Seis casos desesperados mentres a creadora Andrea Costas fai o mesmo co libro da súa mostra Desapego. Nun momento, as dúas conversas se entrecruzan para falar da maternidade e da renuncia a ela.

Alonso presenta o debate de se é posible ser boa nai e boa artista á vez ou non. Lembra a elección da arquitecta Zaha Hadid de non ter fillos para apostar pola súa carreira profesional.

A arquitecta anglo-iraquí sinalara a Harper’s Bazaar en 2016 que había máis mulleres estudando que homes na carreira pero non tantas no traballo. “Débese á continuidade —expresaba—; na arquitectura, se paras, é difícil regresar despois. Son moitas horas de traballo, moitas horas de viaxes. Se tes fillos, non queda claro como funcionaría”.

Na conversa de Mónica Alonso e Andrea Costas sobre o tema escóitase que aí tamén está presente o patriarcado: na renuncia das mulleres a ser nais porque culturalmente elas se autoesixen no coidado dos fillos.

María do Cebreiro deixou escrito en Maternidades virtuosas que “ao igual que o amor, a maternidade e a paternidade son experiencias tan intensas que foron e seguirán sendo obxecto de reflexión”.

Na obra comeza por citar expoñentes dun certo discurso matrofóbico pero non enunciado desde a misoxinia, senón desde o feminismo, en mulleres pensadoras contemporáneas como Elizabeth Badinter e Orna Donath.

Do Cebreiro, porén, pousa sobre todo cuestións para reflexionar. “Son algunhas mulleres as que preferirían non ser nais ou son certas formas de organización social as que non lles facilitan selo?”. O debate, a poucas xornadas do Día da Nai, é máis que necesario.

A poeta Yolanda Castaño tratou, entre outros, o tema no seu último poemario, Materia, co que gañou o Premio Nacional de Poesía. Recoñece que o de renunciar a non ter fillos no seu caso é a súa “opción persoal”.

A margarida da maternidade | XOÁN ÁLLVAREZ

A margarida da maternidade | XOÁN ÁLLVAREZ / mar mato

Á hora de dar unha explicación, sinala que “detrás da decisión, por suposto, está todo un patriarcado sistémico, unha problemática sistemática. O patriarcado aínda non fai tan doado compatibilizar unha crianza con outras moitas facetas ás que pode aspirar unha muller”.

Neste punto, a escritora Marilar Aleixandre engade: “Nunha sociedade ideal, debería haber máis facilidades para que ser nai non implicase selo a tempo completo. Hai mulleres que o lograron e o logran e son escritoras, científicas, outro tipo de traballadoras... pero conseguírono a forza dunha dobre, triple ou cuádruple xornada laboral. Na sociedade, hai consenso en que as mulleres deben ter os mesmos dereitos que os homes; pero eu manteño que non hai o mesmo consenso en que non teñamos máis deberes ca os homes”.

A margarida da maternidade | BERNABÉ

A margarida da maternidade | BERNABÉ / mar mato

Isto enlaza con outra idea de Castaño: “Por outro lado, está todo o saldo emocional, a entrega. O problema sistémico implica a falta de axudas. Hai pouco alguén dicía que o sistema quería que traballásemos como se non foramos nais e fósemos nais como se non traballásemos. É un problema moi complexo. A maternidade pode ser compatible co exercicio da literatura; pero teño máis dúbidas de que vivir da literatura, un proxecto tan esixente, sexa compatible con outro tan esixente como a crianza”.

“Queiramos ou non —prosegue— non somos impermeables ao imaxinario social, o bombardeo e presión social sobre a boa nai, o que se espera da maternidade e o que nos gustaría autoimpoñernos como un bo modelo de maternidade”.

Agrega que no seu caso o seu proxecto de vida pasa por “vivir da poesía, da literatura, unha empresa moi esixente que require todo o tempo, traballo e esforzo, con xornadas que non deixan espazo ao descanso, ás fins de semana, nin a traballar só oito horas de luns a venres. Iso é incompatible cunha crianza que a día de hoxe aínda se segue depositando sobre os ombreiros das mulleres por regra xeral. Normalmente é a muller a que adoita inmolarse nas aspiracións e desexos ou proxectos. Vén do sistema patriarcal que non ofrece grandes facilidades ou axudas”, recalca.

Todas as reflexións son necesarias xa que parece que o patriarcado pode estar presente tanto nas que desexan ser nais como nas que non.

A margarida da maternidade

A margarida da maternidade / mar mato

Julia Cañero Ruiz no limiar do catálogo Desapego sinala que “como feministas occidentales hemos creído tanto en un universalismo encorsetado, con la igualación a lo masculino por bandera, que desarrollar estrategias de acción maternalistas nos hacía parecer cómplices del patriarcado. (...)” que incluso se apodera dos corpos das nais.

Porque como di Andrea Costas sobre a súa maternidade:“Experiencia compleja, contradictoria, oculta en tópicos, manipulada. Ni mística, ni esencialista: real... y tan política como todas nuestras cosas”.

A política pode estar nos dous bandos. No caso de Llerena Perozo Porteiro, a decisión de non ser nai aconteceu sen esperalo. “Medrei e cheguei aos trinta pensando que quería ser nai e cando tiven as condicións óptimas para selo e unha parella coa que procrear, saiume un non como unha catedral. Foi unha decisión superconsciente”, subliña.

O que a levou a tomar esa decisión ten que ver coa sostenibilidade e o futuro do planeta máis a humanidade. “Por un lado, foi unha decisión social. Eu naquel momento, estaba traballando na Consellería de Medio Ambiente e entón e agora estou convencida de que o ser humano é un andazo sobre o planeta. Somos demasiada xente. Estamos esquilmando os recursos coa premisa de ter xente para pagar as pensións. A miña parella, xa tiña unha filla e pensei que abondaba xa con axudar á pequena a saír adiante. Renunciei a ser nai non por motivos económicos, senón que foi unha decisión política”, reflexiona.

Decidir que non suupón ser branco da presión social. “Cando cumpres 30 anos e estás con parella a presión é continua ata chegar aos 40. Era presión en todas partes. Ás veces, flaqueas, dubidas de se te arrepentirás”, engade Llerena Perozo. “A presión sempre é sobre as mulleres”, enfatiza.

Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa por As malas mulleres, tamén pertence ao colectivo de mulleres que renunciaron a ser nais. A autora e profesora falara do asunto no seu poema Fóra do casulo publicado no libro xoia colectivo Sempre marzo que coordinou Yolanda Castaño. Nel, escribía sobre “o destino inexorábel: nai, nai, nai” e como “no proceso de metamorfose as entrañas disólvense/ nunha marfallada de células, fluídos, hormonas/ o resultado é incerto/ unha muller definida en por si/ unha muller sen más adxectivos”.

Ao respecto, Aleixandre sinala que “como dicía Emilia Pardo Bazán, todas as mulleres conciben ideas pero non todas conciben fillos. Hai unha expectativa, nos anos 70 había máis, para as mulleres ser nais; pero esas expectativas non as hai para os homes. Os criterios para ser muller completa naquel momento e inda hoxe é que debe ter fillos. Non é así. Unha muller pode ser moitas cousas, e entre todas, pode ser nai”.

Marilar tamén aclara dúas cuestións: a súa parella sempre se entregou ás tarefas domésticas e hai que ter en conta o contexto da época: “Agora, as circunstancias son algo distintas. Nese momento, [anos 70] e agora para moita xente tamén, ser nai era como ter unha dedicación a tempo completo. Para min, non era un proxecto de vida ser nai a tempo completo”.

A decisión que tomou non foi formulada á contorna. “Non tiven que defendelo pero si que escoitei cousas como que era egoísta non ter fillos. Tiña eu unha vida activa no eido intelectual ao ser profesora no instituto Castelao en Vigo de Bioloxía”, lembra.

Aleixandre aínda recorda un encontro en París hai anos no que había mulleres de Arabia Saudí e Emiratos Árabes. Nun xantar, preguntáronlle se tiña fillos. Ante a negativa, alguén expresou: “Que mágoa!”. “Nunca me dixera ninguén iso. Expliqueille que non tivera fillos porque non quixera. Quedaron como se lles caera o teito sobre a cabeza. Hai lugares no que tomar esa decisión é difícil para as mulleres. A decisión de non ter fillos ten que ser igual de lexítima que a de non telos”, defende a académica da RAG.

Suscríbete para seguir leyendo