-O curso pasado, houbo alumnos que deixaron a carreira por falta de diñeiro?

-Non, fomos cubrindo as necesidades con fondos propios da Universidade. Temos un programa cuns 160.000 euros para axudar en caso de que, por causas sobrevividas, os alumnos non poidan pagar algún prazo da matrícula. Para os alumnos que non conseguiron bolsa do Ministerio de Educación porque lles esixiron máis rendemento académico ca antes, nós seguimos coas mesmas esixencias que teñen o resto de estudantes. Nós completamos a bolsa da matrícula, non temos recursos para outro tipo.

-Investiuse todo o orzamento do programa de emerxencia?

-Si. Se nun programa sobra e noutro falta, movemos as partidas para podermos axudar a todos os estudantes que podemos.

-E todos os que o solicitaron recibiron axuda?

-Non, houbo algúns que quedaron fóra porque non cumprían os requisitos académicos mínimos. O que se trata é de que todos teñamos igualdade de oportunidades para empezar, pero despois hai que aproveitar esaoportunidade. Unha vez que se lles dá, eles teñen que responder, ser consecuentes e traballar todo o que poidan para saíren adiante.

-Mantéñense estas axudas neste curso?

-Si, porque a situación económica segue a ser a mesma, a Xunta conxelou as taxas, que é unha reivindicación histórica da Universidade da Coruña. Alguén nos di que, facendo iso temos menos financiamento, pero é que a nós non nos deberan vir os ingresos dos alumnos senón da Xunta e do Estado, que son quen recadan os impostos.

-Como van as cifras de matriculación deste ano?

-Non convencemos á Xunta de cambiarmos a selectividade de setembro, así que até ben avanzado o curso non pechamos a matrícula. As cifras son similares ás do ano pasado. Hai unha gran demanda da simultaneidade de graos, pero hai outras titulacións nas que cae, sobre todo nas que teñen que ver coa construción e a obra pública, Arquitectura, Camiños...