As casetas da feira do libro en Méndez Núñez albergan hoxe unha ducia de actividades infantís, sinaturas e presentacións de libros. Ás 18.00 horas, a poetisa María Lado realiza unha contada e un taller de pintura a partir da súa obra Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de Apiario Editora. O libro, un conto ilustrado por Yanina Torres, xurdiu dun poema escrito para adultos pero que, segundo Lado, "funcionaba moi ben cos nenos".

Porque Cuqui non quere ir á lavadora ten un propósito pouco común: é un libro deseñado para que os nenos llo lean aos pais, e, polo tanto, ten dous niveis de comprensión. Para os nenos é a aventura dun oso de peluxe que acaba chegando á lúa. Para os adultos, é unha fábula para entregarlle aos pais a mensaxe de que hai que "manter a calma" ante problemas que para os nenos son moi difíciles e grandes dramas, pero que para os maiores non teñen importancia e os levan a enfadarse inxustamente. "Ás veces non somos conscientes de todo o que lles pedimos", sinala Lado, que sacou a inspiración para o conto do día a día co seu fillo de seis anos.

Á mesma hora que Lado estará na feira a artista británica Sally Cutting, que leva ilustrados en torno a un centenar de libros de literatura infantil distribuídos, ademais de en España, nos mercados finlandés, ruso, latinoamericano e italiano. Estará na caseta da librería compostelá Aenea, asinando exemplares dunha das súas publicacións máis recentes, La princesa rana, que segundo conta a artista adapta "un antigo conto ruso".

Como é característico da súa obra, Sally Cutting ilustra este libro con acuarelas e cun estilo próximo ao realismo e con énfase na natureza e na pintura de animais. Cutting empezou na ilustración infantil nos 80, cando había un "grande mercado" para este tipo de obras, e centrouse na natureza inspirada pola riqueza de biodiversidade de Segovia, onde se asentou e empezou a traballar tanto en obras para nenos como en libros informativos acerca do mundo natural.

O autor coruñés Iván García Campos, gañador do Blanco Amor de 2010 pola súa novela O imposible de desatar, realiza hoxe á presentación absoluta do seu libro de relatos Cuestións vitais secretas, ás 20.30 horas.

A literatura, para García Campos, "é máis suxerir que contar", e o argumento dos relatos "é case o de menos". Cos contos, ubicados no presente e que combina historias practicamente reais con relatos totalmente ficticios, o autor non busca "resolver problemas", senon plantear dúbidas e falar dos tempos actuais sen recorrer ao pasado e á ambientación histórica. Ao autor nterésanlle os sentidos agochados "nas cousas cotiás" da existencia, ás teimas que non se contan aos máis achegados e dirixen, na sombra, as decisións que se toman na vida, e pensa que falando das pequenas loitas do día a día, sen recurrir á narrativa de grandes historias, "é como mellor nos coñecemos".

Durante a tarde de hoxe tamén presentan ou asinan libros Vicente Iglesias Martelo (coa obra La calle de San Andrés), José María Pérez (Examen final), Antonino Nieto (antólogo de La primera vez...que no perdí el alma, encontré el sexo), Magín Blanco (Gatuxo), Mario Fisac (Galicia entre copas) eVerónica Celdrán (Estar delgada y en armonía con el universo). Ás 13.00 horas organízase unha actividade infantil de elaboración de gominolas naturais. Os puntos de venta da feira permanecen hoxe abertos de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 22.00 horas.