No seu trono sentado deu a benvida ao Entroido o deus Momo, cun paraugas na man e un "bandullo" cheo de cocido, chourizo, caldo e viño. Quixo este personaxe festeiro inaugurar os días grandes nos que todo vale, pero no que nada se esquece. O deus Momo, no seu discurso lembrou os casos de corrupción que salpican non só á cidade, senón tamén a todo o Estado e dixo en alto nomes como Pikachu, Zeta e Pokémon. Botou tamén a vista atrás para acordarse do acontecido en maio, cando Marea Atlántica "chegou a María Pita".

E os centos de veciños que se xuntaron no Obelisco para escoitar este discurso de culto, asentían coa cabeza cando o seu deus falaba das homenaxes caídas do rueiro, do adeus de Alférez Provisional e Comandante Barja, para darlle a benvida ás Atochas e ao Socorro. Non se quixo esquecer este ídolo pagán dos que o están a pasar mal e nomeou aos traballadores de Santa Bárbara e Alcoa e xogou, como non?, coas verbas "marea e mareo", que para iso está o Entroido.