O pasado xoves asistimos, na Biblioteca Veciñal do Campo de Marte, ao enfrontamento de dúas ideas que, co anuncio da peonalización feito polo Goberno Municipal, era imposíbel que non sucedera.

Por unha banda, a veciñanza que carece de vehículo propio e que desexa beirarrúas e rúas polas que poder transitar, pola outra, veciñas e veciños que, sen dispoñer de garaxe, precisan dun espazo onde poder aparcar sen ter que facelo lonxe da casa. E máis cando, o emprego do coche é preciso no seu día a día por motivos laborais.

Logo, froito deste novo planeamento urbano, ábrese outra fronte sobre a mellora do transporte público e se isto suporía a tan desexada eliminación do vehículo privado.

No primeiro debate indicado, o posicionamento da nosa entidade ao longo da súa historia, lonxe do perverso interese por parte de certas persoas de darlle a volta, sempre foi claro: mellora das rúas, beirarrúas, sistemas de canalizacións, pluviais... o que é a humanización das mesmas a través dun Plan Integral de Rehabilitación para Monte Alto, onde se contemple un deseño xeral, con prazos de execución e orzamentos, consensuado e fixo no tempo para que chegue a verse materializado. E que dito plan contemple, igualmente, un dos maiores problemas do barrio: a imposibilidade de aparcamento soterrado e a necesidade de conservación dos espazos na rúa para os vehículos, compaxinando os intereses contrapostos da veciñanza.

Despois está o segundo punto: a elaboración dun plan de mobilidade e a mellora do transporte público suporía a eliminación do vehículo privado? Aquí, as visións son contrapostas: o Concello pensa que si, ou iso deu a entender, mentres a nosa entidade considera que as familias seguirán precisando un vehículo e que, dito vehículo, aínda que circulase de xeito puntual, necesitaría, igualmente, un lugar no que ser estacionado.

Para a entidade veciñal a humanización vai máis aló da eliminación/redución do tráfico nas rúas de Monte Alto. A humanización pasa pola creación do ambiente social e urbano axeitado que vertebre e cubra as necesidades de toda a veciñanza da zona, algo que nós, como colectivo social, non vemos incompatíbel.

Por último, cómpre indicar que a existencia e o posuír un vehículo privado por familia vén imposto polo mesmo sistema no que vivimos. Nun barrio de clase traballadora como é o noso, ter un coche suma á hora de atopar un posto laboral, e máis, vivindo lonxe dos accesos á comarca onde, quen máis e quen menos, debe acudir e percorrer.