Moitos anos despois, un antes de morrer en 1994, o médico Juan Rof Carballo lembraría aquel afastado día de marzo de 1910 no que a familia o levou a coñecer o mar nunha viaxe en tren desde o seu Lugo natal ata A Coruña. Si, o mar foi o elemento inicial e decisivo na atracción que a cidade herculina provocou naquel neno de case cinco anos. Un pracer que medraría co paso do tempo no goce dun mar dual que modela unha cidade bifronte, o bravo do Orzán e o calmo do porto. Dúas percepcións complementarias dunha mesma realidade, coas atractivas pozas cheas de vida que observaba nas rochas do mar aberto e o mosaico de barcos que vía adornar a baia, un lugar desde o que observou a acción das dragas chegadas de Holanda para realizar o recheo dunha parte gañada ao mar coa lama extraída do seu fondo.

A cidade como motor de fantasías

Por Real Orde de 23 de febreiro dese ano 1910 o pai, o sobranceiro veterinario de orixe catalán Juan Rof Codina, foi nomeado Inspector de Hixiene Pecuaria e Sanidade Veterinaria da provincia coruñesa e a familia trasladouse para a capital provincial. O neno instalouse cos pais e as irmás na rúa de San Andrés, no terceiro piso do número 168, preto da praza de Pontevedra.

Desde ese céntrico lugar faría a exploración dunha cidade que nos anos posteriores lle ofreceu dúas xoias, auténtico combustible vital para o despregue da súa fantasía e enriquecemento da bagaxe emocional, ese mar do que falamos e as lecturas. Na biblioteca do Consulado e na do Circo (Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos) o neno e mozo Rof devorou libros e libros, como os de Emilio Salgari, Julio Verne (en especial La isla misteriosa), Las mil y una noches, Don Quijote, Robinson Crusoe e, despois, a correspondencia de Flaubert e os primeiros tomos da magnífica novela En busca del tiempo perdido, dun Marcel Proust con quen o mozo compartía un especial amor pola nai e o interese polo paso do tempo.

Seducido pola cidade, explicou que nela, como nun conto que fose realidade, estaba "todo", que era "un delicioso templo que servía de escenario a la belleza, al esplendor, a la múltiple variedad de la vida". Unha experiencia que asentou nel a idea de que a existencia ofrece deliciosas marabillas, a asunción da vida como agasallo que xa non o abandonou nunca.

Estudos e formación da personalidade

Entre 1910 e 1915 acudiu ao colexio de Laureano Mediante, un mestre con sona na cidade que hoxe ten unha rúa dedicada á súa memoria na zona dos Castros. Despois ingresou no instituto local, o Eusebio da Guarda, onde cursou o bacharelato, polo que, se facemos caso ao afirmado por Max Aub ("Un é de onde fixo o bacharelato"), Rof sería un coruñés nado en Lugo.

Do profesorado do centro educativo salientou a dous docentes, Gonzalo Brañas, o catedrático de Física que lles abría os ollos ao "mundo de las ondas hertzianas" e, sobre todo, a Johán Vicente Viqueira, de Filosofía, posuidor dun saber tan inmenso como a súa bondade, que lles introducía no "mundo del pensamiento". Un ser especial que para Rof "formaba parte de los intelectuales que aspiraban a crear una Galicia nueva, liberada de la mediocridad de la Península y que impregnó de manera impalpable ya para siempre mi espíritu".

Foi un período de amizades, de espertar á sexualidade e, sobre todo, dun progresivo mergullo na esfera do coñecemento. Dun encontro harmónico entre o mundo previo da fantasía e o novo da razón, unha circunstancia probablemente clave nunha persoa que sempre reivindicou unha visión integral do ser humano e o diálogo como ferramenta básica para o desenvolvemento persoal e colectivo.

Todo parecía indicar que o fillo do veterinario seguiría a profesión do pai, a quen visitaba no laboratorio que tiña na Granxa Agrícola de Monelos para observar preparacións ao microscopio, porén a lectura da Patología general de Alcolea convenceuno de dirixir os seus estudos superiores cara a Medicina. No curso 1921-22 iniciounos na Universidade de Santiago de Compostela e seguiría con eles en Barcelona e Madrid. Eran tempos de actividade das Irmandades da Fala, entidade coa que o seu pai colaborou. Durante a estadía compostelá o mozo Rof ingresou en 1925 no Seminario de Estudos Galegos cun discurso, Bioloxía e Esprito, no que trataba sobre o "xesto", a súa importancia na conduta humana. Máis tarde, en 1927, publicou un ensaio sobre a obra poética de Paul Claudel en galego nunha revista quincenal ilustrada, Terra. E anos despois, en 1957, a súa principal obra editada no idioma propio do país: Mito e realidade da terra nai (1957).

Inicialmente sentiu o cambio de residencia da cidade herculina a Compostela como a entrada noutra realidade urbana e vital, desde "la felicidad que empapaba" a súa vida no instituto e no fogar, de tal xeito que durante un tempo arelaba a viaxe periódica á Coruña, "que era como tornar al Paraíso".

Pai da Medicina psicosomática

Ao remate dos estudos de Medicina en 1928 trasladouse para Madrid e integrouse no equipo de Gustavo Pittaluga Fattorini, catedrático de Parasitoloxía e investigador con grande proxección internacional nesa materia e en Hematoloxía (estudo do sangue). Rof publicou numerosos artigos, algúns co propio Pittaluga, sobre o Sistema Fagocítico Mononuclear. Nos anos 30, grazas ás bolsas da Junta para Ampliación de Estudios, completou a súa formación en relevantes institucións científicas europeas e foi, desde 1934, Xefe do Laboratorio da Facultade de Medicina de Madrid.

Ao iniciarse a Guerra Civil estaba en Viena e trasladouse para París. Mentres o seu pai residía en Madrid, servindo á República desde a Dirección Xeral de Gandería, el pasou no terceiro ano da guerra a territorio franquista onde traballou no hospital militar Nuestra Señora de las Mercedes de San Sebastián co relevante médico Carlos Jiménez Díaz, con quen continuaría colaborando os quince anos seguintes.

Desde unha sólida formación científica en diversas áreas da Medicina e unha notable experiencia investigadora e clínica Rof explorou novos espazos da práctica médica. O seu temperá interese pola influencia dos fenómenos psíquicos na saúde e consideración integral do ser humano enfermo fixeron que seguira con moita atención as propostas do "grupo de medicina antropolóxica de Heidelberg", sobre todo de Ludolf von Krehl e Viktor von Waizäcker, que facían especial fincapé na relevancia dos elementos psíquicos e espirituais á hora de estudar ao doente. En 1949 publicou a súa obra máis recoñecida, o manual de Patoloxía psicosomática. En decembro de 1955 foi un dos fundadores da Sociedad Española de Medicina Psicosomática e se converteu na súa figura principal; asemade, xogou un papel clave na introdución da psicoanálise en España, unha disciplina que recibiu fundadas e crecentes críticas sobre a súa natureza científica.

Rof criticou a despersonalización da Medicina, a "ruptura de la relación entre el médico y el enfermo", o trato mecanizado e pouco humano presente en moitos hospitais, a perda de todo contacto afectivo e humano e defendeu unha atención diferente, basada no diálogo. Nese sentido, a medicina psicosomática veu, en certa medida, a encher un baleiro da práctica médica convencional porén probablemente non cumpriu as expectativas xeradas e mesmo puido sobrevalorar a importancia do compoñente psíquico na saúde humana; o certo é que o reto dunha medicina humanizada segue vixente.

Tamén se introduciu no terreo antropolóxico. Para Rof, os seres humanos nacemos nun parto prematuro, como seres inmaturos, e precisamos dun acabado fisiolóxico (enzimático, inmunitario, endócrino) na contorna familiar. Un primeiro encontro que denominou "urdime (troquelado) afectiva", elemento básico do desenvolvemento biolóxico e psicolóxico humano, indicando que a consecución da liberdade esixe unha infancia tutelada polo amor. A sona acadada polas súas contribucións levouno a numerosos recoñecementos, entre eles ser nomeado membro da Academia de Medicina en 1969 e da Real Academia Española en 1984.

No Instituto José Cornide

O 23 de xullo de 1976 Juan Rof asistiu a un acto solemne no salón de plenos do Concello coruñés. A Corporación rendía homenaxe a Salvador de Madariaga, nomeándoo presidente de honra do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, entidade que hoxe custodia o seu valioso legado documental. Rof participou lendo o seu discurso de ingreso no Instituto, Fisiognómica de La Coruña en las ideas de Don Salvador de Madariaga. A súa presenza non era casual, mantiña con Madariaga unha vella relación e unha elevada coincidencia canto ideario político e concepcións. Por outra banda, o acto deixou unha testemuña da historia da Transición española. Morto Franco, na mesa presidencial figuraron as autoridades, o alcalde José Manuel Liaño Flores e o director do Instituto Cornide, Enrique Míguez Tapia, procedentes das inmediacións do falanxismo, xunto cos vellos liberais antifranquistas, Rof e, especialmente Madariaga, apostando xuntos por un certo diálogo e unha nova xeira de convivencia

Na súa intervención Rof analizou un traballo de Madariaga, Retrato de un hombre de pie, desde a perspectiva da Fisionomía, o estudo do exterior das persoas como camiño para coñecer a súa personalidade, unha disciplina que cando a impulsou Johann Caspar Lavater no século XVIII tiña unha certa xustificación porén que a día de hoxe está considerada como unha pseudociencia. Rof pasou a aplicala a seres inanimados, e de xeito especial ao monumento que identifica a cidade, a Torre de Hércules, que entendeu como símbolo do ser humano, cos "principios" masculino e feminino completándose. Un discurso ao que o paso implacable do tempo deixa en evidencia nalgúns dos seus contidos, como o uso de certos tópicos, un aroma elitista e o machismo característico da época.

Contactos posteriores coa cidade

Malia que a súa vida profesional o levou a residir noutras cidades Rof nunca perdeu o contacto coa Coruña, onde fixo o servizo militar en 1926. Aproveitaba as vacacións para achegarse e adoitaba aloxarse no hotel Finisterre, onde recibía a visita do seu vello amigo Domingo García Sabell, con quen compartía inquedanzas e iniciativas. Do hotel baixaba á piscina da Solana (daquela integrada na instalación hoteleira) onde, segundo Alfonso González Catoyra, facía "peña" co médico Enrique Hervada e outras persoas. Entre 1969 e 1973 faltou á cita estival e, posteriormente, explicou ás súas amizades a causa desa ausencia, preocupáballe a fealdade que fora collendo a cidade, froito das desfeitas urbanísticas deses tempos. Doíalle o deterioro dunha cidade coa sempre mantivo un vínculo especial, o lugar feliz do fogar familiar onde el medrara nun progresivo diálogo entre as fantasías xeradas polo mar e as lecturas e o coñecemento adquirido polo estudo. O paraíso que perdeu no proceso de madurez e ao que cada certo tempo precisaba retornar para revivir o pasado e coller novos folgos para os retos que a vida lle demandaba.