Ana Rodríguez.A CoruñaUnha obra de fonda autenticidade, grande capacidade de transmisión e emoción, e politicamente incorrecta co panorama ético e estético actual. O xurado do XV premio Espiral Maior inventariou así a listaxe de atributos de Profundidade de Campo, poemario gañador, co que a escritora Yolanda Castaño (Santiago, 1977) acada a súa "madurez" poética. "Estamos diante dunha Yolanda Castaño moi distinta á que escribiu Elevar as pálpebras aos 17 anos", explicou o editor de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello, presidente dun xurado formado tamén por Xosé María Álvarez Cáccamo e Xavier Baixeras. Despois de dar conta pública dun fallo por unanimidade, Fernán-Vello valorou "o pálpito" da obra, a "capacidade de conmover a través da poesía". Unha forza "que non está presente na poesía actual, sobre todo na máis nova", engadiu Baixeiras. "Hai grandes poetas, con grande capacidade de pensamento, pero carentes desa capacidade de transmisión e de emoción", entende o escritor, que estima tamén a "autenticidade" de Profundidade de campo, "outra das cousas que se botan en falta na poesía de agora". "Nótase que está sentindo aquilo que está expresando, como se se baleirase neste libro, todo verquido cunha expresión de grande intensidade, de ritmo moi conseguido", cre Baixeras. Os tres membros do xurado auguran que a obra removerá "o panorama ético e estético" establecido, cunha proposta "valente e arriscada" e dende unha posición "políticamente incorrecta". Incorrecta dentro do feminismo, como explica Miguel Anxo Fernán-Vello, e dentro "da moral dominante de esquerdas", como identifica Xosé María Álvarez Cáccamo. Fronte "a ancoraxe ideolóxica de, imos chamarlle, progresistas, cuestiona certas perspectivas ideolóxicas que teñen que ver, por exemplo, coa beleza", di Álvarez Cáccamo. "Témome vai ser así", confirma Yolanda Castaño, pouco despois de saberse gañadora do galardón, entre 161 aspirantes procedentes de Galicia, Madrid, Barcelona, Portugal e Brasil. "Non sei se conscientemente, pero non é un libro amable, como non son amables as verdades", asevera a poeta e directora da sede da galería Sargadelos na cidade da Coruña. Castaño síntese "emocionadísima" por levar un premio que acada "un equilibrio perfecto entre prestixio, edición e distribución", xa que inclúe, ademais dunha dotación económica de 12.000 euros, a publicación de 2.000 exemplares no selo Espiral Maior. Quere asimesmo destacar o recoñecemento como "o triunfo da poesía", dentro das súas outras facetas. "Aínda que fan máis ruido, o primeiro de todo, o motor, segue a ser para min a poesía", expresa. A escritora cre "difícil" valorar se con este poemario chega á súa madurez poética, aínda que si recoñece nela un punto de inflexión, tras ter publicado Elevar as pálpebras (premio Fermín Bouza Brey, 1995), Delicia (1998), Vivimos no ciclo das Erofanías (premio da Crítica, 1998) e O libro da egoísta (2003). En Profundidade de campo, Yolanda Castaño busca "os segundos temas, o que queda desenfocado" polos "prexuízos sobre a imaxe, sobre a imaxe da muller". Reflexiona deste xeito sobre a beleza. "Sobre a suposta beleza, a imaxe que os demais nos devolven de nós, sobre canto ten de verdade e canto ten de mentira, sobre canto revelan as apariencias", afirma a escritora coruñesa.A autora di presentarse sen "confesionalismos autobiográficos", pero "moi sincera" con ela mesma", porque "na poesía as máscaras non duran máis que un segundo".